Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fransy González: «En ‘Manhe’ fago o que sei facer, cantar e tocar»

Fransy González, que naceu en Grenoble (Francia) pero está afincada en Arteixo, leva máis de trinta anos participando en proxectos doutros compañeiros e agora lidera o seu, ‘Manhe’, que presentará o 23 de novembro, no teatro Colón

Fransy González, nunha imaxe promocional de ‘Manhe’. |  La Opinión

Fransy González, nunha imaxe promocional de ‘Manhe’. | La Opinión

A Coruña

A cantareira Fransy González leva toda a vida enriba dos escenarios e dando clase, sempre coma unha peza máis dun proxecto conxunto até que decidiu que era o momento de poñerse á fronte do seu propio proxecto. O resultado dese paso adiante chámase Manhe e poderá verse no teatro Colón o domingo 23 de novembro a partir das 19.30 horas. Estará acompañada pola Orquestra de Cámara Galega e por convidados que prefire non revelar. As entradas están xa á venda na plataforma Ataquilla.com a partir de 13,6 euros.

Por que decide dar un xiro á súa carreira e crear 'Manhe'?

Despois de dedicar toda a vida a cantar música tradicional galega desde que son pequena, chega o momento no que quería dar un novo paso cunha mirada nova e profunda das nosas raíces. Este proxecto nace do amor, da memoria e do desexo de dar prestixio á nosa música tradicional, de colocala no lugar que sempre lle pertenceu, o da beleza universal, porque a nosa música tradicional non é só pasado senón que é tamén futuro. Este proxecto fíxeno da man de Pedro Lamas, que é o director musical e toca o saxo soprano e ao que coñezo desde hai máis de vinte anos. Comentamos a idea de facer algo xuntos e gravamos tres temas cunha formación a trío que publicamos en febreiro e xullo. Empezamos a ver por onde podía continuar a nosa viaxe, porque a experiencia foi moi positiva.

E levounos até Manhe?

Pensabamos que podiamos facer algo aínda máis grande e darlle máis forza á música tradicional, así que, falamos con Rogelio Groba a ver que lle parecía a idea, porque para nós era un soño contar coa Orquestra de Cámara Galega. El asumiu con moita ilusión o proxecto e fixemos ese encontro coa esencia da música tradicional e a emoción dunha orquestra de corda con 23 músicos e arroupada coa voz cálida do saxo de Pedro Lamas.

Cando pensamos nos instrumentos da música tradicional adoitamos pensar en pandeiretas, gaitas e pouco máis...

Isto é dar un paso máis, porque eu levo toda a vida colaborando con outros artistas e dedicándome á docencia e pensei que lle podía propoñer ao público outra maneira de achegarse á música tradicional dunha maneira diferente pero sen perder a esencia. O proxecto nace para unir dous mundos que comparten a mesma emoción, a da raíz viva da tradición e a elegancia dunha grande orquestra de corda.

Este proxecto é cousa dun día, da actuación no Colón, ou nace con vocación de ser un disco ou un espectáculo en xira?

As dúas cousas, porque temos os tres temas gravados que teremos dispoñibles o 23 de novembro en vinilo no Colón e si que nos gustaría facer unha xira e tamén gravalo, pero primeiro temos que ver como é a acollida.

Cambia moito o feito de ser quen lidera o proxecto a ser unha parte máis dun traballo colectivo?

Si que dá vertixe e respecto poñerse á fronte, pero pensei que ía seguir facendo o que eu sei facer, cantar e tocar a pandeireta.

E voz só sonará a súa ou algunha máis?

É sorpresa, porque teño convidados e convidadas no Colón.

Logo de tantos anos na música tradicional xa tivo que vivir de todo, desde o auxe que temos agora nas escolas para aprender a bailar e a tocar até épocas onde non se daban feito grupos para poder dar unha clase, como vive o momento actual?

Eu penso que hai moitísima xente interesada na música tradicional e de varias xeracións, eu empecei con trece anos recollendo... Sempre houbo moita xente que cantou, tocou e bailou, sobre todo, grazas ás asociacións que fixeron que toda a nosa tradición non se perdese. Hoxe en día hai moitas formacións novas e é unha marabilla ver que as novas xeracións continúan coa nosa música. Eses proxectos abren o camiño para levar a tradición a xente que, doutro xeito, non se achegaría a esta música.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents