Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Xosé Cobas Ilustrador

Xosé Cobas, ilustrador coruñés: "Se o lector queda coa sensación de placidez, o libro cumpre o seu cometido"

O ilustrador coruñés publica a súa primeira obra, 'Soños dunha sombra', un álbum circular que percorre as estancias dunha casa histórica de Cambre a través da luz e da mán de Manuel Rivas

Xosé Cobas traballando na súa obra na casa protagonista.

Xosé Cobas traballando na súa obra na casa protagonista. / LCO

A Coruña

Tras ilustrar mais de 200 libros axenos, o artista enfréntase en solitario a unha historia de posguerra, sombras e renacimiento a través do óleo.

Despois de case corenta anos ilustrando textos doutros autores, que lle fixo publicar un libro propio?

Foi un proceso moi lento. Non houbo unha dedicación exclusiva durante todo este tempo, pero si unha observación continua. A historia levaba tempo na miña cabeza, dendo o 2013 cando subín á primeira planta da casa e vin unha luz que me chamou moitísimo a atención. Nese momento pensei que merecía a pena facer algo con iso e, a partir dese instante, a idea foi evolucionando pouco a pouco. Fun ver amenceres a distintos lugares, porque teñen unha luz moi especial. Esa luz reflíctese no libro e constrúe esa sensación de soño. A historia comeza cun pequeno punto luminoso que se achega, coma un zoom de cámara, ata converterse nunha porta que nos permite entrar nunha casa que acabamos recoñecendo. O resultado é unha edición moi coidada e de luxo, unha obra persoal é con unha historia bonita.

En que se nota esa intimidade ao longo das páxinas?

É persoal porque é a primeira vez que asumo todo o peso da creación. Non parto dun texto previo. Encárgome da construción da historia, da secuenciación e da busca dos personaxes, que ademais non son humanos. Só aparece unha pega e unha peonía. Hai unha ausencia deliberada do ser humano, porque o libro fala precisamente da ausencia. A protagonista é unha casa rematada no ano 1875, pertencente a unha familia acomodada da Coruña. Despois da guerra permaneceu deshabitada. Ese período de silencio e penumbra interesoume moito.

Que representan a peonía e a pega?

A peonía é a metáfora da luz nova, da luz do día. Marca a chegada da primavera. No xardín desta casa é das primeiras flores que aparecen, xunto coas camelias, e por iso funciona como unha icona que nos leva a outra atmosfera. E logo chega a pega, un animal moi elegante, pero agocha unha natureza depredadora e algo sinistra. Representa metaforicamente os anos corenta, os anos terribles da posguerra. Cando chega a luz e a primavera, a pega abandona a casa porque xa non ten sentido a súa presenza.

A casa existe, onde se atopa?

Está en Cambre, a uns 150 metros da estación do tren. Rematouse cando a liña férrea estaba a piques de inaugurarse, algo que influíu moito na súa historia. É unha construción rodeada por unha muralla de pedra, como unha pequena fortaleza.

Como foi o diálogo con Manuel Rivas para facer o epílogo?

Cando o libro xa estaba rematado, propuxen á editorial que Manuel escribise o epílogo. Veu á casa, estendemos todas as ilustracións no chan e foi facendo unha lectura moi analítica. Soubo penetrar nas escuridades do libro e sacar á luz elementos que eu non explicito, pero que están presentes. Achega unha dimensión poética e filosófica fundamental.

Que lle gustaría que quedase no lector ao pechar o libro?

Gustaríame que quedase unha sensación de pracer, de percorrido pola luz, pola sombra, pola penumbra e polo negro. Que a lectura flúa, que as páxinas dialoguen entre si, sen saltos. Se o lector queda coa sensación de placidez, o libro cumpre o seu cometido.

Tracking Pixel Contents