A visita coruñesa de Jane Goodall (2009)
A experta en primates, recentemente falecida, visitou a cidade no ano 2009

Ferran Guallar, Federico Bogdanowicz, Jane Goodall e Carlos Vales nos xardíns do CEIDA. | Ceida
Xosé A. Fraga
Jane Goodall faleceu o pasado 1 de outubro deixando tras de si un valioso labor e unha imaxe pública como defensora da vida animal nun mundo sacudido por accións voraces e destrutivas sobre o medio natural. As súas contribucións ao coñecemento dos chimpancés e as campañas que emprendeu en favor da conservación dos ecosistemas convertérona nunha das figuras científicas de maior renome a nivel mundial.
As circunstancias que permitiron a súa visita
Gozamos da estadía de Jane Goodall o 12 de maio de 2009 grazas a unha xestión de Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) instalado en Santa Cruz (Concello de Oleiros). Carlos coñecera a Ferran Guallar, quen era o director do Instituto Jane Goodall España, e preguntaralle pola posibilidade de contar coa presenza da salientable científica por estas terras.
Ferran explicou que Jane percorría o mundo divulgando as actividades do Instituto Goodall e que cobraba pola súa intervención unha cantidade que destinaba aos proxectos da entidade. Na conversa xurdiu a posibilidade dun custe reducido para unha visita ao CEIDA. Acadouse unha apreciable rebaixa pero aínda así constituía unha cantidade excesiva para os orzamentos da institución situada en Oleiros. Nese proceso Carlos falou comigo —que nese momento dirixía os Museos Científicos Coruñeses— e acordamos compartir o gasto da visita de Jane Goodall, que incluiría, xa que logo, unha visita á Domus e unha conferencia na cidade herculina.
Na mañá do día 12 a naturalista inglesa reuniuse no CEIDA con máis de cincuenta xornalistas de distintos medios de comunicación, tanto galegos como españois, contándolles a súa experiencia de décadas convivindo cos chimpancés. Tamén explicou o labor que desenvolvía o Instituto Jane Goodall, co que o CEIDA estableceu un convenio para colaborar no programa educativo Roots&Shoots (Raíces e brotes). Posteriormente, antes de trasladarse ao hotel, xantou nunha das salas do castelo. Persoa austera, era vexetariana e frugal, tomou un variado de tomates cherry, froita, améndoas salgadas e auga.
De secretaria a experta en Primates
Jane Goodall naceu en Londres nunha familia de clase media-alta, o pai, Mortimer Herbert Morris-Goodall, era un destacado piloto de carreiras de coches e a nai, Margaret Myfanwe Joseph, escribiría novelas. Ao rematar os estudos secundarios traballou como secretaria e, con 23 anos, viaxou a Kenia, daquela colonia británica, a visitar a unha amiga, coa fortuna de que esta a puxo en contacto con Louis Leakey. Falamos dun destacado paleoantropólogo, que estaba a levar a cabo, coa súa muller, Mary Douglas Nicol, pioneiros estudos sobre as orixes dos Homínidos en Olduvai (actual Tanzania), onde obterían salientables achádeos para o coñecemento da evolución humana temperá.
Inicialmente Louis contratou a Jane como secretaria, en coherencia co seu perfil profesional previo. Mais no contacto con ela soubo do seu grande amor aos animais e debeu apreciar naquela muller nova unhas especiais calidades para o traballo na natureza polo que, malia a súa carencia total de formación científica, a animaría para asumir unha interesante misión. Un traballo relacionado co estudo dos Primates, polo que Jane —antes de comezalo— viaxou en 1958 a Londres para coñecer da anatomía e hábitos deses animais.
Louis Leakey estaba interesado no estudo do comportamento dos primeiros Homínidos e coidou que un posible camiño para profundar niso sería o seguimento dos grandes simios nos seus hábitats naturais. De aí xurdiu o encargo a Jane Goodall para que estudara os chimpancés na selva de Gombe (Tanzania), a Dian Fossey os gorilas das montañas (inicialmente no Congo-Zaire) e a Biruté Galdikas os orangutáns en Borneo. As tres realizarían valiosas contribucións que as converterían en salientables primatólogas.
Rematada a preparación de Jane en Londres, Louis Leakey acadou fondos para que puidera comezar o traballo cos chimpancés. Así, en 1960, acompañada da súa nai, se trasladou a Gombe, que formaba parte do protectorado británico de Tanganica, hoxe Tanzania. Anos despois explicaría que «Cando cheguei alí por primeira vez os chimpancés me miraron e saíron correndo».
