Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xosé Iglesias, patrón na Coruña: "Vin despezar 200 barcos do Gran Sol no porto da Coruña: agora veñen pola frota de baixura e dannos unha cota de xarda ridícula"

"Poñen a buques como o meu que collemos unhas poucas caixas con outros que capturan milleiros delas"

O patrón Xosé Iglesias, na cuberta do seu barco de baixura ‘Primero Villar’, no peirado coruñés de Oza.

O patrón Xosé Iglesias, na cuberta do seu barco de baixura ‘Primero Villar’, no peirado coruñés de Oza. / CARLOS PARDELLAS

Xosé Iglesias é patrón do barco de baixura Primero Villar, que leva 22 anos faenando na Coruña. Captura, entre outros peixes, xarda, un peixe do que pola lonxa da Coruña pasaban unhas 2.800 toneladas en 2018 e do que en 2025 apenas se puxeron en venda unhas 700. Este ano hai un recorte de cotas do 56%.

Baixan as cotas de xarda un 56%. Cal é a situación do peixe?

A nivel europeo, non sei se polo cambio climático, a xarda está claro que está cambiando os seus movementos. Se baixa [a Galicia], baixa en pouca cantidade, a realidade é que estamos collendo bastante menos. Pero estana collendo en países no norte de Europa. Non hai sobre-explotación, os barcos son menos: son cuestións climatolóxicas.

Como le entón o recorte?

Na frota de baixura, de artes menores, temos un gran problema: meten as nosas cotas dentro dos tags das flotas dos barcos industriais. Non nos consultan e nos meten dentro destes tags, e para nós o problema é gravísimo, porque claro, o peixe que nos veña vainos vir igual: nós largamos o aparello e non sabemos nunca o peixe que vai vir. Aínda que o ano pasado houbese menos xarda, este ano non sabemos o que vai pasar porque o mar é impredicible, imos collela igual. E posiblemente teremos que tirala, ou, se hai moita, amarrar os barcos por falta de cota.

Como pesca no seu barco?

Eu teño un barco de pesca artesanal: non vivimos de pescar xarda, senón de pescar dúas caixas de xarda, unha caixa de salmonete, unha caixa de carioca, catro caixas de fanecas... Todos os días nos veñen dez ou quince especies distintas, de cada unha collemos unhas poucas caixas. As nosas redes están no mar pouquísimas horas, arrío o aparello ás 5 da mañá, ás 9 xa estamos levantando. De máis conservación que o aparello noso non pode haber. Aínda así, metéronnos nos tags das frotas industriais, e se nos dan unha cota mísera como este ano igual temos que volver tirar o peixe.

Teñen cota por barco?

A de baixura non é por barco, é pola provincia da Coruña, e este ano temos cotas tan ridículas, que non sei como non lle cae a cara de vergoña aos políticos de anuncialas. Se o peixe chega a baixar como outros anos, acabaríase en dous días. Levo aquí traballando co barco 22 anos e a miña teoría é que nos queren expulsar do mar, amargándonos, meténdonos a barcos que andamos cun, dous, tres homes, con barcos que collen miles de caixas mentres nós collemos dúas, tres, catro, oito...

Cal é o futuro?

As frotas estanse reducindo, hai un montón de barcos de baixura á venda en internet e non hai quen os merque. Non hai relevo xeracional, pasamos a un mar totalmente burocrático, con normas feitas por xente que na súa vida colleu un barco. E é un problema da sociedade, que non vai poder comer peixe galego, unha xarda das nosas rías, un salmonete... Están facendo todo o posible para botarnos fóra. Europa, desde un principio, esquilmou a pesca galega. Eu vin aquí, cos meus ollos, no porto de Oza, como se despezaron 200 barcos do Gran Sol. ¡Douscentos, eh! Quedan catro. Cantas barcas do día quedan? Catro! Acabaron coas frotas do día e van polo cerco e veñen por nós. Outros países miran ben polos seus intereses, Europa non mira polos seus sectores primarios: o agro tamén está en pé de guerra.

Que pediría?

Falando pola frota de baixura, que nos sacaran de cotas, que nos deixaran pescar o peixe que nos viñera, que é pouco: desmallamos a man peixe de extremada calidade. E a presión burocrática é moitísima. Teño inspeccións da Garda Civil, comunitarias, da Xunta... Parece que si ou si estamos pirateando. E non é así, eu quero un futuro para min e para os meus fillos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents