ENTREVISTA
Alfonso Rueda: «O axeitado é unha facultade de Medicina coa docencia moi descentralizada»
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, concédelle a súa primeira entrevista a LA OPINIÓN e promete que a segunda fase de ampliación do hospital estará rematada a finais de 2032 ou comezos de 2033, garante pular pola transferencia da AP-9 aínda que goberne o PP e esixe un novo financiamento autonómico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pasea pola zona da Marina na Coruña. / Casteleiro
Alfonso Rueda, presidente da Xunta, fala por primeira vez con LA OPINIÓN A CORUÑA logo de dar un paseo polo Parrote e recoñecer que visita moitas veces a cidade «de incógnito». Promete cumprir os novos prazos da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da cidade (Chuac), lamenta o déficit de 500 millóns de euros que lle causa a falta dun novo modelo de financiamento e mantén a súa defensa dunha única facultade de Medicina situada en Santiago, mais cumprindo o plan de descentralización docente que se vulnera desde hai 15 anos.
Como se atopa e que balance fai da primeira metade da lexislatura, para a que faltan uns poucos meses?
Atópome ben, con ánimos, que neste oficio xa é bastante. Sempre dixen que, desde o punto de vista do traballo e da confianza que lle pedín á xente, o medidor ía ser o cumprimento dos compromisos do programa. E agora mesmo, sobre todo en cousas fundamentais como é a vivenda, imos ben. O meu obxectivo é cumprir o programa comprometido, non sei se vai ser ao cen por cen, pero case.
Un dos peores momentos desde que tomou posesión foron os lumes deste pasado verán. As medidas que se tomaron van permitir evitar un novo verán catastrófico?
Logo dos incendios de 2022, levabamos dous anos moi bos e este foi, evidentemente, malo. Isto non quere dicir que fixeramos todo ben nos dous anos anteriores e este ano fixeramos todo mal. Isto depende de moitas cousas, as condicións climatolóxicas, sobre todo... Foron uns días moi duros e eu o que intentei, primeiro, foi estar alí dentro desde o principio, ao pé do cañón, e despois cumprir o compromiso de que as axudas chegarían canto antes. A maioría xa están pagadas e as do Goberno non están nin sequera convocadas. Nós remataremos o ano con todas pagadas. E despois queda a segunda parte, que é tentar mellorar.
Como?
Para min, o fundamental é incidir na limpeza, pero non pode ser só unha responsabilidade das administracións, nin só da Xunta. Ten que ser tamén dos propietarios e, polo tanto, imos incidir moito niso. Fixemos cambios legais, xunto cos concellos, para que cumpran a súa obriga de limpar.
«Haberá man dura coas multas aos donos que non limpen o monte»

Alfonso Rueda, sentado na explanada do Parrote da Coruña con embarcacións ás súas costas e algunhas das coñecidas galerías da cidade o pasado venres. / Casteleiro
Man dura coas multas?
Haberá man dura, pero oxalá non sexa necesario aplicar sancións. Tamén haberá tamén axudas aos concellos e certa flexibilización, por exemplo, no período de queimas e no período de limpeza e desbroce.
Falamos antes da vivenda. Cando se van ver os froitos das súas políticas, que varían respecto a anos anteriores de escasa construción?
O problema da vivenda está a manifestarse con toda a súa crueza agora e todas as administracións nos demos conta. A Xunta está cumprindo. Preguntaba cando se poden ver: non hai máis que ir, desde logo, por todas as cidades e tamén por moitos concellos, que están colaborando con nós, para ver xa como se están construíndo, que as estruturas se están levantando. As primeiras vivendas ímolas entregar o ano que vén e, a partir de aí, iremos en cascada ata cumprir o compromiso. Queremos chegar ao final da lexislatura con 4.000 vivendas novas. Na Coruña entregarase un número importante, non sei se ao final do ano que vén ou, dende logo, no 2027.
En Xuxán houbo bastantes problemas coa cooperativa Galivivienda. Os cooperativistas pedíanlle á Xunta que se involucrase para solventar o incremento das cotas que tiñan que pagar. Vanse implicar?
Nós sempre dixemos que hai que facer vivenda directamente coa Xunta e despois axudar a todos os cooperativistas que queiran facer vivendas con prezo social. No caso de Galivivienda, implicámonos desde o principio e intentamos xunto cos cooperativistas transmitirlle ao ministerio e ao ICO que non se poden cambiar as condicións. Estamos tentando solucionalo. Se non fose así, a Xunta non os vai deixar tirados.
A que se refire?
Imos tentar solucionalo como hai que solucionalo, pero, desde logo, non se vai deixar de facer esa promoción porque non poidan cubrir as novas condicións que lle puxeron.
