Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Grupo Naturalista Hábitat opina

Sobre as marismas do Baxoi (Miño)

cosme damián romay

O río Baxoi nace na serra de Queixeiro (Monfero), e tras 21 quilómetros de percorrido, desemboca na ría de Ares e Betanzos formando un sinuoso esteiro, coñecido como marismas do Baxoi. Este espazo natural, ata hai 30 anos tranquilo e só alterado polo viaduto da liña de ferrocarril entre Ferrol e Betanzos, experimentou unha degradación ambiental rápida e intensa desde finais dos 90: urbanización do bordo norte da marisma, viadutos e peaxe asociados á autoestrada AP-9, e, nas dunas da praia Grande de Miño, plantación masiva de árbores exóticas, novos aparcamentos e apertura dun campo de fútbol. Todo isto fixo perder ás marismas do Baxoi boa parte da súa naturalidade e apacibilidade. Tan só a súa ribeira norte e toda a xunqueira e intermareal permaneceron máis ou menos intactas, o que propiciou que se incluíran nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 nos anos 2008 e 2011, que finalmente non saíron adiante. O último lustro deu un respiro ambiental ao Baxoi: un (acertado) proxecto de rexeneración dunar supuxo a eliminación de gran parte do nocivo arborado alóctono e a creación dunha interesante charca estacional onde estaba o campo de fútbol. En decembro de 2023, declarouse unha zona de especial protección para as aves mariñas (ZEPA mariña) denominada Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental, que inclúe parcialmente as marismas do Baxoi (que pasan a integrar a Rede Natura 2000). Estas boas novas víronse arrefriadas pola intención da administración local de abrir unha pasarela pivotada paralela ao viaduto do tren, que degradaría a marisma protexida e ocasionaría residuos e molestias á fauna. A este proxecto engadiuse outro dunha agresiva e innecesaria senda litoral, que modificaría para sempre o único sector virxe da marisma (bordo norte). Nas alegacións que o G. N. Hábitat fixo á mesma rebatéronse afirmacións cientificamente erradas e subliñando as posibles molestias a especies protexidas e mesmo ameazadas, todo isto nun espazo incluído parcialmente na Rede Natura 2000. Por se isto fora pouco, o monte Piñeiro, situado no bordo suroeste das marismas, ten un proxecto que construción de varios centos de vivendas, que suporían alterar a paisaxe e máis presión sobre o espazo natural (contaminación luminosa e de efluentes sólidos e líquidos).

Conclusión: o G. N. Hábitat teme polo futuro das marismas do Baxoi, que sufriron, como poucos lugares, o impacto da man dos seres humanos. Con todo, seguirá traballando pola conservación deste espazo natural, reivindicando a súa protección total e estudando e divulgando a súa biodiversidade.

Tracking Pixel Contents