De Vacas, dez anos de música no Teatro Colón
O grupo galego, acompañado por un coro de sesenta persoas e dous cuartetos, busca celebrar a amizade e a unidade a través da música no seu concerto deste sábado na Coruña

O grupo galego, De Vacas / Cedida
Hai concertos e hai noites que se gardan. De Vacas chega este sábado ao Teatro Colón da Coruña cun deses espectáculos que non se repiten,Vacanal Sinfónica, unha celebración dos seus dez anos de traxectoria que xunta música, memoria e afectos nun mesmo escenario.
A poucas horas do concerto, Inés Salvado, membro do grupo, confesa que as emocións están "a flor de pel". O grupo chega á Coruña tras pasar por Santiago, cun sentimento especial cara a unha cidade que sempre lles "devolveu cariño". O Teatro Colón non é un espazo alleo para elas. "É un teatro impoñente e o público coruñés é moi querido. Cada vez que estivemos aquí a resposta foi moi boa, con teatros cheos e moita emoción", lembra.
Ese recordo pesa, pero tamén empuxa. Para a cita deste sábado, o grupo preparou "algún detalle" distinto ao visto noutras cidades. "Para A Coruña temos algunha sorpresa", adianta Salvado. Todo está listo para unha noite que viven con "nervios contidos" e coa sensación de estar a piques de "algo importante".
Dez anos despois do nacemento de De Vacas, o concerto convértese nun exercicio de orgullo e gratitude. "Manter un proxecto durante tanto tempo e seguir sentindo o apoio do público é algo polo que estar moi agradecidas", recoñece a cantante. A celebración non se entende sen as persoas que acompañaron o camiño. O escenario do Colón encherase de músicos, instrumentistas, técnicas e equipo de produción que forman parte da súa historia. "Estamos rodeadas de xente moi querida. Levamos ao Coro da Rá, onde coñecémonos as tres, iso é unha sorte enorme", afirma.
De tres voces a toda unha familia
Vacanal Sinfónica representa un paso distinto na traxectoria de De Vacas. Acostumadas a formatos máis íntimos, decidiron dar un xiro e vestir as cancións dun xeito novo. "Queriamos poñer no centro a música", explica Salvado. As tres voces, que sempre foron o sinal de identidade do grupo, amplían agora o seu espazo a "toda unha familia" cun coro de sesenta persoas, un cuarteto de cordas e outro de vento, baixo os arranxos de Lucas Rei.
O proceso empezou a principios de ano e esixiu tempo e coordinación. "Hai moito traballo detrás, son moitas persoas e moitas pezas que teñen que encaixar, pero tamén foi un proceso moi gozoso", conta. O resultado é un escenario cheo, cuberto de música e emoción. "Pasas de tres voces e unha guitarra a sentir todo o palco arroupado de son. É moi potente desde dentro". A dimensión emocional atravesa todo o espectáculo. Non só polo aniversario, senón polo risco asumido. "É a primeira vez que temos un equipo tan grande. Non sabiamos cal ía ser a resposta, pero decidimos facelo polo gusto de crear", explica.
O que De Vacas espera do público é sinxelo e profundo ao mesmo tempo. "Oxalá a xente saia do Colón con alegría", desexa Salvado. "Vivimos tempos complicados e este concerto é unha celebración da arte, da amizade e de xuntarnos nun mesmo lugar arredor da música". Un encontro que reivindica, a través do humor e da emoción, a "importancia do colectivo".
- El aeropuerto de A Coruña perderá 120.000 pasajeros con el fin de las rutas a Málaga, Valencia y Londres
- Un microondas, tirado junto a un contenedor de papel en A Coruña
- Las alternativas para entrar y salir de A Coruña durante el corte total de A Pasaxe durante una semana
- La obra en el inicio de Alfonso Molina, en A Coruña, descubre un muro del siglo XVIII
- El Montecarlo de A Coruña encuentra en el baile un punto de encuentro vecinal: 'A Gaiteira necesitaba un ambiente más sano
- Un nuevo frente frío entrará en A Coruña en la noche de este domingo
- El auge de las lavanderías en A Coruña hace que pasen de solución puntual a rutina semanal: 'Hay gente que ya no tiene lavadora en casa
- Un trabajador de Teléfonica en A Coruña, ante el ERE: 'Me siento telefónico y seguiré siendo telefónico