«Todo comezou con David Greybeard apertándome os dedos suavemente»
Un dos chimpancés, a quen lle poñería o nome de David Greybeard pola súa fermosa barba branca, perdeu o medo. Jane seguiuno polo bosque e atopouno sentado, colocouse a carón del, colleu unha noz de palma do chan e pasoulla, coa man aberta; o chimpancé xirou a cabeza. Entón, contaría a naturalista: «Eu acheguei máis a man. El deuse a volta, miroume aos ollos, alongou o brazo, colleu a noz e tirouna, non a quería pero apertou os meus dedos moi suavemente. Así é como os chimpancés se tranquilizan entre eles. Comunicámonos dun xeito que precede á linguaxe humana».
Con ese chimpancé realizou unha observación fundamental: «Estaba sentado enriba dun niño de termitas. Vin que alongaba o brazo para coller unha herbiña e a meteu no niño. Agardou un momento e sacouna, lentamente e con moito coidado, xantando as termitas que se pegaran á herba. Fíxoo repetidas veces». Comprobou, con outras observacións que «Estaba modificando un obxecto, algo propio da construción de ferramentas».

Na Domus, coa emblemática reprodución da Gioconda. / Xurxo Lobato
Axiña enviou un telegrama ao seu mentor, Louis Leakey, quen lle respondeu dicindo: «Dado que o ser humano se define pola súa capacidade de utilizar e crear ferramentas, teremos que redefinir ao ser humano, redefinir as ferramentas, ou considerar aos chimpancés como humanos».
A forma de traballar de Jane axudouna a descubrir esas novidosas capacidades dos chimpancés. A observación paciente, directa e no hábitat dos animais deu froitos. Foron moitas horas fixándose naqueles seres, aos que lles puxo un nome individualizado, rexistrando polo miúdo o seu comportamento.
O derribo da muralla entre os seres humanos e «a outra xente»
O descubrimento revolucionario de Jane Goodall en Gombe resultou decisivo para botar abaixo a barreira establecida entre os seres humanos e o resto dos animais, nomeadamente os Primates. Unha muralla construída en base a algúns feitos, diferencias existentes, pero tamén sobre bastante prexuízos, especialmente relixiosos. Refírome á defensa da literalidade do relato bíblico, no que o ser humano é obxecto dunha creación divina específica e os animais son presentados como seres ao seu servizo.
A defensa desa singularidade levou a que diversos científicos europeos do século XVIII e XIX propuxeran unha clasificación dos seres vivos na que a especie humana aparece formando un Reino propio, o Reino Hominal, de entidade semellante á dos reinos animal e vexetal. Era un xeito de salientar as que consideraban calidades distintivas da humanidade: facultades espirituais, razón, conciencia, libre albedrío e responsabilidade moral.

Jane Goodall nos momentos previos á súa conferencia, acompañada de «Mister H». / Xurxo Lobato
Os estudos e publicacións de Jean-Baptiste Lamarck, Ernst Haeckel e, sobre todo, de Charles Darwin, expoñendo que os seres humanos somos, tamén, resultado da evolución biolóxica e que, polo tanto, estamos conectados co resto dos animais, abriron unha notable fenda na muralla. O propio Darwin realizou a predición de que se atoparían elementos psicolóxicos nos non humanos, particularmente nos simios, que reducirían a distancia entre eles e nós.
Desde a perspectiva da Bioloxía moderna o ser humano é clasificado cientificamente como unha especie do Reino Animal, filo Cordados e na Orde dos Primates. Porén durante un tempo se mantivo en pé o elemento que o afastaba dos grandes simios, a intelixencia e racionalidade. Como vimos, Jane Goodall, nos anos sesenta do pasado século, derribou definitivamente o que permanecía en pé da vella muralla.
Conservación e ambientalismo, o Instituto Jane Goodall
O estudo dos chimpancés de Gombe levou a Jane, a preocuparse pola súa conservación e, loxicamente, pola preservación da contorna natural na que habitan eses animais. Para afrontar esas cuestións fundou en 1977 o Instituto Jane Goodall. Unha organización que leva a cabo diferentes proxectos de investigación e conservación en distintos países de África.
Goodall comprendeu que para que os chimpancés sobrevivisen o seu hábitat tiña que ser protexido pero para que iso sucedese a poboación local debía dispoñer dunas condicións de vida axeitadas e cooperar nos esforzos de conservación da natureza. Concluíu, pois, que os obxectivos do Instituto só se poderían acadar se se tiñan en conta as necesidades das comunidades humanas que vivían nas inmediacións das áreas protexidas.
