Un roteiro para descubrir as fosas do terror na Coruña
O cemiterio de Santo Amaro ten aínda máis de 200 persoas soterradas en fosas comúns

Participantes no roteiro, este sábado, no cemiterio de Santo Amaro / Carlos Pardellas
Na parte de terra do cemiterio de Santo Amaro, onde desde hai pouco máis dun mes descansa o pintor Francisco Miguel, hai aínda corpos enterrados de persoas asasinadas polo franquismo. Para non esquecelos e para honrar as súas vidas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica organizou este sábado un roteiro polas «fosas do terror», que se encargou de guiar Rubém Centeno, autor do traballo A cidade sepultada: As fossas ocultas do franquismo do cemitério de Santo Amaro (1936-1949), ao que asistiron tamén familiares de represaliados que contaron como os seus avós e pais intentaran moitas veces atopar os restos dos seus seres queridos sen conseguilo.
«As fosas de Santo Amaro están dispersas por todo o cemiterio», explica Centeno, que lamenta que sexa en 2025 cando se fai «por primeira vez un roteiro específico sobre as fosas da Coruña» porque é o «primeiro recoñecemento real de que estes enterramentos existen», de todo o que pasou na cidade e da «impunidade» da que gozaron quen perpetraron estes crimes. «Os nosos avós e as nosas avoas que tiveron esa vivencia de que lles matasen os seus familiares nunca puideron saber onde estaban, por iso penso que está de plena actualidade, porque a impunidade chega ao día de hoxe», asevera Centeno, que aínda este sábado escoitou de boca dos descendentes destes loitadores pola liberdade como se lles animaba a esquecer o pasado baixo a ameaza de que eles poderían ter tamén o mesmo final dos seus desaparecidos.
Nestes lugares enterraban a «grupos enteiros de persoas que foron paseadas e que desaparecían», relata Centeno, que destaca que estas fosas non son só a mostra da crueza dos sublevados senón que tamén dan a medida da resistencia na Coruña. Só en Santo Amaro na zona de terra hai constancia de que foron enterrados en catorce fosas comúns 111 persoas no ano 1936, das que foron exhumadas só 35 nos anos corenta polas súas familias. Os demais seguen aí. Trasladado a un nicho foi, por exemplo, o home de Juana Capdevielle, o gobernador civil da república, Francisco Pérez Carballo, outros non tiveron tanta sorte, porque xa o franquismo se encargaba de evitar que as familias buscasen e abrisen as fosas. «Non busquedes, a ver se ides acabar coma eles», dicíanlles, comenta Centeno. Só en Santo Amaro houbo 268 persoas enterradas en fosas, das que só esas 35 foron exhumadas, así que, o resto seguen alí.
A primeira muller asasinada polo franquismo que está en Santo Amaro é Antonia Blas.Conta Centeno que foi tiroteada polos sublevados, pero a súa memoria segue viva porque a visita a onde repousan as súas cinzas foi unha das paradas deste roteiro.
Outra foi o cemiterio civil onde están os guerrilleiros galegos executados a garrote vil no cárcere da Coruña. «Houbo enterramentos ata o ano 1952, eran anónimos, sen lápida», relata Centeno que fixo unha última parada no mausoleo nazi, que se creou logo de que a finais do ano 1943, xa co III Reich en plena decadencia a embaixada alemá se puxese en contacto coa Coruña para pedirlle que lle cedese unha parcela na cidade para enterrar a soldados nazis que morreran en Galicia. «Máis que unha petición era unha esixencia, pero os gobernantes, que eran franquistas, ceden sen ningún problema ese terreo para o mausoleo nazi, mentres que os guerrilleiros antifranquistas estaban enterrados sen nome», sinala Centeno a diferenza de tratamento.
- Adiós a los bocadillos de calamares: Down Coruña cierra el quiosco de la plaza de Ourense
- La nueva estación de autobuses de A Coruña, a punto: los operarios colocan el cartel
- Sale a la venta un piso de obra nueva con terraza y vistas a la Ría del Burgo en Culleredo por 242.000 euros
- Los nuevos contenedores orgánicos de A Coruña: cerradura electrónica y factura de 2,35 millones, pero no «inteligentes»
- Consulta aquí los servicios mínimos durante la huelga de transportes de A Coruña
- El Concello de A Coruña da licencia para convertir más de 40 bajos en vivienda en lo que va de año: se alquilan por hasta 2.000 euros
- Un joven, en la UCI tras subirse a la estatua de la fuente de Azcárraga y caer con ella
- María Díaz, presidenta de Down Coruña sobre el cierre del Quiosco: «Con todo el dolor del corazón, los números no salen»