Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xosé A. Touriñán: «Os primeiros que deberiamos pagar a entrada somos nós, rimos moito»

‘Amoriños’ é o novo espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, que pechan xira estes días na Coruña. «Inflúe o lugar onde estás, pero tamén as cousas que pasan no ‘show’ e como estea de vivo o público», comenta un dos cómicos

David Perdomo e Xosé A. Touriñán, no espectáculo ‘Amoriños’. |  LOC

David Perdomo e Xosé A. Touriñán, no espectáculo ‘Amoriños’. | LOC

A Coruña

Volven Xosé A. Touriñán e David Perdomo. Esta vez co amor como protagonista dun espectáculo que semella ser o First Dates á galega. Citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que non deberían xuntarse… pero xúntanse igual. Esa é a carta de presentación de Amoriños, que pecha xira este sábado e domingo en Palexco con catro sesións (18.30, 21.00, 19.00 e 21.30 horas).

Como naceu este novo espectáculo con David Perdomo?

Para ser sincero, tiñamos que facer unha segunda volta do espectáculo Cuarentena Game Over e decidimos cambiar. Nos nosos espectáculos, os textos, as conversaxes entre personaxes, son un 90% improvisadas, son distintas cada vez. Como en Game Over tiñamos demasiado vídeo, demasiadas cousas que nos facían esperar, aburrimonos un pouco. Antes de arrincar a segunda volta dixemos: «por que non paramos e argallamos algo novo?». Así saíu a idea esta das citas, de First Dates. De elevar un pouco máis o amor, aínda que segue habendo moito humor negro e moita irreverencia. Facemos o que nos dá un pouco a gana, que ao mellor iso non o podes facer na tele ou noutros lugares. Somos bastante gamberretes.

O público tamén participa. Iso fai que a actuación sexa diferente en cada cidade? É tamén unha sorpresa para vós.

Totalmente. E nós imos a iso, a que en cada cidade sexa distinto. Por suposto, o lugar onde estamos ten que ser protagonista tamén. Esta fin de semana, na Coruña, será como xogar na casa. Inflúe o lugar onde estás, pero tamén as cousas que pasan durante o espectáculo, como estea de vivo o público, de máis ou menos animal...

Falaba de First Dates, ese programa que leva anos e anos na televisión. Será que o éxito está en que rimos pero sempre encontramos coincidencias coas nosas experiencias?

Eu creo que a comedia vai diso. O que facemos nos monólogos é unha historia de verte reflectido e rirte do que a ti tamén che acontece. Ou coñeces a alguén que lle pasa iso mesmo que están contando. Neste caso é un pouco o mesmo. É verdade que no amor todos somos un pouco ridículos á hora de intentar ligar, das cousas que facemos por querer chamar a atención. Todos estamos dispostos a pasar por algo para conseguir o amor ou o sexo.

Entendo que haberá un guiño ás redes sociais, xa que é a nova forma de ligar.

Si. Aínda que isto vai de citas en directo, falamos moito dese tema de como se liga por redes. Tinder, Instagram... agora a forma de ligar é a distancia, polo móbil, xa non se sae a tomar algo coma antes. Que tamén é bo, sobre todo no inverno case é unha vantaxe. Antes andabamos por aí pasando frío. David e mais eu somos dunha xeración na cal todo era en directo. Había que saír case sempre o fin de semana. Hoxe dá igual un martes que un sábado que un domingo, ti mandas un mensaxito e xa toca o amor. Calquera hora do día e calquera día da semana. Para nós era venres e tiñas sorte se atopabas o amor ás 12 de noite e non ás 4 de mañá, cando xa eres restos de stock como di Perdomo. Pero é o que che dicia, o importante é que nestes shows temos total liberdade. Non hai ninguén que diga «isto non o podes dicir». O único xuíz é o público.

O que queda claro é que a parella Touriñán-Perdomo é un éxito. Aí hai amor.

Hai un amor marabilloso desde hai moitísimos anos xa. E nesta tempada máis. Pasamolo moi ben. Os primeiros que deberiamos pagar a entrada somos nós, rimos moito. É moi divertido.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents