Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ernesto López Responsable de Transportes da CIG

Ernesto López, sindicalista de Transportes: "Hai marxe para levantar a folga de buses da Coruña esta mesma semana"

"Se a patronal acepta unha subida digna de salarios, vencellalos ao IPC, rebaixar xornada e incorporar días de libre disposición estaríamos cerca dun acordo"

O sindicalista Ernesto López, na estación de buses da Coruña.

O sindicalista Ernesto López, na estación de buses da Coruña. / CARLOS PARDELLAS

CCOO, UGT e CIG levan facendo paros desde decembro para pedir un novo convenio do transporte dos buses metropolitanos da provincia da Coruña, con melloras laborais: tras un luns e martes de folga, esta seguirá o venres e será indefinida tras o 2 de febreiro. O responsable de Transportes da CIG, Ernesto López, afirma que se a patronal acepta as súas peticións podería haber un acordo esta semana.

Canto tempo levan sen convenio?

Desde o 2021 non hai convenio. No seu momento houbo unha mesa galega, que negociou os salarios, pero o resto do texto esmoreceu.  Dende 2021 até agora houbo 13 reunións pero as sete últimas reunións foron nos últimos meses, desde setembro. Nos anteriores catro anos practicamente non houbo reunións.

Canta xente se ve afectada polo convenio?

En torno a 3.500 persoas, condutores e acompañantes de transporte escolar.

Por que non avanzaron as negociacións?

Eu creo que o principal motivo é que a patronal viu unha oportunidade que os catro convenios provinciais acabaran morrendo. Os convenios morren cando non se actualizan, cando non se negocian, cando son superados pola realidade

Cre que a patronal quere ir ao convenio estatal?

Convenio estatal non hai. Ir ao trato, aos acordos co traballador directamente, que sempre son moito máis vantaxosos para as empresas. Nin sequera convenios de empresas: móvense mellor co trato, sen papel.

É frecuente que haxa acordos de palabra e xente que faga cousas fóra do contrato?

Se non hai convenio, si.

As empresas para as que traballan son concesionarias da Xunta.

En principio o papel da Xunta debería ser servir de catalizador en defensa dos viaxeiros, pero non o fai ou polo menos nós non somos conscientes de que o faga: non é capaz de dicirlle á patronal que se sente. Este conflito está sen mesa negociadora aberta, sen un foro para poder intentar chegar a posturas.

Tiveron contacto coa Xunta?

Non.

As negociacións coa patronal foron reunións illadas?

Desde que comezou o conflito, o día 5 de decembro houbo unha reunión o mércores, creo que o 17, e outra media reunión o 18 pola tarde. Sentáronse e dixeron que se ían.

Hai unha mediación este venres ante o AGA?

Presentamos unha proposta o venres pasado pola tarde, pero está sen contestar. Contestaron o domingo, pero con condicións de que suspenderamos a folga. A mediación, o AGA ten un regulamento que non permite poñer condicións para empezar a mediación.

Que reclaman?

Pedimos, primeiro, unha cláusula de revisión de salarios vencellada ao IPC, e unha subida salarial digna para o ano pasado e este. Queremos que haxa unha rebaixa importante de xornada, estamos practicamente na máxima, e incorporación de días de libre disposición. Creo que con iso estaríamos bastante cerca de chegar un acordo.

Tamén hai queixas de que hai traballadores con xornadas moi largas e tempos mortos entre conducións.

Queremos matizar o tempo de dispoñibilidade, pero tamén poñer enriba da mesa que os cuadrantes de traballo sexan coñecidos con certa antelación polo empregado.

Habería marxe para evitar a folga do venres?

Marxe si que hai. Sentarse mañá e chegar a un acordo en dous días non é descabellado. Se houbera avances significativos nunha negociación o mércores e xoves se podería suspender a folga do venres. Pero terían que ser significativos.

E se non hai acordo, folga indefinida o 2 de febreiro.

Está convocada.

Nas xornadas de folga ata agora non se cumpriron os servizos mínimos que estableceu a Xunta. Que pensa deles?

Nós non imos entrar nese debate. A folga está sendo un éxito, trata de paralizar unha actividade, está paralizada, e a Xunta o que ten é establecer unha mesa para que isto volva á normalidade e deixarse de intoxicar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents