Entrevista | Carlota Mosquera Autora e directora de 'Ninguén tira fotos nos enterros'
Carlota Mosquera: "Aos nenos non se lles fala de xeito honesto do que é a morte"
A quen protexemos cando non falamos cos nenos sobre a morte? A resposta está na obra ‘Ninguén tira fotos nos enterros’, con Carlota Mosquera e Sol Álvarez. A estrea desta autoficción con interacción co público e procesos fotográficos en vivo é este venres no teatro Rosalía de Castro

Sol Álvarez, Carlota Mosquera y Nacho Martín / Carlos Pardellas / CARLOS PARDELLAS
De onde xorde a idea para esta obra? Por que, en xeral, non falamos da morte?
Esta obra parte dunha experiencia persoal. O feito sorprendente que acontece na obra, que no mesmo día se celebra unha voda e un enterro, pasou na miña familia no ano 2002. Eu era moi pequena e ninguén me explicou absolutamente nada. Pero visto en retrospectiva, coido que a única persoa que me intentou explicar un pouquiño foi a miña tía, co conto de_«a avoa foi ao ceo». Vexo que aos nenos e ás nenas non se lles fala de xeito moi honesto do que é a morte. Agora, como adulta, penso que quizais non é pola excusa de protexelos a eles, senón para protexernos a nós. E non ten pinta de que vaia mellorar. Cando me tiven que enfrontar a algunhas mortes na miña vida adulta, houbo cousas que non sabía facer. Non sabía facer unha mortalla, non sabía vestir un morto. Pero hai xente na sociedade que se acorda dos velorios que se facían nas casas, e que eran unha festa, unha cuestión así de celebración. En que momento os relegamos unicamente ao tanatorio? E xa dende a Covid nin sequera se vela ao morto pola noite. Estamos afastándonos moito do fúnebre e pode resultar moi perigoso.
É curioso que non falamos de algo polo que imos pasar todos.
Si. Non se tiran fotos nos enterros, pero tampouco se fala do que vivemos nos enterros. E moitas veces, hai xente á que, se lle dás pé a falalo, conta unhas historias extraordinarias. Hai unha frase dentro da obra que di «non se tiran fotos nos enterros porque non é algo que queramos lembrar ou é algo que lembraremos a pesar de non querer». É algo que non se comparte e, ao mesmo tempo, a morte é unha cousa terrorífica que non queremos atravesar soas. No paso dunha sociedade tradicional a esta sociedade moderna, dun xeito tan acelerado, perdimos moitas cousas.
Na obra hai procesos fotográficos en vivo. Que busca con iso?
O que vertebra todo son as fotografías que a nena pequena vai sacando no enterro da súa avoa. Danlle unha cámara para que non moleste e ela vai tomando fotografías na obra, que o propio público axuda a recrear. Para min era moi importante que a fotografía estivera presente na obra, pero fotografía en vivo no sentido de inmortalizar. Para este proxecto convidei a participar a Sol Álvarez, que é fotógrafa e artista plástica, e a súa especialidade é a cianotipia, unha técnica fotográfica sen cámara, e realizamos ese proceso en vivo durante a obra.
Como é facer a estrea no teatro Rosalía? Cales son as sensacións?
Moita emoción, a verdade. Este proxecto ten tres anos. É un culme moi emocionante. Estrear é unha cousa moi atípica. Son unha compañía novel, son actriz e creadora, pero é a primeira vez que consigo facer unha peza de formato longo. Non teño moitos recursos nin estou avalando por ninguén. Estrear no Rosalía é un soño que pode levarse a cabo grazas a que esta peza gañou o Festival Pezas dun Teatro do Porvir.