A faciana feminina da emigración galega, en A Coruña: "As mulleres somos axentes do cambio"
O Kiosco Alfonso de A Coruña abre unha mostra que reconstrúe o relato do movemento migratorio das mulleres galegas: "Está escrita dende o nosoutras"

Inauguración de la exposición 'Emigrantas: emerxer do silencio' en el Kiosco Alfonso de A Coruña / Iago López
Con seis verbos de acción como fío condutor, Emigrantas: emerxer do silencio pon o foco na cara B dunha historia de idas e voltas, dunha narración antiga e actual que conforma a memoria popular galega: os fíos da emigración e da diáspora. O Kiosco Alfonso de A Coruña acolle dende o 11 de marzo até o 3 de maio unha ampla colección material e audiovisual do Consello da Cultura Galega que sintetiza nun sentir común centos de vidas con nome e apelido de muller: "Está escrita dende o nosoutras, as mulleres somos axentes do cambio", explica unha das tres comisarias do proxecto, Antía Pérez.
A exposición non segue un percorrido temporal nin xeográfico, senón que mestura as distintas vagas migratorias —dende a americana do século XIX, pasando pola europea de mediados do século XX e a actual— propoñendo un ollar puramente centrado na figura feminina que tivo que marchar do país, sen importar o cando e o onde. "A historia da emigración galega está chea de silencios, e dentro deses silencios hai mulleres moi fortes", indica Pérez. O que quería, xunto coas outras dúas comisarias, Keina Espiñeira e María Alonso, era "facer emerxer aquelas voces silenciadas polo relato oficial".
"Un dos eixos centrais ten que ver co xiro da representación: cando as mulleres tomamos a cámara e collemos o lapis, o relato e a forma de representarnos cambia. Eses materiais máis antigos das primeiras vagas estaban realizados por homes, principalmente, e había un baleiro moi importante que nos fixo reflexionar", recalca Keina Espiñeira.
A saída e o traballo
Os seis apartados do conxunto, que dialogan entre si, toman o nome de seis verbos de acción vencellados á acción migratoria: Saírmos, Emancipármonos, Traballarmos, Recoñecérmonos, Loitarmos e Compartirmos. O percorrido comeza con Saírmos, centrado no por que e no como da partida. "É algo que se ten cuestionado sempre, que as mulleres participaran na emigración", sinala Pérez. Maletas e baúis antigos de diferentes formatos e tamaños reciben ao público neste primeiro capítulo, así como documentos persoais e oficiais: "Establecíanse requisitos, trabas, como unha carta do marido, certificados médicos...". Destaca a historia da cineasta galega Cruz Martínez Risco, filla de Vicente Risco, e o cadro de Luis Seoane, Emigrante.

Kiosco Afonso, Inauguración exposición 'Emigrantes' / Iago López
Continúa con Emancipármonos, para explorar a dobre cara do que supuxo traballar para aquelas que emigraban: "Para moitas mulleres foi profundamente liberador, pero moitas atoparon situacións de violencia; situacións de discriminación e abuso", di Pérez. En Traballarmos inclúen filmacións inéditas de Carlos Asorey que documentan a vida dunha familia galega nunha portería parisina, para "amosar a tensión existente nas vidas femininas entre os traballos que se exercen no espazo público e os dos fogares"; tamén un epistolario dunha galega que exerceu como traballadora doméstica en Montevideo. "Non é habitual, porque moitas non sabían ler e escribir, ou non consideraban que as súas vidas mereceran ser contadas", aclara Pérez. Non deixan de lado a nova diáspora, grazas á peza elaborada ad hoc que recolle os videoblogs de Lucía Latorre, bióloga emigrada nas illas Seychelles.
O relato, a política e a continuidade
En Recoñecérmonos, retratan as formas de representación das mulleres nos procesos do éxodo. Aquí se atopa o relato e receitas de Margarita Vázquez-Ponte, música clave da escena do rock independente da Escocia dos oitenta nada en Vila de Cruces. Preséntase unha instalación creada por Ana Choucino a partir dos seus arquivos persoais durante os anos que residiu en Edimburgo.
Loitarmos ábrese á dimensión política da diáspora, achegando as iniciativas sociais máis aló dos tradicionais comités de damas. "Hai unha sección de documentación e un convite á participación. Queremos dar un relato aberto, non pechado, que o coñecemento sexa cocreado", ensina Pérez con respecto ás postais dispoñibles para seguir recollendo testemuños. Nas paredes, paneis sobre a creación cultural das exiliadas galegas, coma Maruja Mallo e María Casares; ou sobre o forte asociacionismo en entidades como Hijas de Galicia e nas loitas das Nais e Avoas da Praza de Maio.
A viaxe remata con Compartirmos, sector dedicado ás actividades de lecer nas colectividades emigrantes. O protagonismo recae sobre as pezas de Ana Kiro e as de Mimina, muller de Isac Díaz Pardo. Paralelamente, a Filmoteca de Galiciaorganiza unha sección específica dentro do ciclo Olladas de muller, enfocado en filmes que abordan a emigración dende perspectivas femininas. Ademais, abrirase o prazo de inscrición para o obradoiro Un lenzo branco, para aquelas persoas interesadas en dialogar sobre o exposto na mostra.
- Oleiros se niega a 'regalar dinero público' para que el 1A llegue a Santa Cristina
- Kevin Sánchez: 'En el Dépor estás en una burbuja muy bonita y cuando sales, ves que hay muchísimo fútbol, es una vuelta a la realidad
- Arteixo termina la demolición de cinco inmuebles para la construcción de una mini rotonda en el cruce de Morás
- Un San Bernardo de 90 kilos, Oso, estrella en la feria de mascotas Pata Pata 2026 de A Coruña
- Jevaso, proveedora de Inditex y Mango, reduce plantilla y refuerza su equipo directivo
- A la venta Bambina, la discoteca que marcó la noche de Santa Cristina en los 90
- Así está la clasificación de Segunda División: El Dépor baja a la cuarta plaza
- El Concello de A Coruña cambia de modelo de mercado navideño e invertirá 381.000 euros