Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Xoves de Comadres, a festa recuperada na Coruña que se adianta ao Entroido

As Comadres Cigarreiras rescatan na cidade unha tradición esquecida e converten o xoves antes de Entroido nun acto de memoria, festa e reivindicación, este ano coa homenaxe á oceanógrafa e biologa mariña coruñesa, Ángeles Alvariño

A Coruña

O Xoves de Comadres regresou á Coruña, non por casualidade. Volveu porque houbo mulleres que sentiron que "faltaba algo", que unha parte da historia da cidade quedara en silencio. "Pensamos que esa tradición que existía antigamente, e que se perdera totalmente na Coruña, podiamos intentar recuperala", explica Loli Vilameá, unha das integrantes das Comadres Cigarreiras, o colectivo que dende 2019 devolve este día ás rúas da cidade.

A idea naceu entre mulleres que xa estaban implicadas no Entroido da cidade. "Ao principio estabamos implicadas no carnaval da Coruña por diferentes comparsas, pero decidimos reunirnos e intentar sacar isto adiante", lembra. A pandemia interrompeu o camiño durante dous anos, mais dende 2023 o Xoves das Comadres regresou ás rúas con forza. "Nacemos tamén como unha homenaxe ás mulleres traballadoras da Coruña, que eran as cigarreiras", explica Loli. "Foron as primeiras mulleres que fixeron unha folga e tiveron un papel importantísimo no desenvolvemento industrial e obreiro da cidade. A fábrica de tabacos foi a primeira gran empresa de Galicia e as cigarreiras son un símbolo da Coruña", explica.

A tradición do xoves previo a entroido ten raíces fondas, aínda que pouco documentadas. "Sabemos da súa existencia principalmente a través da novela A Tribuna, de Emilia Pardo Bazán", conta Loli. Na obra, dedicada ás cigarreiras, aparecen referencias ás celebracións que organizaban dentro da fábrica, con disfraces e comparsas. "É a partir de aí desde onde partimos, porque non hai moitos máis datos documentais". Así, cada ano, as Comadres Cigarreras dedican a xornada a unha muller ou colectivo feminino, preferentemente pouco coñecido. "Decidimos que, dado que os tempos cambiaron, podiamos dedicarlle o día a unha muller relacionada coa Coruña ou coa súa contorna, desde traballadoras a intelectuais, científicas ou políticas, mulleres que achegasen algo á loita das mulleres ou ao seu papel na sociedade", asegura Loli. O obxectivo, insiste, está claro: "Intentamos homenaxear sobre todo mulleres máis descoñecidas, porque hai outras que xa teñen moito recoñecemento".

Homenaxe a oceanógrafa coruñesa

Este ano, a figura elixida é a científica Ángeles Alvariño, coincidindo co 110 aniversario do seu nacemento en Serantes. "Nunca lle dedicaramos un ano a unha muller científica e parecía o momento axeitado", aclara. A elección non foi só simbólica, senón tamén emocional. "Deixou todo o seu legado científico aquí, que se conserva no Arquivo Municipal, e iso non o sabe moita xente". Durante a preparación, o grupo puido coñecer parte dese legado. "Vimos debuxos preciosísimos dos animais que investigaba, do plancto mariño. Ten 474 ilustracións, aínda que só nos deixaron ver vinte e empregar dez, pero quedamos impactadas", relata. Por iso, lanzan tamén unha reivindicación ás institucións: "Queremos pedir que se faga unha exposición con este material para que a xente coñeza realmente o espectacular que é".

O acto central do Xoves das Comadres celebrouse no edificio municipal onde se atopa o Arquivo, precisamente onde se conserva o seu legado. "Leemos un texto lembrando a súa figura e cantamos a canción que lle dedicamos este ano", explica. A partir de aí, as Comadres saen polas rúas da cidade cantando, nun percorrido pola rúa Estrella, rúa Real e praza María Pita recuperando o espírito festivo da xornada.O vestiario tamén dialoga coa figura homenaxeada. "Este ano levamos capas con motivos mariños, medusas e peixes, porque ela descubriu 22 especies de plancto mariño", explica.

Máis alá do propio grupo, as Comadres Cigarreras queren que o Xoves das Comadres sexa un día vivido por toda a cidade. "Estamos interesadas en que as mulleres vaian á rúa disfrazadas, aínda que non veñan con nós", afirma, quen busca "recuperar este día como un día de festa das mulleres".

Actualmente, o grupo está formado por arredor de quince mulleres, na súa maioría de máis de corenta anos. "Non temos xente moi nova e gustaríanos que se sumasen máis rapazas", recoñece. Aínda así, o compromiso segue firme. "Traballamos moito todo o ano e o entroido é para vivilo. Este é un día para saír á rúa, para celebrar e para lembrar que as mulleres tamén temos historia, memoria e festa".

Tracking Pixel Contents