Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xurxo Souto Autor do libro 'A novela do Bravú', que presentará o 5 de decembro en Portas Ártabras

Xurxo Souto: «A esta novela xa lle faltan capítulos»

Xurxo Souto, conta en no libro ‘A novela do Bravú’ como foi e como segue a ser este movemento que se creou nas marxes e que segue vivo. «O que non se pode negar é que esta anomalía existiu», resume un dos seus fundadores

Xurxo Souto, na Mariña, co seu novo libro.

Xurxo Souto, na Mariña, co seu novo libro. / Iago Lopez

A Coruña

A Xurxo Souto escribir A novela do Bravú levouno a recordar moitas historias que viviu cando era só «un rapaciño» facendo con outros rapaciños «todo o que lles dicían que non se debía facer. O 5 de decembro presenta en Portas Ártabras, xunto a Marisol Manfurada, ás 20.00 horas, este libro ao que —asegura—aínda lle quedan moitos capítulos por escribir porque o Bravú é cousa do presente e do futuro. Este libro inclúe, ademais, a primeira antoloxía da poesía Bravú.

Como nace este libro?

Fran Alonso, de Xerais, propúxome que fixese un libro sobre o XXX aniversario do Bravú e atopei o camiño de facelo como unha novela autobiográfica. Cando rematei decateime de que, aínda que falo en primeira persoa, o Bravú foi un proceso colectivo e ese é un valor especialmente importante, porque decidimos facer cousas xuntos no canto de perseguir o camiño do éxito e da individualidade. Eramos rapaces, trapalleiros, punkis pero estabamos dialogando coa sociedade cun discurso alternativo. Esas cancións son símbolo dunha época. Grazas a Fariña soubemos que Fraga se reunía con traficantes a pesar do seu discurso público. Era pura hipocrisía. Os Papaqueixos daquela xa cantaban Sito Miñanco, preso político. Eu non cambiaría nada do meu discurso de hai trinta anos, agás un detalle, que eramos moi machistas. Diciamos que non, pero eramos todos rapaces e a única posición que ocupaban as rapazas era a de ser as mozas dos rapaces dos grupos. Houbo algunhas excepcións, como as Garotas de Ribeira, Sofía e Paola, e Marisol Manfurada, que é a que aparece na portada.

Eran conscientes do movemento que estaban a crear e da campaña de normalización lingüística que estaban a desenvolver ou facían o que lles pedía o corpo?

As dúas cousas. Nós fixemos todo o que nos dicían que non se debía facer. O discurso dominante era que había que copiar o que se facía en Madrid e facer grupos de pop de provincias. Nós queriamos ser protagonistas do noso mundo e rebelarnos contra o que nos impoñían, queriamos facer música en galego e contar o máis próximo á nosa realidade, por iso eramos Os Diplomáticos de Monte Alto que, daquela, era un barrio marxinal. Cando nos preguntaban por que cantabamos en galego sempre diciamos o mesmo: «por motivos comerciais», era irónico, pero tiñamos razón, porque nos facía diferentes. Nós sempre faciamos todo desde as marxes, de feito, a cea na que se fundou o bravú fíxose nunha aldea, en Viana, logo de tomar un vaso, empezou unha conversa que se foi quentando sobre que eramos se anarquistas ou nacionalistas e, cando xa estabamos todos enfadados, Sofía de Labañou asubiou e dixo: «por que estamos aquí? Polo galego e polo rock and roll, pois iso». Dicíannos que o galego non valía para a música emerxente e nós fixémolo e foi marabilloso.

A diferenza doutros movementos, parece que o discurso de Bravú está cohesionado, non hai visións contrapostas, coma, por exemplo, na movida madrileña.

Nós non eramos antiéxito, pero tiñamos unha idea colaborativa, eramos felices facendo cousas xuntos e iso deu pé a grandes amizades que aínda conservamos. O Bravú haberá quen diga que foi unha parvada, para min foi moi bonito, pero o que non se pode negar é que existiu esa anomalía.

Ten nostalxia daquel tempo?

Como di Murado, na antítese da morriña está o Bravú. Máis que nostalxia, é un impulso porque segue, eu teño a miña banda Bravú, a Orquestra Xangai, e seguimos tocando. Á novela xa lle faltan capítulos porque seguen pasando cousas, como o aniversario do Castañazo. A lingua actualmente está peor. Daquela dicíannos que o galego non valía para o rock and roll, agora dinnos que non vale para as matemáticas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents