Entrevista | María Toro Música, presenta disco no teatro Colón este sábado ás 20.00h
«Tiven que percorrer medio mundo para acabar no lugar de nacemento»
É a primeira vez que María Toro lle dá un espazo protagonista á súa voz nun proxecto musical. Faino da man da pandeireta, da percusión tradicional, das súas raíces e lembranzas. Este sábado, 22 de novembro, presenta o seu novo traballo, ‘Mestura’, no teatro Colón. A entrada é gratuíta

A artista coruñesa María Toro. | Cedida
Vaise achegando cada vez máis a Galicia. O primeiro disco naceu en Nova York, despois veu outro en Río de Janeiro, o seguinte, Fume, foi en Madrid… Con Mestura ten xa os pés na terra?
Si, exactamente. O disco ten unha parte gravada en Madrid, pero outra xa foi gravada na Coruña, concretamente, en Oza dos Ríos [actualmente Oza-Cesuras]. Así que si, achegándome cada vez un pouquiño máis.
Cara a onde continúa esta viaxe musical que é o seu proxecto, agora con Mestura?
Mestura é un reencontro coa orixe, coa raíz. Despois de moitísimos anos, de ter contacto con moitas músicas populares en diferentes países e continentes, e con artistas de escolas moi diferentes, faime chegar ao inicio de todo. Tiven que percorrer medio mundo para acabar, de novo, no lugar de nacemento.
En Fume xa exploraba o folclore tradicional galego. En Mestura fai unha inmersión total, continúa nese universo sonoro. Como foi redescubrir esa orixe?
Si, en Fume xa comezo a ensinar a patiña. Mestura é un corte con todo o anterior. Tamén porque fago uso da pandeireta e da voz, cousa que ata o momento non tiña feito así de forma tan presente. Son unha serie de composicións que nacen no jazz, pasan polo flamenco, pola música popular brasileira, pero que precisan dun elemento para achegarme máis ao folclore de Galicia. De aí a percusión tradicional, a pandeireta, as cantareiras e eu mesmamente cantando.
Cando fala das orixes, fala da infancia. É moi coñecida como frautista, pero antes foi pandeireteira?
Así é. Os meus primeiros contactos coa música fíxenos a través deses instrumentos e no entorno familiar, aprendendo as cancións que me ensinaban na familia. Despois xa fun ao conservatorio, e xa empecei a estudar de xeito máis académico. Neste momento estou moi preto da pandeireta, e é a miña nena mimada.
É a primeira vez que coloca a súa propia voz nun lugar máis protagonista no espectáculo. Dálle certa sensación de estar máis exposta?
Si, si que teño esa sensación, porque eu non me sinto cantante. Síntome moito mellor coa frauta ou coa pandeireta. O que pasa é que tamén este traballo fíxome conectar dun xeito máis emocional e tamén penso que hai que perderlle un pouco de medo á mediocridade, e por que non vou recuperar unha canción ou unha música que me pertence dende que son pequena, no sentido emocional? Aceptando esa parte consigo expresarme mellor.
Coincide cun momento especialmente doce da música popular galega. Animouna isto a explorar?
Coincidiu un pouco co momento. O folclore, afortunadamente, está en auxe e en recuperación, e penso que é tamén a nosa responsabilidade como artistas continuar portando estes folclores. Polo que eu vin despois de moitas viaxes por África e Latinoamérica, de ter contacto con moitas mulleres das distintas culturas populares, a figura da muller é fundamental para a transmisión oral, son as encargadas de transmitir o folclore, a parte máis cantada e lírica, de xeración en xeración. Tamén hai que reivindicar este papel da muller como portadora e conservadora do folclore.
Ademais de folclore hai jazz, flamenco, rock progresivo, música brasileira… de que se compón esta Mestura?
Tiven moitas influencias por diferentes épocas da vida, nas que escoitei unhas cousas ou outras, e tamén por tantas viaxes, e todos eses intercambios musicais con músicos de moitos lugares e escolas distintas. Penso que iso vai quedando aí no ADN. Sempre fixen máis jazz, flamenco, rock progresivo, e agora incorporo estes elementos, como son a percusión tradicional de Galicia a través dos obxectos cotiás: o sacho, a tixola, a lata de pemento, e tamén ás cantareiras e pandeireteiras, que nos achegan á nosa tradición, como tamén as letras, pero sempre desde o punto de vista real da miña vivencia.
Como seleccionou as letras populares que ía incluír no proxecto? Por vixencia ou polo seu propio vencello con elas?
Foi bastante variado. Por un lado, había algunhas cancións que me cantaban o meu pai e a miña avoa cando era pequena, que estaban na memoria emocional. Aparecía esa letra, e o que fixen foi arranxala para poder expresarme no rexistro no que me expreso musicalmente. Despois, tamén foi ao revés: fixen composicións moi ao meu estilo, moi longas, con diferentes cambios de compás e tonalidades. Nun momento, esas tonalidades e ritmo evocábanme ou facíanme lembrar certas letras que eu xa tiña na cabeza. Cando a música estaba feita, levábame a cantar a letra por enriba.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos cadenas abren en Marineda City sus primeras tiendas en Galicia, donde habrá nuevas inauguraciones
- Estas son las 14 rutas que propone Aena para el aeropuerto de A Coruña: de Palma de Mallorca a París
- De ilusión a pesadilla: Una artesana abandona el poblado navideño de A Coruña tras volar el techo de su puesto
- El mercado de Navidad de María Pita, «adecuado» y con público según el Concello de A Coruña
- La huelga de bus en A Coruña volverá este viernes 12 de diciembre sin previsión de cumplir mínimos
- El Superior establece que empleados de la basura de A Coruña aumentaron las averías en la huelga del año pasado
- El auténtico sabor de China se extiende a Monte Alto: «Para nosotros, A Coruña es la ciudad ideal»
- Quince años de humedad y cinco concursos desiertos en un edificio de A Coruña: «La gente está desesperada»