Carmen Prieto, directora do Arquivo do Reino de Galicia: «Aínda seguen aparecendo sorpresas nos fondos»
«Case non hai variación entre a documentación xudicial dos séculos pasados e a actual; en Galicia ,a maioría son preitos por propiedades»

Carmen Prieto, na exposición do Arquivo do Reino de Galicia. / Carlos Pardellas / CARLOS PARDELLAS
Carmen Prieto é a directora do Arquivo do Reino de Galicia desde o ano 2008, unha institución que cumpre os seus primeiros 250 anos de vida.
¿Canto tempo lles levou a preparación desta exposición?
Un ano. O que levou moito tempo foi seleccionar os documentos porque temos millóns. Deixalo en menos de setenta e revisar a documentación foi o máis traballoso . Había algúns que tiñamos claro que tiñan que ir porque son representativos do fondo que temos.
Como cales?
A documentación da Real Audiencia, que foi a primeira que chegou ao Arquivo e a razón de que se fundase, porque había que gardar os expedientes xudiciais.Estaban en moi mal estado e iso ocasionaba moitos problemas, tanto ao propio tribunal como á xente porque non aparecían os preitos, faltaban documentos... .Había problemas de espazo, de condicións... Para financiar o arquivo o que se fixo foi gravar cun real o imposto do sal que se consumía en Galicia.. A petición do Reino de Galicia de que se crease o arquivo é de 1761, pero a Real Orde de Carlos III é de 1775, que é cando se crea na Coruña.
Sempre estivo neste edificio?
Non, ao principio estaba no edificio de Capitanía, até o século XX. Creouse cun arquiveiro, dous oficiais e un porteiro.
Actualmente cantos son?
Somos 28. Chegamos a ser 36 e esperamos recuperar o cadro de persoal. Gustaríanos ter máis, pero está ben e temos medios para desenvolver o noso traballo.
Custodian millóns de documentos, están todos estudados?
Non, están todos localizados e inventariados, todo ten o seu número e a súa sinatura. Aínda así, seguen aparecendo cousas, aínda que pareza incrible, cada vez menos, pero segue habendo sorpresas. Non están todos os documentos descritos nin creo que cheguemos a facelo.
Nesta primeira documentación que chegou, que había?
Expedientes. Antes gardábanse amarrados con corda e, para protexer os laterais e tamén para evitar a humidade, facían unhas gardas con preitos cosidos e cargábanos cun pau que tiña un gancho.
De que eran eses preitos?
Case non hai variación entre a documentación xudicial dos séculos pasados que gardamos e a actual. Eu sempre digo que as persoas non cambiamos nada, porque en Galicia case o 90%son preitos por propiedades, cuestións de lindes, superficies, rendas, herdanzas, impagos, obras ilegais... Hai tamén casos de incumprimentos de palabra de matrimonio e algúns por contrabando, menos, porque xa se expurgaron as causas de roubos e asasinatos. Aínda queda, pero unha parte pequena en comparación co que debeu haber no seu día.
Como é o día a día no Arquivo?
Hai persoal que atende ao público, a quen vén consultar os fondos. Hai quen vén localizar o planos da súa casa ou a buscar as cédulas de propiedades dos seus antepasados e que piden copia ou non e marchan e investigadores que poden vir durante meses. No terceiro andar está o persoal técnico que describe fondos e organízaos para poder dixitalizalos e responden ás consultas a distancia, que temos moitísimas. Antes tiñamos unhas 300 ao ano e en 2025 xa atendemos 1.200. No último andar está o persoal de restauración. Para nós é primordial atender a xente porque somos un servizo público.
E cales son as consultas que máis lles fan?
Sobre todo, de propiedades para actualizar a información do catastro. Agora tamén temos moitas consultas relacionadas cos proxectos dos edificios polas axudas á rehabilitación e á eficiencia enerxética, porque é máis rápido conseguilos aquí que en Urbanismo, aínda que nós só temos fondos ata o ano 1994. Sorprendentemente, a documentación da Real Audiencia segue a ser moi consultada porque a información que contén a nivel social e económico e da vida diaria de Galicia é valiosísima.
Suscríbete para seguir leyendo
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Promotores de Visma alejan los nuevos edificios de Os Mariñeiros
- Catorce metros de memoria de A Coruña en un almacén: las primeras imágenes de la estatua a los Hermanos de la Lejía
- Vogue convierte las calles de A Coruña en escenario de su editorial de otoño
- La nueva estación de autobuses de A Coruña encara la recta final de la obra con la estructura acabada
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- Uno de los planes más esperados de la Navidad regresa a A Coruña