Pucho Boedo, 40 anos de lenda

Pucho Boedo, 40 anos de lenda
Xurxo Souto
Finou o 26 de xaneiro de 1986, cada día canta mellor. Non importa o contexto, todas as coruñesas e coruñeses da súa xeración afirman ter mantido amizade persoal co vocalista. Por iso acadou a condición de mito, porque pousou a aloumiña da emoción, persoa a persoa, á marxe de grandes campañas publicitarias. Unha voz que enfeitiza e na que inmediatamente tamén se recoñece toda a xente nova que ten a sorte de descubrilo.
Absolutamente autodidacta, mais cunha extraordinaria formación: tango, trópico e chanson. Estímulos que o seu talento sublimou para crear, con Prudencio Romo, os máis grandes clásicos da música galega contemporánea.
El é fundador, e representante maior, da escola coruñesa da canción. Ou o que é o mesmo: a procura, dende o máis popular, das máis altas cotas da beleza. Expresión do sentir colectivo desta cidade: unha pedra chantada no Atlántico. Vivimos na rúa, cultivamos a noite, a xolda, a bohemia e, ao tempo, admiramos cada día —solpor no mar do Orzán— a fermosura cósmica da propia natureza.
Pucho Boedo é o gran crooner coruñés. Abenzoada cidade esta que sabe honrar os seus artistas.
Naceu, na Silva, en 1929, na Ramalleira (lugar ao pé da avenida de Fisterra, agora ocupado por unha gasolineira). Din que de neno, cando cantaba, as mulleres no río paraban de lavar. Cando lle mude a voz, acabouse Pucho, dicían os entendidos. Conforme lle cambiou a voz, principiou a súa sona como gran vocalista. Primeiro asaltou o palco nas propias festas da Silva. Axiña comezou a ser reclamado por moitas orquestras: Eslava, Spallant, Ubierna, Mallo, Radio City. Tras gañar un concurso en Radio Juventud, fichouno unha nova formación: Los Trovadores. Din que así chamados finalmente polas trobas que lucía o propio Pucho.
A súa primeira academia foi o cine París. Alí papaba en sesión dobre películas a eito de Carlos Gardel. De aí procede a súa querenza polo tango que expresou en plenitude nun tema mítico: Chessman.
Axiña chegaría o Trópico. No ano 1955 embarca cos Satélites destino Venezuela. Viaxe iniciática para a música galega. No seu retorno, esta orquestra levaría todo o esplendor do Caribe directamente ao campo da festa. Moito antes —cosmopolitas nós !— de que en Nova York se inventase a palabra salsa. Mais Pucho non volveu cos Satélites. Ficou por aló un tempo, triunfando —prodixiosa metamorfose— como cantor tropical.
Naquel momento, o seu curmán, Faustino Núñez, de San Pedro de Nós, tamén andaba por Caracas. Eu ía traballar ás cinco da mañá á telefónica. E Pucho aínda viña de retirada. Dicíame: «Tes que entender meu primo, o meu traballo non é como o teu. Ti rematas e xa está. Eu aínda teño que atender ás admiradoras».
No retorno volveuse integrar nos Trovadores. A orquestra de Alfonso Saavedra convertérase nunha formación de elite que actuaba nos invernos nas mellores salas de Madrid. Dese tempo é outro clásico do seu repertorio, o bolero moruno Sahara. A peza que propiciou o encontro co que ía ser o seu gran compañeiro artístico, Prudencio Romo.
O director gardaba esta partitura con sete chaves para que ninguén máis puidese interpretalo. Nunha actuación en Noia, un rapaz espelido, Prudencio, agachou cuns ramallos unha gravadora. Cando Pucho soubo que a orquestra Veracruz estaba a cantar o seu bolero, até Noia foi cargado de vehemencia. Cando os escoitou, comentou lacónico: «Facédela mellor que nós». Dende aquela —tal me dixo Prudencio— amigos para sempre.
Velaí uns petiscos da biografía destoutro talento. Prudencio Romo tamén naceu músico, foi neno do coro da catedral de Santiago. Como moitos compañeiros de xeración tivo que marchar polo mundo. Monseñor Quiroga Palacios, arcebispo de Compostela, prohibíalles aos músicos tocar durante toda a coresma e mais a Semana Santa. Prudencio creou os Tamara, que embarcaron en Vigo, precisamente na Semana Santa de 1958, cara ao Norte de África. Botaron dous anos actuando por Marrocos e mais Alxeria. Mais houbo que fuxir ás presas, cara a Marsella, cando nas rúas de Alxer principiou a revolución.
