Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Javier Mariñas Patrón maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña

Javier Mariñas, patrón maior da Confraría da Coruña: "A nova normativa da UE é a pedra que afunde o noso barco"

O patrón maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña, Javier Mariñas, ante a estatua da Virxe do Carme no Parrote.

O patrón maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores da Coruña, Javier Mariñas, ante a estatua da Virxe do Carme no Parrote. / Casteleiro

A Confraría de Pescadores da Coruña e a lonxa sumaranse este luns ao paro do sector pesqueiro español para protestar contra o novo Regulamento de Control da Unión Europea, e os mariñeiros coruñeses, con outros da zona de Ferrol e da Costa da Morte, concentraranse no mar e na terra ás 11.00 horas dese día na zona do Parrote. O patrón maior, Javier Mariñas, explica que a nova norma supón un "punto de non retorno" para o sector que, de aplicarse, levará a cofrades a vender os barcos.

A normativa leva tempo desenvolvéndose e recibiu alegacións.

Sacouse en aplicación, creo lembrar, no 2021, e xa nos mobilizamos naquel momento. Agora afecta a barcos de ata doce metros, que pode haber un par na Confraría, e a partir de 2030 xa sería de aplicación para toda a flota, é dicir, o 100% dos nosos. Hai unha parte que, para min, é imposible realizar: o kilo cero. Agora emítese documentación cando chegamos a porto e pesamos o que capturamos, pero agora queren que fagamos unha pesada no barco, cunha marxe de erro do 20%, para cada unha das especies capturadas. Unha vez emitida a pesada, non hai lugar á corrección. E cando hai unha equivocación nunha especie, a sanción é de 3.000 euros. Un barco que capture pouca especie, e non consiga un mínimo de kilos, que capture catro abadexos, vaino descartar.

Tamén hai protestas entre os pescadores sobre o tempo que obrigan a deixar entre a pesada e a entrada a porto.

Unha vez finalizas de clasificar o lote, hai unha espera de catro horas antes de entrar. Imaxinemos isto con un temporal de inverno. Pedimos que se paralice esta norma por ser imposible de cumprir e que fagan algo que sexa acorde co sector. Esta norma vai acabar con el: é un punto de non retorno.

No sector xa había queixas pola burocracia.

Eu ando á navalla, ourizo e percebe. Nun día normal paso tres horas buceando, metendo os dedos na area, cando subo á cuberta me tremen as mans, ter que facer burocracia... E pola miña idade non teño unha barreira como as persoas máis maiores: o 70% da xente da cofradía supera os 55 anos, o electrónico é unha barreira imposible de superar. Isto súmase a que nos falta relevo xeracional, formación fóra da cultura familiar de pais a fillos, nos falta cuota, facilidades, servicios... Na Coruña non temos un varadeiro de barcos. Vivimos en precario, co aire asistido dun paciente da UCI. E temos un gran potencial de formación e de traballo na mesma Coruña.

Este reglamento, tal como está redactado, agravará a perda de barcos e traballadores no sector pesqueiro?

Creo que isto pode ser a pedra que afunda o barco. Nós temos que ir co paso dos tempos, a actualización e a tecnoloxía son unha cousa a favor, pero as trabas burocráticas van agravar o problema de relevo xeracional. Vai haber moita xente que pola dúbida de todo isto acabe vendendo o barco. E, persoalmente, creo que isto busca eliminar o sector pesqueiro en favor do acuícola.

As mobilizacións do luns xuntarán a membros doutras cofradías.

Estiven falando con patróns maiores, virá xente da zona de Ferrol, da Costa da Morte... Supoño que seremos entre oito e dez cofradías.

O sector prevé prolongar o paro se non hai acordo co Estado na reunión deste luns.

Aí estamos todos xuntos coa Federación Estatal, e estamos a expensas do que se decida na reunión. Se non é positiva continuaremos coas mobilizacións.

Hai vontade dos cofrades de facelo?

Si. Eu creo que a xente, por primeira vez, tocou fondo. Vimos dun sector normalmente desunido, pero a unión que temos e o obxectivo de parar todo isto está moi por enriba das nosas expectativas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents