Sabela Ramil: «Maruja Mallo transformaba o que percibía en arte»
A cantante Sabela Ramil estrea o seu novo EP. Tras participar no 25º aniversario de La Opinión, presenta ‘Bríllanche os olliños’, sobre as súas raíces e a liberdade artística xunto a unha homenaxe a Maruja Mallo

A cantante galega Sabela Ramil. | Cedida
O seu novo EP leva por título 'Bríllanche os olliños'. Que lle inspirou a escoller ese concepto?
Foi un proceso moi reconfortante, porque como di o propio título, quixen poñer o foco nesas cousas que che fan feliz no día a día, nas que che fan brillar os ollos. Escribir sobre iso foi moi bonito, porque partía do que me provoca ternura, do que me emociona ou me esperta algo. Tamén tivo momentos difíciles, como calquera proceso creativo, porque ás veces non todo sae como unha espera, pero globalmente foi un camiño moi gratificante.
E que é o que fai brillar os ollos a Sabela?
As cousas pequenas, de verdade. Son moi observadora, gústame mirar o que me rodea e valorar o que teño preto. Inspírame a natureza, as persoas que quero, as historias que escoito, os artistas que admiro… Apunto moitas cousas nun caderno ou no móbil, detalles que me fan sorrir ou que me chaman a atención.
Neste disco hai moitas referencias á vida rural e á Mariña lucense. Por que ese regreso constante ás suas raíces?
É o que me dá identidade. Por moito que busque outras inspiracións, a miña terra é o meu punto de apoio. Dende aí podo probar cousas novas, experimentar, pero sen perder o pé no chan. É o que me ancora, o que me lembra quen son e por que fago o que fago.
Como foi dar ese paso de producir vostede mesma a maior parte dos temas?
Foi algo bastante natural. Sempre fun moi curiosa cos sons, co proceso de gravación, con como se constrúe unha canción. Gústame poder decidir como quero que soe o que fago. Pouco a pouco fun aprendendo e, cando vin que podía facelo, o meu produtor animoume a dar o paso. Foi un reto, porque implica máis responsabilidade. Se algo non soa ben, é cousa túa. Pero tamén é moi liberador, porque tes o control total de como queres que soe.
En 'A quen ignora' inspirouse en Maruja Mallo. Que atopou nela para conectar tanto?
Maruja Mallo é unha artista incrible. Tiña esa capacidade de transformar o que percibía , a natureza, a cultura, os sentimentos, en arte. E iso é algo co que me identifico moito. Conectei con ela nese sentido. Coller o que nos toca e convertelo en algo artístico. En realidade, é tanto unha inspiración como unha homenaxe. Quixen reivindicar a súa figura e a súa obra, que son riquísimas e moitas veces pouco coñecidas. Tiña unha mirada moi avanzada e moi sensible á vez.
Sente que esta canción serve para reivindicala, para que máis xente a coñeza?
Si, pasou algo moi bonito. Houbo xente, mesmo da Mariña lucense, que non sabía quen era. A raíz da canción comezaron a buscar información, a ler sobre ela e a interesarse pola súa historia. Mesmo moita xente nova me escribiu dicíndome que a descubriran por min, e iso para min xa vale todo. Se unha soa persoa chega a Maruja Mallo por unha canción miña, xa compensa.
Tamén colaboras con María Escarmiento. Como naceu esa unión?
Tiñamos ganas de facer algo xuntas. Era difícil atopar un tema que encaixase coas dúas, porque temos estilos diferentes, pero atopamos un punto común. É un tema no que as dúas nos vemos reflectidas, tanto a nivel musical como persoal. É un tema distinto, e iso tamén é divertido.
Que lle gusta máis? O proceso de creación ou o resultado final?
O resultado tamén me gusta, claro, pero o proceso é o que me alimenta. É onde aprendo, onde medro, onde me reinvento. Se deixo de crear, sinto que me apago. Sempre estou pensando en cousas novas, escribindo, experimentando… Iso é o que me fai sentir viva.
Que lle queda por cumprir, persoal e profesionalmente?
Uf, moitísimas cousas [ri]. Gustaríame seguir sacando música, compartir máis con outros artistas e facer moitos directos, que é o que máis disfruto. E tamén me encantaría levar a miña música fóra, a públicos doutros países, quizais máis anglosaxóns. Creo que o galego pode chegar máis lonxe do que ás veces pensamos. Sería un soño poder compartir escenario con artistas internacionais e ver como reaccionan a algo tan noso.
Suscríbete para seguir leyendo
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Uno de los planes más esperados de la Navidad regresa a A Coruña