Diego Rodríguez, coordinador da escolma poética de Manuel Murguía: "Este fondo debe facernos reflexionar"
A inédita escolma poética de Murguía, 'Rimas populares de Galicia', ve a luz da man da RAG baixo a coordinación de Diego Rodríguez. O proxecto preséntase o 4 de febreiro na Casa Museo Casares Quiroga ás 19.00 horas con entrada de balde até completar aforo

Diego Rodríguez González na praia de Laxe. / María Pita
Manuel Murguía anunciou durante anos a publicación de Rimas populares de Galicia, unha escolma de romances que fora acumulando ao longo dos anos grazas a unha rede de colaboradores conformada por persoeiros tales coma Marcial Valladares ou Alejandra, a propia filla de Murguía con Rosalía de Castro. Porén, a pesares de telo intentado en varias ocasións, o texto nunca chegou ás mans dos lectores. É agora, tras máis de 150 anos, que a Real Academia Galega publica de forma inédita unha edición crítica das rimas baixo a coordinación de Diego Rodríguez, xefe de Patrimonio e Cultura e bibliotecario da Fundación Barrié. O título, que conforma o número 11 de 'Anexos BRAG', componse de preto de 200 composicións poéticas: tanto as atopadas nos papeis conservados de Murguía, coma outras pulidas por Lois Carré na década dos 50 do século pasado. Con motivo do 193 aniversario do que sería o primeiro presidente da RAG, a institución presenta este mércores, 4 de febreiro, ás 19.00 na Casa Museo Casares Quiroga As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados, con entrada de balde ata completar aforo.
O proxecto é unha edición dun libro de Murguía que se cría perdido para sempre. Como chegou aos nosos días?
O libro existe grazas a unha serie de copias, en parte da man do propio Murguía, en parte da man de Florencio Vaamonde; temos tamén a aportación de Rosalía de Castro, contido que identifiquei como de Pondal, Marcial Valladares... Toda esa xente axudou a Murguía, que non recompilou ningún dos poemas el mesmo, senón o que lle enviaron. Pero a colaboradora máis importante foi Alejandra Murguía, a súa filla, quen reproducía no papel exactamente o que tiña na cabeza, os versos que a xente lle transmitía durante as súas viaxes.
Permitíronse licenzas na tradución ao galego dos romances en castelán e en portugués?
Florencio Vaamonde, colaborador de Murguía, tivo un toque de rebeldía engadindo a ortografía portuguesa. Dixo: "Dado que non temos unha norma, imos collela do país irmán". De feito, este lusismo deu lugar a varios problemas de interpretación. Por exemplo, cando leo 'Jesucristo', con iota, non sei se é unha transformación de Vaamonde ou un castelanismo que o poema xa contiña.
Na obra de Murguía, o galego era simplemente usado para traducir ou o labor da lingua ía máis aló?
O que demostran estes manuscritos é que o galego estaba perfectamente asentado no romanceiro, e que tiña un poder de creatividade. Por poñer un exemplo: en A doncela guerreira, á protagonista mándanlle comer zamborca. Isto é unha adaptación galega, porque na versión portuguesa ordénanlle subirse a un alto, e na versión vasca hai outro tabú. Noutro dos romances hai unha muller confinada nunha torre á que lle dan de comer sardiñas saladas; isto só aparece no romance galego, porque a salazón das sardiñas era unha cuestión máis propia de aquí. Non hai unha versión prioritaria, pero si variacións que manteñen un parecido fonético e gardan un significado novo.
Cal foi o seu primeiro contacto coas Rimas de Murguía? Leva dende entón traballando no proxecto?
O primeiro contacto foi co Romance don Gaiferos, despois vin que había unhas notas relativas a Alejandra, e fun tirando do fío. Había, tamén, unha cousa absolutamente desconcertante, que era esa copia de Florencio Vaamonde, moitas contribucións non estaban asinadas... O que había era un caos absoluto. Funme metendo aos poucos, parecíame que era algo que había que facer. Calculo que levo uns cinco anos intensamente dedicados a publicar esta obra.
Como repercutirá a publicación este proxecto na cultura e memoria popular galegas?
Vou descansar en Murguía, síntome un transmisor do que el fixo. Coido que, a día de hoxe, este fondo debe facernos reflexionar. O que non coidemos, tratándose dunha cultura que non está lexitimada, vaise perder. Por iso debería ser un espello para decatarnos de que, se o queremos, debemos facer o posible para que non se perda.
- Suspendida este viernes la huelga de buses en A Coruña a la espera de un acuerdo entre sindicatos
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- La huelga de bus de A Coruña se iniciará este miércoles al no haber acuerdo entre sindicatos
- El Puerto de A Coruña prevé dragar en Langosteira el equivalente a 37 dunas de Riazor y usar la arena en playas del entorno
- El orgullo de ser de Monte Alto con un código postal 'de moda': 'Los que somos de aquí pensamos que todo lo demás es peor
- El restaurante de A Coruña para disfrutar de la auténtica pasta italiana: “Esto es como una casa, aquí lo hacemos todo nosotros”
- La histórica confitería de A Coruña recomendada por un chef Michelín: 'Siempre me quedo sin sus milhojas
- Cocidos en A Coruña y su área por 15 euros: 'Hay gente que viene todas las semanas a comerlo