Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Emma Pedreira Poeta que acaba de publicar 'Inventaria'

«Temos literatura rápida ao igual que temos cadeas de comida rápida»

A coruñesa Emma Pedreira atesoura unha ducia dos premios literarios máis destacados da Galicia. Os seus primeiros dez poemarios reúnense agora en castelán e galego en ‘Inventaria’ (Boulevar). Tamén prepara a segunda parte de ‘As horas mortas’ sobre os cemiterios galegos

Emma Pedreira, poeta.

Emma Pedreira, poeta. / Beatriz Pereira Expósito

Mar Mato

A Coruña

Como recibiu a proposta de facer unha edición bilingüe castelán-galego das primeiras obras?

Estrañoume porque isto adoita ser unha cousa postmortem. As propostas de inventariar a obra fanse ou cando xa non estás por aquí ou tes un pé no outro barrio. Pensei que había que facelo porque ás poetas hai que celebralas en vida pero ao mesmo tempo vino cunha responsabilidade moi grande. Vin que me querían facer unha homenaxe pero non sabía se a merecía... Bueno, a verdade é que os meus primeiros libros estaban descatalogados.

Logo, resultou acaída esta xuntanza de primeiras obras para achegalas ao público novo ou alén das nosas fronteiras.

Si, de feito, falabamos o outro día que o libro está funcionando moi ben polo Estado adiante. Un poeta amigo de Madrid comentoume que estaba descubrindo que existe outra poesía galega.

No prólogo, diríxese ás súas fillas e fala das súas primeiras poesías como composicións que sinalaban «obviedades».

O prólogo amosa unha débeda. O meu primeiro libro (Diario bautismal dunha anarquista morta) foi bastante social e político pero falaba tamén da non maternidade. No ano 1996, eu non tiña opcións de ser nai por unha cuestión que despois foi evoluíndo co tempo. No libro, falo da imposibilidade de ter fillos; falo dunha filla hipotética pedíndolle desculpas por non tela. Case trinta anos máis tarde, tiven dúas fillas xemelgas. O prólogo é como pedirlles perdón.

Nesa primeira obra, estaba presente un «medo atroz» e 26 anos despois cobra forza ese medo por como está o mundo.

Isto indica que o mundo non avanzou nada. Ben, avanzou cara o mal. Tamén indica que a poesía e o feito literario que acompaña unhas circunstancias sociais poden representar un momento ou outros posteriores. Antes, tiña medo polas fillas que non ía ter e agora teño medo polo futuro das fillas que ao final tiven. É un traspaso de medos.

Por que está presente Frida Kahlo?

No alegórico, todo o mundo se pode sentir identificado con estes poemas. Frida Kahlo tivo unhas circunstancias físicas, unhas circunstancias da doenza exactamente iguais ás miñas. Eu empecei a escribir atada a unha cama, coa columna destrozada. Son cousas que non sabe a xente porque non adoito contar isto pero dou as claves para identificar os elementos autobiográficos para que a xente se dea conta de que falo de min.

O erotismo está moi presente.

O erotismo está sempre vencellado ao corpo e o corpo é unha presenza innegable. Veño da xeración dos 90, de poetas mulleres que decidimos que iamos ser nós mesmas quen falásemos do noso corpo. Ata ese momento, eran eles, os escritoros (sic), os que falaban da muller. Non queriamos idealizacións do corpo. No meu caso, eu falaba de corpos imperfectos, corpos danados, pero que tamén tiñan dereito a un erotismo.

Como ve a evolución no tempo das facilidades para publicar para as poetas mulleres?

As circunstancias son outras; caeron vellos modelos de publicación e de traballar a poesía e o libro. Eu non tiven ningún problema para comezar a publicar. Dende o primeiro momento, presentei un libro a un certame e gañei. Tiven moita sorte neste sentido. Non falo con soberbia, falo con sorpresa. Agora mesmo, creo que publica quen quere. Antes non se podía facer: había que pasar un cribo, había poucas editoriais dispostas a publicar xente nova. Os premios eran a única porta a unha editorial grande ou solvente. Agora, hai outras opcións boas ou malas...

E enriquecedoras?

Teñen un doble gume que me molesta. Soa snob. Que haxa tantas facilidades implica que non hai tanto cribo. Publica quen quere e como quere. Estamos caendo nunha superprodución. Non deixa que o mercado editorial sexa lento. Temos literatura rápida igual que temos cadeas de comida rápida. Non alimenta esa superprodución.

Por que está tan presente o silencio na súa obra?

O silencio é un luxo. O espazo, o tempo e o silencio son os grandes luxos do século XXI. Quen pode ter unha hora de silencio ou 100 metros de lugar? O silencio é unha necesidade pero tamén pode ser un veleno.

Por que «As horas mortas»?

En Galicia, non había libros sobre os cemiterios. Por iso escribín As horas mortas (Baia Ed.). Terá segunda parte e pronto monográficos-guía dalgúns cemiterios grandes: San Mauro e San Amaro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents