A Repichoca, un bar da Coruña que agora é disco
O grupo coruñés Tiruleque réndelle homenaxe no seu quinto disco, ‘Repichoca’, á evolución da música tradicional tal e como os seus membros a recibiron, desde as gorxas das informantes aos locais que apartaban mesas e cadeiras para improvisar unha foliada na cidade. Este domingo preséntano no Colón

Os membros de Tiruleque, nunha foto promocional / Cedida
Con máis de vinte anos de carreira e catro discos editados, o grupo coruñés Tiruleque quería facer algo especial para o seu quinto traballo e, aínda que ten no título unha homenaxe directa ao local A Repichoca, que foi casa e torreiro de moitos artistas, o músico e cantante Serxo Núñez defende que hai moitas máis lecturas neste último disco da banda que se presentará en director este domingo no teatro Colón, a partir das 20.30 horas.
«Fala da xeración de músicos e de como rexurdiron as foliadas como un tipo de divertimento libre, iso ten moito que ver con locais e con xeracións coma a nosa, que está entre a aldea e a cidade», explica Núñez porque, como xa fixeran os seus antepasados e os que viñeron despois, «utilizaban a música para pasalo ben» e, á vez, facer arte.
«O fío condutor de Repichoca ten moito que ver con como nós facemos música, que parte do que nos chegou a través da tradición oral e que, despois, nós mesturamos con outras músicas e influencias que nos gustan para incorporar á tradición novos matices e novas maneiras de facer», define Serxo Núñez, que defende que neste quinto disco decidiron tamén renderlle homenaxe a todas aquelas mulleres que mantiveron viva a música galega e que xenerosamente ensinaron as súas coplas e os seus xeitos de tocar a quen lles pedía que cantasen para aprender e continuar co seu legado.
Para Tiruleque, poder tocar no teatro Colón supón un fito na súa traxectoria porque, a pesar de que é unha banda «afincada e criada» na Coruña non tivo moitas oportunidades de tocar nos grandes teatros da cidade e «por fin» se dará esta circunstancia, así que, o feito de se subir a este escenario «construído para respectar os sons e que a xente poida escoitar a música dunha forma máis consciente» é un paso máis na súa carreira. «Non foi nunca doado, cando menos, para a nosa música chegar a este espazos», resume Serxo Núñez, que fai un eloxio dos locais como A Repichoca, en Monte Alto, ou a Casa das Crechas, en Compostela, que hai décadas apostaron pola música en directo, por levar á cidade as foliadas e por ensinarlle a quen non o soubese que a música tradicional é tan divertida como calquera outra e que con ela se pode bailar, ligar e trasnoitar.
«A gran vitoria da xeración dos músicos tradicionais que naceron entre os anos sesenta e os noventa foi conseguir que algo que se estaba folclorizando e converténdose nunha cuestión ritual pasase a ser entendido por moita xente como algo vivo, como algo que serve para algo, que serve para pasalo ben, para facer comunidade, para coñecerse e para iso teñen moita importancia os lugares onde iso se coceu, porque pasou de darse nun contexto rural a facelo nun contexto urbano e en locais que decidiron que se podía cantar, tocar e bailar aínda que iso lles supuxese problemas a nivel burocrático», explica Núñez, porque non sempre foi doado para estes negocios conciliar a súa actividade co descanso dos veciños.
Á Repichoca levouna por diante a pandemia, en marzo de 2021, logo de poder abrir só cinco semanas en todo un ano, tivo que pechar as súas portas. Dentro do local quedaron dezaoito anos do que foi o soño de Checha, que quería montar un bar que fose máis ca iso, que fose un fogar no que nunca faltasen os instrumentos, as cancións, o baile e a música en directo. Agora, o seu soño é tamén un disco.
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a los bocadillos de calamares: Down Coruña cierra el quiosco de la plaza de Ourense
- La nueva estación de autobuses de A Coruña, a punto: los operarios colocan el cartel
- Sale a la venta un piso de obra nueva con terraza y vistas a la Ría del Burgo en Culleredo por 242.000 euros
- Los nuevos contenedores orgánicos de A Coruña: cerradura electrónica y factura de 2,35 millones, pero no «inteligentes»
- Consulta aquí los servicios mínimos durante la huelga de transportes de A Coruña
- El Concello de A Coruña da licencia para convertir más de 40 bajos en vivienda en lo que va de año: se alquilan por hasta 2.000 euros
- Un joven, en la UCI tras subirse a la estatua de la fuente de Azcárraga y caer con ella
- María Díaz, presidenta de Down Coruña sobre el cierre del Quiosco: «Con todo el dolor del corazón, los números no salen»