Entendo que a Xunta porá en marcha unha axuda financeira dalgún tipo…
O lóxico é que non fóra necesario, pero se fóra necesario, a Xunta estará.
A Xunta opúxose á declaración de zonas tensionadas, como a aplicada na Coruña. Prevén crear un rexistro de grandes tenedores de vivenda para saber quen pode subir ou non o alugueiro?
Permítame un matiz, non nos opuxemos. Eu din a miña opinión. Opoñerse serían non declaralas e hai outras comunidades que o fixeron. Cremos que é unha fórmula que non funciona.
A principal obra da Xunta na Coruña é a reforma do Chuac, que Feijóo prometeu para 2027. A primeira fase vai rematar no 2031 e non temos data para o resto. Pode afinar algo?
Xa recoñecimos que non se cumprirán os prazos iniciais. Tentaremos cumprir os novos. A primeira fase xa está en execución. E a segunda, que son 400 millóns, case. Falamos do investimento público máis importante en materia sanitaria que fixo a Xunta. No primeiro semestre do ano 2026 hai que ter licitadas as obras desa segunda fase. Gustaríame que estas quedaran adxudicadas durante o ano que vén, e empezar a facelas e, a partir de aí, 60 meses.
O obxectivo sería que se adxudicaran a finais do ano que vén.
Durante o ano 2026, si, as consignacións están: 400 millóns. Aquí hai investimentos importantes, outra cousa é que sexamos capaces de visibilizalos. Hai 700 millóns para o ano que vén, cartos que se gastan en atender a dependencia, sanidade, educación pública. Todo isto son cartos dos cidadáns que se gastan na cidade da Coruña.
Por que non autorizan unha facultade de Medicina na Coruña?
Creo que o modelo que ten que funcionar é o dunha única facultade coa docencia descentralizada, que foi o que estaban pedindo os docentes, incluidos os que traballan na área sanitaria da Coruña no Chuac.
«O axeitado é unha facultade de Medicina coa docencia moi descentralizada»

Rueda, durante a entrevista con LA OPINIÓN A CORUÑA, celebrada na sede da delegación da Xunta na cidade. / Casteleiro
Ese acordo non se cumpre desde hai 15 anos.
Xa dixemos que foi un erro e que probablemente ese incumprimento levou a esta situación. Polo tanto, o que hai que facer agora é que se cumpra ese acordo. Se se cumpre de verdade, e iso supón renuncias nas partes para facer unha boa distribución da docencia, o modelo axeitado é unha facultade coa docencia moi descentralizada para aproveitar as potencialidades que hai. Hai moitísimo talento e moita xente disposta a ser profesor na Facultade de Medicina, pero claro, esixen unhas condicións. O mellor que lle pode pasar a Galicia é manter esa facultade e, ao mesmo tempo, que esa docencia sexa descentralizada. Tamén hai un problema sobre o que temos que reflexionar. Cada ano formamos moitos médicos en cada promoción, arredor de 400, e unha parte importante é xente que vén de fóra, que se forma aquí, e que despois marcha. Aí teriamos que conseguir que os estudantes que formemos aquí sexa para ser médicos en Galicia.
A Universidade de Santiago non se move. Alguén ten que ceder.
Unha cousa é o que se di e outra cousa é o que se está a falar. Aquí houbo xente moi razoable durante este proceso que, en aras de chegar a un acordo, está un pouco aguantando os forofismos e as utilizacións políticas que poida haber, moito localismo, tamén na parte de política.
O localismo, curiosamente, aplícase aos que están fóra de Santiago.
(risa) Entre outra cousas, porque é en Santiago onde está a facultade agora mesmo.
Si, pero tamén estaba na Coruña a de Informática e a UDC non se opuxo a que Santiago abrise a súa.
O problema vén de non cumprir o acordo de 2015.
Pode suceder que non haxa unha segunda facultade de Medicina na Coruña e que si haxa unha privada? Cónstalle que hai sondaxes para iso?
Está a haber facultades privadas de Medicina en moitos lugares. Aquí hai unha rede de tres excelentes universidades públicas moi apoiadas pola Xunta. Esa é a nosa obriga, apoiar o sistema público de universidades, xa que, haxa universidades privadas ou non, case non depende da Xunta de Galicia. E, cada vez que vou a Madrid, hai xente que ten universidades privadas noutros sitios que manifestan o seu interese por Galicia, pero iso a min non me pode distraer.
Cando chegou á Xunta, comezou a aplicar o estilo Rueda. Non sei se ese estilo é elevar a confrontación co Goberno central. Pregúntollo porque o 80% das iniciativas do PP no Parlamento Galego son esixencias ao Executivo de Pedro Sánchez.
