Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carmen Villar, convidada de Poetas Di(n)versos: "A palabra non ten ningún tipo de fronteiras"

A escritora e xornalista dialogará coa grega Dimitra Christodoulou no ciclo de Yolanda Castaño

A poeta, xornalista e fotógrafa Carmen Villar, convidada ao novo ciclo de Poetas Di(n)versos

A poeta, xornalista e fotógrafa Carmen Villar, convidada ao novo ciclo de Poetas Di(n)versos / Eduardo Navarro

A Coruña

"Hai que perderlle medo á poesía", sentencia a xornalista Carmen Villar, convidada a un novo encontro de Poetas Di(n)versos. O programa, dirixido por Yolanda Castaño, arrinca a súa décimo sétima edición no Ágora coa estrutura habitual: un diálogo entre unha voz galega e outra estranxeira, o vindeiro luns 16 de febreiro ás 20.00 horas, que nesta ocasión será a poeta grega Dimitra Christodoulou.

A necesidade de transformar en versos as súas vivencias acompaña a Carmen dende as primeiras etapas da súa vida. Porén, non sería ata tempo despois cando se animaría a dar o salto e publicar os seus pensamentos de maneira oficial. Así nace o fotopoemario 'Os mil e un días', publicado en Xerais en 2023. Carmen goza desta interdisciplinariedade entre palabras e imaxes, entre estrofas e fotografías, grazas á súa dobre formación en Ciencias da Comunicación e fotografía artística. "Entendín que eran linguaxes que podían complementarse, gústame moito a alquimia que xorde. Creo que é unha maneira de ver o mundo diferente", declara.

Espazo de unión

"Non o dubidei un momento", así fala Villar do instante no que Yolanda Castaño contactou con ela para ofrecerlle participar no ciclo. "É unha oportunidade única, non só para que a xente escoite poesía, senón tamén para eu mesma estar en contacto coa poesía que se fai fóra", sostén. Parécelle un privilexio estar no cartel, pero, sobre todo, o feito de "que se poñan a dialogar dúas voces, unha de aquí do país e outra de fóra nesa comuñón, que se vexa que son posibles esas alianzas". A explicación de Villar sobre por que isto é posible é clara: "A palabra non ten ningún tipo de fronteiras".

A ateniense Dimitra Christodoulou unirase, metade voz e metade tinta, á conversa con Carmen e Yolanda. Cun libro de prosa e 13 poemarios publicados, en 2008 foi galardoada co Premio Nacional de Poesía en Grecia pola súa colección de poemas 'Limos'. Ao referirse a non coñecer a Dimitra de antes, Carmen pon de manifesto o que, para ela, é a grande vantaxe do ciclo: "Nos últimos anos, a poesía gozou dunha grande actualización. Moita xente escribe poesía, e intento seguir á xente máis achegada, dende aquí, á máis próxima. E sempre quedaban fóra propostas. E o que fai este programa é traer xente de fóra e achegala".

A escolma de versos publicada en Xerais reúne creacións máis curtas, "máis asociadas ás imaxes". Porén, no coloquio do luns espera "introducir poemas novos" e facer o encontro "o máis ameno posible". Para ela é importante que sexa diverso, variado: "Que reflectise o arco da miña creación, intentando non ser monotemática, ser plural", especifica. Sendo luns de Entroido, expresa, teñen que "darlle á xente que veña unha tarde amena, que gocen".

Parécelle igualmente salientable o apoio institucional a este tipo de propostas de índole artística. "A poesía, a cultura en xeral, é básica para o noso desenvolvemento como persoas. Agradécese que as institucións teñan en conta estas iniciativas. Todo o que sexa achegar cultura é bo", cavila.

De lobos e cans

Máis alá dos seus escritos como xornalista en Faro de Vigo, Carmen colabora tamén en Comadres das Letras, colectivo literario feminista creado por mulleres que xorde en 2022 a partir de dous obradoiros literarios dirixidos por Eli Ríos e organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración co concello de Santiago. Coa publicación de 'Contármonos' (Alvarellos Editora, 2023), na que Villar participou, as comadres quedaron finalistas dos Premios Follas Novas 2024. Este ano volven estar nominadas na categoría de iniciativa bibliográfica con 'Cereixas roubadas'. O seu traballo transversal, pero sempre artístico, maniféstase tamén en forma de fotografías e debuxos, de relatos e teatro.

Malia esta variedade de formatos, semella que o mesmo pano de fondo cobre as súas creacións poéticas: "O que máis me inquieta é o paso do tempo e a erosión que provoca sobre a vida; como desgasta ás persoas, aos obxectos que amamos, aos lugares que queremos", reflexiona. Da man desta sensación ambivalente de perda e ganancia, trae á palestra a memoria e a fraxilidade da existencia. "Penso que a infancia, como dicía Rainer Maria Rilke, é a patria do ser humano", di. Infancia que, no seu caso, estivo marcada "polo feito de ser unha nena filla de migrantes". Nada en Zürich e criada na Terra de Celanova, comenta que todos os descendentes de emigrantes son "fillos de orfos temporais".

E a poesía, para ela, funciona dese xeito. Valémonos dela para "evocar algo que non está especialmente definido, tendo que buscar as palabras para delimitalo". Para esa procura do impreciso apóiase nos seus grandes referentes. "Aos primeiros que quixen ler na adolescencia foron aos románticos: a Rosalía e Bécquer. Rosalía creo que é a referencia, con maiúscula, de todas as creadoras e creadores de Galicia. É a nai de todos nós, debémoslle moito", relata. "E Machado, para min eterno referente", engade.

A tarefa de escoller entre os autores contemporáneos resúltalle máis ardua. Menciona nomes como o da propia Yolanda Castaño, Idea Vilariño, Olga Novo ou as comadres, aínda que opina que "son incontables", porque temos "unha colleita...", afirma. Neste sentido, asegura que o panorama poético galego "ten o seu selo". De feito, apunta, "os Premios Nacionais de Poesía dos últimos anos foron para persoas galegas ou que escriben en galego: Chus Pato, Olga Novo, Yolanda Castaño, Pilar Pallarés... Penso que demostra que si que hai un elemento diferencial e característico nas nosas voces".

Baixo o seu punto de vista, existe certo prexuízo cara ao grao de accesibilidade da poesía. Declara que "hai unha idea provocada que percibe que é para unha minoría". Porén, cre que tamén é unha cuestión de como se achega unha persoa a esta expresión artística. A pesar de existiren obras máis complexas ca outras, para Villar "todas teñen un conflito interior ao que se chega máis por intuición e non tanto por racionalización. Hai que perderlle medo á poesía; non é un lobo, é máis ben coma un canciño, un ser cálido e cariñoso que te pode arroupar".

Tracking Pixel Contents