Neste tempo, Pucho, que estaba actuando en Madrid cos Trovadores, recibe unha chamada internacional. Era Prudencio, o seu amigo. Precisaban dun novo cantante para os Tamara e pedíalle que marchase ás presas a Francia para actuar con eles. Conforme chegaran a Marsella, o seu representante xa lles conseguira as primeiras actuacións. Mesmo acaban de asinar un contrato por un mes na mítica sala Olympia de París. Mais Germán Olariaga, o vocalista, desaparecera (logo saberían que andaba en amores coa filla do xefe da mafia corsa). Pucho aceptou o reto.
Aínda non falaba francés, mais no Olympia non perdeu ningunha das actuacións da gran estrela coa que compartían cartel: o belga Jacques Brel, mestre verdadeiro da chanson.
Suíza, 1964. En Montreux coinciden con Los Españoles, o grupo de Candelas, o ferreiriño de Orto, nun baile para familias emigrantes. No medio da sesión, Candelas decide cantar unha composición dun amigo, Manso, obreiro da Bazán e músico afeccionado. Chamábase Galicia, terra nosa. Aí rematou o baile. Todas as persoas presentes —emocionadas— insistían en que volvesen interpretar, unha e outra vez, esa peza na súa lingua. Prudencio entendeu que existía un público —a emigración-— que demandaba música en galego. E el estaba preparado para darlla. Contárame que na biblioteca do instituto, en Noia, podía consultar calquera obra, fóra un andel: tiña libros en galego e non se podían ler. A fascinación polo prohibido. Aproveitaba calquera descoido do bedel para devoralos: Versos de Curros, Rosalía, Francisco Añón. Palabras da infancia que, moitos anos despois, había converter en canción para Pucho Boedo.
A compañía de discos tampouco apostaba por esta lingua. A súa versión de Galicia, terra nosa, tivo que saír, nun single, como cara B. Foi o primeiro grande éxito dos Tamara. En 1970, o Lp Na fermosa Galicia, integramente cantado en galego, ía mudar para sempre a música deste país.
Dandi, conquistador… tras do sorriso de Pucho agachábase unha gran dor. Todo o mundo o coñecía. Mais el case non coñeceu o seu pai, José, nin a seu irmán, José Antonio, sindicalistas da CNT, asasinados tras do golpe do 36.
Heroe sonoro e —ao tempo— representante dunha xeración condenada ao silencio. Esa dor da que non lle era permitido falar, mais que tan ben sabía expresar dende o escenario. Por iso cando Prudencio lle entregou a palabra de Curros e Celso Emilio Ferreiro naceu algo tan fondo que nos vai emocionar sempre. E un tema, O vello e o sapo, o seu preferido, no que agroma ese desacougo que habitaba nas súas entrañas.
Interpretouno na derradeira actuación da súa vida, no programa especial de fin de ano de 1985, da Televisión de Galicia. Estaba morrendo e estaba vencendo: Ollou cara os ceos, co puño pechado, conforme cantaba estes versos, ergueu el tamén o puño, reproducindo o saúdo libertario en homenaxe ao seu pai e mais ao seu irmán, asasinados no ano trinta e seis.
«No teu canto, o amor venceu á morte,
a lingua foi chorima e latexou o corazón da noite.
Pucho Boedo, o neno da Silva, a estrela do pobo,
mentres que ti cantes vivirá Galicia,
unha esperanza incesante!»
Versos de Manuel Rivas que campan nunha placa na Venela da Silva, a rúa da súa infancia. Finou hai corenta anos, cada día canta mellor. Sempre en nós, Pucho Boedo.
- Suspendida este viernes la huelga de buses en A Coruña a la espera de un acuerdo entre sindicatos
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- La huelga de bus de A Coruña se iniciará este miércoles al no haber acuerdo entre sindicatos
- El orgullo de ser de Monte Alto con un código postal 'de moda': 'Los que somos de aquí pensamos que todo lo demás es peor
- El restaurante de A Coruña para disfrutar de la auténtica pasta italiana: “Esto es como una casa, aquí lo hacemos todo nosotros”
- La histórica confitería de A Coruña recomendada por un chef Michelín: 'Siempre me quedo sin sus milhojas
- Cocidos en A Coruña y su área por 15 euros: 'Hay gente que viene todas las semanas a comerlo
- La borrasca 'Oriana' entra en Galicia con una masa de aire polar: así afectará a A Coruña