Entrevista | Felisa Segade Música, vocalista e percusionista que presenta o seu novo proxecto no teatro Colón, o 20 de novembro
Felisa Segade: «Van escoitar algo novo, para oídos abertos»
Felisa Segade volve á execución tradicional da música que aprendeu das mulleres das aldeas, non engade nada, toca e canta coma elas pero a súa voz e a súa percusión está agora mesturada con catro saxos, que lle achegan ao seu novo proxecto un son «novo, contemporáneo». Estrea proxecto no Colón o día 20

Felisa Segade, coa súa banda. | / Óscar Antón Pérez
A voz de Felisa Segade forma parte da memoria de Galicia, como membro de Leilía, pero tamén como participante en proxectos doutros compañeiros —gravou con Milladoiro cando tiña só 16 anos— e, agora, tamén como protagonista dunha nova proposta, na que se une aos saxofonistas Pedro Lamas, Pablo Añón, Miguel González e Toño Otero para lle dar unha nova vida á música de raíz. Preséntano en directo o xoves, 20 de novembro, no Teatro Colón, ás 20.30 horas. As entradas están á venda en Ataquilla.com desde 17,60 euros.
Como nace este proxecto? É froito da desaparición de Leilía e da busca da propia identidade?
Esta idea empezou anos atrás, así que, non ten que ver coa desaparición de Leilía senón coas miñas propias inquedanzas.
E aposta por unir a súa voz á de catro saxofóns, un deles o de Pedro Lamas.
A Pedro e a min xúntanos o técnico de son Rubén Montes que é moi coñecedor do que facemos os dous. A el parecíalle que un proxecto entre os dous podería quedar potente, poñémonos en contacto e vemos que nos apetece traballar xuntos e tirar por unha vía que non está explorada. A xente vai escoitar é algo novo, contemporáneo, un proxecto para oídos abertos.
A base é a da tradición oral e a das pezas recollidas ou inclúe tamén composicións propias?
A base principal do proxecto é a música das nosas aldeas e os arranxos enaltecen a nosa música. No escenario temos cinco voces, a miña e a dos catro saxos, e unha percusión. Iso foi toda a vida a música das pandeireteiras: mulleres coa súa voz e a súa percusión. As pezas son todas recollidas, quizais volva ser o momento da miña traxectoria na que fago unha execución máis tradicional. Tanto con Leilía como con Tres Pesos baseabámonos na tradición pero faciamos arranxos nas percusións, compoñiamos cantigas propias, pero neste traballo volvín á raíz máis pura, as pezas están tal cal se recolleron tanto no xeito de cantar como no de tocar como as coplas que se botan. Non hai nada de creación propia, é moi enriquecedor volver a esa raíz máis pura, como cando naceu Leilía, que non tiña arranxos nin músicos que nos acompañasen. Neste caso, se sacas os saxos e quedas só coa percusión e a voz, estás escoitando unha foliada como a que se deu nalgún tempo.
Que proxección de futuro ten este proxecto?
Coido que o seu lugar son os teatros porque tamén vai acompañado por un proxecto de luces feito por Héctor Naveira, que complementa todo o que se escoita. Nós estamos contentos co que estamos a facer e no futuro próximo está gravar e sacar un disco.
Para tirar por este son do jazz, desbotou outras mesturas?
Eu sempre que alguén me propón algo, acepto, porque me parece enriquecedor para min e para a nosa música. Iso non quere dicir que eu despois vaia seguir o estilo musical dese proxecto. Neste caso, esta é unha idea nova, Pedro Lamas fíxome a súa proposta, a min pareceume estupenda e por aí tiramos. Quen sabe se o seguinte que faga vai ir por outro lado.
Como ve o momento actual da música galega, é unha moda este interese que hai por aprender a bailar, a cantar e a tocar?
Hai un rexurdir da música tradicional e está moi presente, en especial, a música das pandeireteiras. Proba disto é que lles dedicasen o Día das Letras Galegas. Eu coido que as institucións adoitan ir por detrás do que o pobo reclama e non houbo máis que ver o anuncio para que saísen de todas partes pandeiretas. Os grupos de música de calquera estilo sonan máis a galego, meten unha cantiga, unha gaita ou unha percusión tradicional... Creo que estamos nun momento moi bo e non creo que vaia pasar como se fose unha moda porque se a música de raíz ten tanta forza e a xente a fai cada vez máis súa é porque a levamos no ADN. É unha música coa identidade do pobo. Isto non chega de casualidade, durante moitos anos, houbo moitos grupos e moitas asociacións sementando para que hoxe chegase este bum. Cando subimos por primeira vez a un escenario as Leilía, a xente non coñecía que o que faciamos era galego.
Perdéuselle o medo a mesturar a música tradicional con outros estilos e a perder a pureza da raíz?
Eu non lle chamaría medo, pero todo vai progresando e podes facer cousas que che apetezan sempre coñecendo de onde vés. Con todos os anos que levo esta pregunta non me sorprende porque con Leilía xa o padecemos. Nós decidimos que tiñamos que facer un proxecto de música só de pandeireteiras para mostrar a raíz, de onde viña a nosa música e daquela dicíannos que estaba moi ben, pero que estabamos tolas. Cando decidimos facer un disco musicado dixéronnos que nos estabamos perdendo, que non era tradicional... Suso de Toro definiunos moi ben dicindo que, aínda que eramos fillas desta terra, tamén eramos fillas do noso tempo. Se deixas as cousas metidas nun museo, está moi ben para ir mirar, pero non para vivir e a nosa música ten que estar viva e estará viva sempre que alguén a trate con cariño e sabendo cales son as súas raíces. Eu penso que agora estamos nun momento no que a xente se sente máis libre para facer o estilo musical que lle vén ben sempre tendo en conta de onde vén e iso explica que a música tradicional estea tan forte hoxe en día.
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a los bocadillos de calamares: Down Coruña cierra el quiosco de la plaza de Ourense
- La nueva estación de autobuses de A Coruña, a punto: los operarios colocan el cartel
- Sale a la venta un piso de obra nueva con terraza y vistas a la Ría del Burgo en Culleredo por 242.000 euros
- Los nuevos contenedores orgánicos de A Coruña: cerradura electrónica y factura de 2,35 millones, pero no «inteligentes»
- Consulta aquí los servicios mínimos durante la huelga de transportes de A Coruña
- Un joven, en la UCI tras subirse a la estatua de la fuente de Azcárraga y caer con ella
- María Díaz, presidenta de Down Coruña sobre el cierre del Quiosco: «Con todo el dolor del corazón, los números no salen»
- ¿Por qué A Coruña es la única ciudad gallega en la que se ha congelado al alquiler?