Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A polémica coincidencia de Amaia cunha melodía do grupo Aliboria

A última canción da artista navarra, ‘Aralar’, deu moito que falar nas redes despois de que o grupo coruñés descubrira a súa semellanza con ‘Caroi’, un tema que publicaron en 2016. A formación de música tradicional galega anunciou que chegaron a un acordo amistoso e celebraron o éxito das melodías da terra

O grupo Aliboria, nunha foto de arquivo durante unha actuación. |  David Ramos Castellano

O grupo Aliboria, nunha foto de arquivo durante unha actuación. | David Ramos Castellano

A Coruña

A última canción de Amaia Romero, titulada Aralar, deu moito que falar en Galicia nos últimos días. O motivo foi a súa semellanza con Caroi, un tema publicado no ano 2016 polo grupo coruñés Aliboria, coñecido polo seu traballo na música tradicional galega.

Segundo explicaron nas súas redes, a artista navarra empregou como base musical o tema Caroi sen contar coa autorización do grupo, que se decatou do uso da súa composición só despois da publicación de Aralar.

Lonxe de reaccionar con crispación, Aliboria respondeu con retranca. Nas súas redes sociais compartiron un vídeo humorístico no que se podía ver un fotomontaxe de Amaia tocando xunto á banda. Acompañaban a imaxe cunha mensaxe clara e chea de orgullo: «Aquí deixamos este pequeno recordatorio de que a música galega segue soando, mesmo cando non o di ninguén».

Nos días seguintes, tanto Amaia Romero como o grupo galego mantiveron contacto para esclarecer o sucedido. O diálogo deu froitos e, finalmente, chegaron a un acordo amistoso. Nun comunicado difundido polas súas canles oficiais, Aliboria agradeceu as mostras de apoio recibidas e destacou a boa disposición da artista e do seu equipo: «Estes días recibimos moito agarimo e apoio, e queremos darvos as grazas de corazón. Tivemos a oportunidade de falar con Amaia e co seu equipo, que asumiron responsabilidades, amosaron comprensión e sensibilidade ante o ocorrido, algo que agradecemos sinceramente. Estamos en contacto para resolver esta situación con tranquilidade e boa disposición por ambas partes. Alegrámonos de que a nosa música poida inspirar a grandes artistas e de que a música galega continúe abrindo fronteiras». Amaia contestou cuns corazóns á publicación.

O episodio, que comezou cunha certa controversia, remata así cun exercicio de respecto e recoñecemento mutuo, no que a música volve ocupar o lugar central. Tanto o público galego como os seguidores da artista celebran que o desenlace se producise desde o diálogo, a empatía e o amor pola creación musical.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents