A gala dos XXV PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz celebrarase o 6 de maio
O premio Acontecemento Musical do ano recaeu na Real Academia Galega pola concesión do Día das Letras Galegas á poesía oral popular das cantareiras. Uxía recibe o galardón Andaina Senlleira polos seus 40 anos na música

Unha foliada en Santo Amaro / Víctor Echave
Óscar Losada
Se a celebración dos galardóns sempre é unha data emotiva, nesta ocasión chégase á vixésimo quinta edición e ese número faina un chisco máis especial que as precedentes. Tamén resultou especial a conmemoración deste ano do Día das Letras Galegas para o mundo musical galego. A decisión da Real Academia Galega de conceder ese recoñecemento tan significativo na cultura do país ás vellas cantareiras, personificada nas pandeireteiras de Mens, Eva Castiñeira e Adolfina e Rosa Casás, puxo en valor o que representa a poesía popular oral e deu un novo motivo de orgullo aos amantes da nosa tradición. Esa decisión dos membros da academia supuxo que ao longo do país se sucedesen unha manchea de actividades e concertos durante todo o ano para honrar e festexar con ledicia o poder creativo e a transmisión emocional da nosa música popular.
Por todo iso non se tivo dúbida ningunha en elixir ao Día das Letras Galegas como merecente do Premio Opinión Acontecemento Musical do ano 2025. Nos tres anos anteriores foron premiados as Tanxugueiras, a agrupación Xacarandaina e Abraham Cupeiro.
Cita no Teatro Rosalía de Castro da Coruña
A cita musical volverá desenvolverse no belo Teatro Rosalía de Castro. Será o vindeiro 6 de maio ás 20.30 horas. A gala contará con dúas actuacións musicais. Abrirán a noite o dúo Caamaño e Ameixeiras, gañadoras con Aire na categoría de mellor álbum do ano 2021 cando aínda se concedía ese galardón. En 2023 publicaron Quitar o Aire e foron ocupando un espazo destacado no panorama musical galego. Chegaron a formar parte da gala de apertura do Womex celebrado na Coruña para continuar avanzando no seu coñecemento alén das nosas fronteiras. Hai pouco estiveron realizando concertos polo Canadá e son quen de encher un escenario malia ser só dúas no palco. Iso non é nada doado de conseguir e amosa que o acordeón de Sabela Caamaño e o violín e voces de Antía Ameixeiras saben desenvolver con moito acerto o seu proxecto. Para esta pequena actuación decidiron facer unha chiscadela ás cantareiras e tocarán algunha cousa diferente no repertorio téndoas a elas en mente.

Rosa Cedrón, nun concerto na Coruña. / Carlos Pardellas
Para pechar a gala actuará Rosa Cedrón. A monfortina, afincada na Coruña, trae unha novidade entre os músicos que a acompañan. Ultimamente adoita tocar en dúo co teclista Juanjo Fernández e ás veces engade o violín do seu irmán Xabier para tocar en formato trío. Para esta actuación contará cun engadido especial, o da moza María López, que debutou discograficamente o ano pasado con Daydreaming. A naronesa ten altas capacidades técnicas para tocar zanfona e gaita, o que achegará sonoridades diferentes ao que viña facendo Cedrón nos directos. Após pasar nove anos na banda Luar na Lubre, na súa carreira como solista editou tres discos e realizou un álbum a dúo con Cristina Pato. En 2024 foi elixida como nova compoñente da Real Academia Galega de Belas Artes polo seu labor musical de tres décadas de andaina. Ademais dalgunha sorpresa especial para a gala, ao cantar algo que nunca levou ao directo, non poderán faltar nas súas interpretacións da noite os dous temas que acadaron o PREMIO OPINIÓN á mellor canción orixinal: Benditas feridas e Ti, miña flor. O primeiro é un canto ao que significa a música para ela e o outro está dedicado a súa filla.
Será unha xornada musical que volva incidir nos alicerces da tradición e na evolución musical desas raíces na creación de novas músicas modernas.

Uxía, cunha pandeireta coa cara de Rosalía. / Marta G. Brea
XIX Premio Opinión Andaina Senlleira para a cantante mosense Uxía
Moitos soubemos artisticamente de Uxía cando era a cantante do grupo porriñés Na Lúa que, por certo, gañou o Andaina Senlleira en 2010. Daquela xa debutara cun traballo en solitario titulado Foliada de Marzo e logo foi parte da banda, coa que gravou dous discos. Corenta anos na música dan para moito e após abandonar o conxunto volveu á súa carreira como solista, que deixou discos importantes no panorama galego da música de raíz. O álbum Uxía-O logrou o PREMIO OPINIÓN en 2017 e tamén conseguiu en dúas ocasións o recoñecemento do xurado como mellor artista do ano.
O verán pasado puidemos escoitala na praza de María Pita nun concerto para festexar catro décadas enriba dos escenarios, no que estivo acompañada de varias convidadas e no que ofreceu o máis destacado da súa arte. Os traballos rodeada de compañeiros sempre foron algo que lle gorentou e deu mostras diso no seu fecundo percorrido profesional. O máis recente é esa obra conxunta co cantautor andaluz Javier Ruibal, mais sería longo enunciar todos os proxectos que montou coa súa mente inqueda e bulideira. Uxía é unha amante de Portugal e ten moitas ligazóns co país veciño e con toda a lusofonía, como reflicte ben o seu labor no festival Cantos na Maré (agora denominado Maré). Na súa bagaxe demostrou posuír bo gusto musical e iso axudouna a desenvolver unha traxectoria con alicerces sólidos e cunha mente aberta para incorporar novas ideas a súa proposta. O galardón Andaina Senlleira recoñece o labor no eido musical de persoas ou colectivos que deixasen unha fonda pegada musical na nosa terra.
- Terrazas secretas en A Coruña: las 6 joyas de barrio favoritas de los vecinos (de Lonzas a O Portiño) para merendar al sol esta primavera
- Nueva vida para el concesionario Conde Medín: el Concello presentará proyecto para dedicarlo a 'equipamientos públicos' en el segundo semestre de 2026
- Así es el calendario del Deportivo en la recta final de Segunda División: rivales, viajes y duelos directos
- Los Jove, Collazo y Modesto Rodríguez promueven pisos turísticos en dos edificios ruinosos en el centro de A Coruña
- Del primer Zara del mundo a supermercado Dia: el emblemático local de Juan Flórez, en A Coruña, ya tiene nuevo inquilino
- El lotero acusado de quedarse con la Primitiva millonaria: 'Cuando encuentro el boleto no tengo a nadie delante
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- Francisco Vázquez, exalcalde de A Coruña, solicita al Deportivo no cambiar su topónimo