Non, mire, nós temos unha responsabilidade, que é xestionar este ano máis de 14.000 millóns, pero tamén reclamar o que nos corresponde. Estou desexando aplaudir acertos do Goberno porque se acerta, acerta para Galicia.
De gobernar Feijóo, cre que a AP-9 sería transferida a Galicia?
Desde logo, voullo pedir. Non entendería ninguén que o que reclamamos agora non se pida despois. E espero que houbese esa transferencia. E se non, tería que dicir que non estou de acordo.
Rajoy tamén a vetou.
E nós non estivemos de acordo naquel momento porque foi un dos poucos acordos que se tomaron por unanimidade no Parlamento galego. E iso obrígame a denunciar a tomadura de pelo que nos está facendo agora o Partido Socialista coa complicidade do Bloque.
Que supón a falta dun novo financiamento autonómico para Galicia?
Calculamos que o infrafinanciamento non é menos de 500 millóns, que vou reclamar cando nos senten ás comunidades.
Por certo, a oposición censura que os seus orzamentos para 2026 medren menos que a inflación. Que alega?
Que nós facemos orzamentos realistas. É doado subir moito as contas e logo vén a frustración de non ter ingresos para respaldalas. Se podemos corrixir os orzamentos á alza, farémolo.
Esta semana estivo marcada polo aniversario da dana. Carlos Mazón vai abrir un período de reflexión. Cre que debería dimitir logo de dar oito versións sobre onde estaba mentres morrían cidadáns pola dana?
Estiven o outro día no funeral, a verdade é que foron momentos de moita tensión e ao día seguinte Mazón dixo que ía abrir un período de reflexión. Dimitir é unha decisión persoal. Mentres sexa presidente, ten que implicarse na reconstrución.
Saíu vivo Pedro Sánchez da comisión no Senado sobre a presunta corrupción do PSOE?
Quen di iso son os que querían que Pedro Sánchez saise vivo. Non saíu vivo en absoluto.
Debería dimitir?
Volvo dicir, iso é unha decisión persoal. Hai moitas cousas que non está facendo ben en absoluto. A situación dun presidente do Goberno cos casos xudiciais que ten colócano nunha situación moi complicada. É moi difícil gobernar e estar coa cabeza nos asuntos do país se estás nesa situación. Agora mesmo, para min, en España non hai ninguén ao mando.
Facemos a entrevista na Coruña, non sei como ve a cidade e como é a súa relación coa alcaldesa, Inés Rey.
Tento levarme ben con todos os concellos. Sorpréndenme un pouco as declaracións dela, por exemplo nunha entrevista en LA OPINIÓN, nas que parece que todos os males e as cousas que non é quen de facer teñen un culpable exterior, que é a Xunta.
Vai acoller A Coruña partidos do Mundial de fútbol?
A decisión sobre as as sedes é da FIFA. A outra competencia pode ser das cidades que se presentan como candidatas. Nós xa dixemos no 2022 que a Xunta ía apoiar as dúas candidaturas que había en Galicia: Vigo e A Coruña. Puxemos dúas condicións. Primeiro, que a proposta partise da cidade, e segundo, coñecer moi ben os custos e esixir que o resto das administracións se implicasen igual, como concellos, deputacións e o Goberno central. Manteño o meu compromiso, pero a día de hoxe non sei o custo nin na Coruña, nin en Vigo, e tampouco se outras administracións se van implicar na mesma medida que a Xunta. Aquí na Coruña, por exemplo, falouse dun promotor privado e nunca máis se soubo. O único compromiso firme é o da Xunta, aquí e en Vigo, onde o alcalde dixo que, se non nos implicabamos, que o pagaba el só.
Por certo, xa dou por sentado o titular de que vai optar á reelección no 2028, non si?
(risas) Queda tempo. Traballo para merecer a confianza dos galegos e se decido pedila, que ma volvan dar sería perfecto.
- Abre al público el primer local comercial del barrio de Xuxán en A Coruña
- Arranca en A Coruña tras once años de espera la obra del nuevo mercado y centro de salud de Santa Lucía
- Luz roja del Ayuntamiento de A Coruña al proyecto de 100 viviendas entre A Maestranza y Metrosidero
- Cocinas de A Coruña que brillan en pocos metros cuadrados: 'El truco está en la organización y la comunicación constante
- La Xunta ordena suspender el cambio que dio más usos a Espacio Coruña
- Así era Dolce Vita, el centro comercial de A Coruña que cerró al abrir Marineda City y que ahora se transformará en Breogán Park
- Tres desayunos para dar la vuelta al mundo sin salir de A Coruña: 'En Perú desayunamos fuerte porque trabajamos mucho
- Las nuevas terrazas de A Coruña: estos son los colores que podrán tener con la nueva normativa