Difundindo a mensaxe
Nas últimas décadas da súa vida Jane centrou a súa actividade na promoción dos proxectos do seu Instituto por todo o mundo. Cun certo mesianismo, coidaba que tiña a responsabilidade de cambiar a mentalidade da xente sobre o medio ambiente: «Síntome como se chegase a este mundo cunha misión. E pode parecer que presumo diso, pero cando dou unha charla, sei que cambia á xente, porque se achegan a min para dicirmo».
Visita á Domus e conferencia
Na súa breve estadía coruñesa, Jane Goodall visitou na tarde do día 12 a Domus, o primeiro museo interactivo dedicado ao ser humano e integrado nos Museos Científicos Coruñeses. Detívose fronte a diversos módulos, escoitou explicacións, realizou algunhas preguntas, divertiuse coas esculturas da familia homínida e, finalmente, asinou no libro de ouro da institución.
Durante a singular xornada tiven o privilexio de estar con Jane nas súas visitas ao CEIDA e á Domus e na conferencia posterior. Unha oportunidade para coñecela persoalmente e observala. Movíase pausadamente, nunca apurada, atenta a todo, accesible pero tamén algo distante. No seu rostro adoitaba aparecer unha expresión serena cun sorriso leve, modulado, nunca esaxerado, nela nunca nada era excesivo. Nese sentido, non xesticulaba, asentía coa cabeza, comentaba brevemente cos interlocutores e axiña volvía á mirada interesada e o sorriso controlado. Coherentemente co anterior, mantiña as súas mans agarradas ou baixo a mesa, sacándoas desas posicións só para realizar un moderado movemento nalgunha explicación á xente. A voz tiña un ton baixo e articulado, cunha dicción clara e ritmo pausado, sen interrupcións. Lembroume a forma de actuar —cunha mensaxe diferente— dos integrantes das clases altas inglesas.

Jane Goodall na conferencia na sala de cámara do Pazo da Ópera da Coruña. / Xurxo Lobato
Tras a visita á Domus nos trasladamos ao Pazo da Ópera coruñés, en cuxa sala de cámara tería lugar a conferencia de Jane ás 20 horas. Agardou ata ese momento sentada nun espazo adxunto, no que —acompañada do seu inseparable peluche, «Mister H»—, descansou e tomou notas. No comezo da conferencia a sala estaba ateigada, cunhas 400 persoas, e no exterior do recinto permanecían bastantes que, lamentablemente, non puideron acceder polo límite de aforo do local. Jane falou de «O que aprendín dos chimpancés. A conservación das especies ameazadas». Presentou a súa experiencia como primatóloga defendendo o compromiso por unha conciencia ambiental global.
Rematada a intervención, permaneceu durante bastante tempo asinando, paciente e amable, exemplares das súas publicacións ao público que llo demandou. Finalmente, retirouse para o hotel en Oleiros. Alí só ceou unha crepe e, como excepción aos seus frugais hábitos, bebeu un pouco de whisky, adoitaba facelo todas as noites antes de durmir. Marcharía xa ao día seguinte e axiña, o 14 de maio, redactou unha amable carta manuscrita ao CEIDA dando grazas ao director, Carlos, e á secretaria, Carmen.
Jane morreu con 91 anos. Levaba moitos totalmente entregada, como ela mesma dicía, a unha misión, a de difundir e promocionar o labor do Instituto Jane Goodall e a a conservación do medio natural. Pasaba a maior parte do ano movéndose con esa finalidade por todo o planeta e tiña asumido ese destino. Viviuno ata o momento final e deixounos un valioso legado a preservar.
- El empresario José Souto proyecta un hotel en la antigua nave de la quebrada Tecam, que él fundó
- El principal rival danés de IKEA abre su primera tienda en Culleredo tras hacerlo en Marineda City
- Las 70 plazas del aparcamiento de la estación intermodal para vecinos: estos podrán ser los precios y plazos
- Los taxis de A Coruña cortarán Alfonso Molina para manifestarse contra los VTC
- Radiografía de A Coruña: una ciudad envejecida que prevé tener 10.000 vecinos más
- Binter lanza billetes a 90 euros para volar desde A Coruña a Canarias con escala incluida
- El mural de A Coruña nominado a mejor del mundo: pintado en 4 días y con una historia centenaria
- Os Mallos se prepara para despegar: 'Cuando la intermodal esté terminada, esto va a ser el centro