Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Tino Fraga Divulgador, comisario da mostra 'Seoane & Darwin'

«Pola carta de Darwin sabemos que Seoane era darwinista, o que era moi rexeitado»

Co gallo dos 150 anos da morte do naturalista Víctor López Seoane, o Instituto Cornide inaugura a mostra ‘Seoane&Darwin. El naturalista Seoane y el darwinismo a finales del siglo XIX’, comisariada polo divulgador Tino Fraga, que afonda no darwinismo de López Seoane a partir dunhas cartas que intercambiaron

Tino Fraga, coa carta de Darwin a Seoane. |

Tino Fraga, coa carta de Darwin a Seoane. | / Iago López

A Coruña

A mostra parte do vínculo entre Seoane e Darwin. Cal era? Sábese que hai, polo menos, unha carta.

No ano 1972, a familia de Seoane doou a Concello da Coruña diversos materiais. O Instituto Cornide quedou coa biblioteca científica e documentación. Nese legado, que tamén se quere poñer en valor coa exposición, o documento máis importante é precisamente esta carta de Darwin. Ten valor porque é a única carta coñecida e dirixida a un científico español, e poucos meses antes de morrer Darwin. Vén sendo a resposta a unha que lle mandou Seoane, que eu localicei nos arquivos Darwin, hai tempo, na que saudaba, demostraba a súa admiración, e facía unha serie de consultas técnicas.

Que tipo de cousas se lle preguntaban a Darwin?

El dicíalle que estaba estudando os tritóns, porque Seoane estaba obsesionado con describir novas especies de seres vivos co seu nome, descubertas por Seoane. Os tritóns son animais moi complicados porque cambian en distintas fases da súa vida. El preguntoulle a Darwin se lle podía orientar sobre a embrioloxía dos tritóns. A segunda cuestión era a que máis lle importaba: como definir cando un ser vivo é unha especie ou non. Á primeira cuestión, Darwin remitiulle a un libro que estaba publicado, e á segunda cuestión, fíxolle unha serie de reflexións interesantes. As cartas valen para saber como Seoane entendía o darwinismo, como un xeito de atender máis ás variedades dos seres vivos. Darwin di que hai que observar as variedades, porque, se persisten, ao mellor é unha especie nova. Iso a Seoane interesáballe moitísimo. Ten un achegamento a Darwin, máis que teórico, interesado, pero non no sentido pexorativo, senón para sacar partido aos seus traballos.

Seoane presumía de amizade con Darwin. Houbo máis contactos?

López Seoane é unha personalidade obsesionada polo éxito, pola fama. É algo que, por unha banda, constituíu un estímulo moi grande para el, porque, a pesar de que era un home con moitos recursos, estaba aquí nunha esquina da península, sen colegas, coa precariedade para traballar. Ese ansia de figurar, de recoñecemento público, foi un gran estímulo, pero tamén distorsionou moito a súa obra. E no tema de Darwin, efectivamente, fixo ostentación de que practicamente eran colegas e tiñan un carteo continuo. Emilia Pardo Bazán ata lle di «ya le haré llegar eso por medio de usted al famoso Darwin». Só hai unha carta verificada, e xa é moito, non lle restemos valor. Ten o valor, ademais, de que sabemos que Seoane era darwinista, o que nun tempo era moi rexeitado por amplos sectores da comunidade científica.

No XIX, ata a Universidade de Santiago declarábase antidarwinista. Que supuña para a época?

A USC foi como un búnker cara a certas novidades científicas ata principios do século XX. Non era que non se reflexionara, o obxectivo era establecer a ortodoxia do dogma previo. Na biblioteca universitaria de Santiago non entrou ningún libro de Darwin no século XIX, o cal é especialmente chamativo porque nos institutos de Pontevedra, Ourense, A Coruña, si foi adquirido. Santiago xogaba un papel de cancerbeiro ideolóxico, un papel conservador. A Seoane, recoñecerse darwinista, a nivel do seu traballo, abríalle campo, porque lle permitía atender a posibilidade de descubrir novas especies. Despois, el facía ostentación en ámbitos privados, tampouco saía polemizar en público, nun ambiente no que poucos o facían. Na Coruña, quen divulgaba a Darwin nun nivel básico eran as escolas laicas, os librepensadores e os anarquistas, que daquela tiñan unha vertente cultural moi potente. Os sectores tradicionais cuestionábano abertamente, porque consideraban que o texto bíblico era a palabra de Deus e tiña que defenderse literalmente. Darwin rompía todo ese discurso, e non era persoalmente moi belixerante, pero era unha doutrina revolucionaria.

Tracking Pixel Contents