'Rapants Club', 12 cancións e toda unha xira por diante: "Con todos os nosos discos, o que buscamos é dar un pasiño máis"
Dende creadores do bo rollo ata perder o avión a Barcelona, os catro amigos aterran co seu último lanzamento nunha xira por todo o territorio español: "Moitos dos mellores concertos de The Rapants foron os da Coruña"

The Rapants e o produtor de son Iago Blanco en Drum&Roll Studios, en A Coruña / CASTELEIRO
Familia, matrimonio, ilusión e sabrosura. Con esas catro palabras, en apariencia simples pero que reflicten á perfección a súa esencia, describen The Rapants a alma do grupo. Creada por dous amigos de Muros, a banda galega leva poñendo música aos pogos dos clubs das catro provincias dende o 2018 coas voces e guitarras de Xanma e Samuel, os baixos de Matías e a batería de Xaquín. "Agora estamos casados", ironiza o último. Con sete álbums de estudo, presentan o seu último traballo, Rapants Club, nunha xira por todo o territorio español. Os músicos ensaian en Drum&Roll Studios, en A Coruña, o concerto de presentación do disco, en Fontes do Sar. Na cita compartida con LA OPINIÓN, relatan que están a preparar para o bolo santiagués, para o que xa tiveron que ampliar aforo ante a alta demanda: "Nós sempre temos sorpresas", indica Samuel.
Viaxei, cuarta pista de Rapants Club, resume bastante ben o que farán os próximos meses. Desta volta, porén, non perden o avión a Barcelona: "Imos visitar costa arriba, costa abaixo, Costa do Sol... Onde nos chamen", relata Samuel. Aínda que van xirar "por moitísimos sitios", polo de agora están anunciados o de Fontes do Sar (Santiago), o 28 de marzo; o de Atomic Art (Valencia), o 25 de abril; o da Razzmatazz 2 (Barcelona) o 22 de maio; o da Sala But (Madrid), o 12 de xuño e o Portamérica (Caldas de Reis), o 9 de xullo. "Que se anime a xente a vir ao Sar, que aínda nos quedan as últimas entradiñas, e están baratas", alenta Samuel. Para o directo teñen preparado "escenografía, coreografía, amazing que te cagas energy", di. "Nós sempre temos sorpresas, e aínda que non as teñamos, sempre o dicimos", engade.
A Coruña sempre terá, por moitos lugares que visiten, un oco especial no corazón de after de Xaquín: "Moitos dos mellores concertos de The Rapants foron os de A Coruña", confesa. "O festival do Noroeste foi o primeiro ao que viñemos, de feito. O último Noroeste, cando tocamos na praia, cando nos teloneou Vetusta Morla, foi o mellor", secunda Samuel. "Non soportaron a presión de telonearnos, despois deixárono", bromea Xanma. "A ver se Inés nos volve chamar, que xa fai un ano que non tocamos aquí. Inés, chámanos", pide Samuel.
Samuel define o público coruñés como "pijo". "Pero mola, ten que haber de todo. No noso club collen pijos, non pijos", di ante as risas dos compañeiros. Porén, Matías recoñece que tamén hai moito punky. "Heteroxéneo é a palabra. O de pijo díxoo o do Celta", aclara Xanma. "Vivín aquí seis anos, teño confianza para poder dicilo. Pero a xente de Os Castros outro rollo, outra pasta", xustifica Samuel con retranca.
Un paso máis aló
"Con todos os nosos discos o que buscamos é dar un pasiño máis, avanzar como seres humanos e como artistas", explica Xanma. Abrindo a colección con Jrasias por Confiar, os galegos querían transmitir unha mensaxe de agradecemento aos seus fans, para "recompensar o traballo" que fan por eles. "O noso éxito débese a eses esforzos que fan elas e eles por vir vernos, por apoiarnos nos concertos", di Xanma. Enfocados en "mellorar letras e música", Samuel bromea dicindo "que toda a xente que formou parte dos séculos escuros, ten a honra de empezar os séculos brillantes".
"Simpleza" é a marca definitoria de Rapants Club, a sinatura que o distingue dos anteriores traballos. Puidendo dedicar máis tempo a traballar xuntos para "pregravar cousas", Xanma sinala que foron ao básico: "Intentamos priorizar as cousas importantes, ao mellor quitar recheo que viamos que había noutros discos por cousas que nos gustaban. Pero, ás veces, hai que quitar cousas boas para que brillen as que son máis boas aínda".
"Agora estamos casados"
Co bo rollo que os caracteriza, os procesos de composición non deixan de ser unha reunión entre amigos: "Nós temos confianza para dicir o que gusta e o que non, dicímolo de boas palabras, sempre con respecto", expresa Samuel. Neste último disco, a creación foi algo conxunto dende o comezo: "A primeira semana flipámonos un pouco, fomos a unha casa rural. Alí compuxemos as cinco primeiras cancións", revela Xanma.
As seguintes citas creativas serían nas casas de Xaquín e de Samuel, onde idearon unha singular metodoloxía de traballo: "Tiñamos catro ordenadores, cada un cunha canción aberta, e iamos xirando. Iamos cambiando de ordenador, entón ti ao mellor estabas tocando nun a guitarra, e outro estaba noutro tocando o piano, e cambiabas", relata Xanma. Tras máis dun ano de traballo, o disco por fin vía a luz o 4 de marzo.
Con todo, notan que a súa relación de amizade cambiou dende os comezos da banda, en 2018, ata o éxito que recollen agora: "Agora estamos casados", ironiza Xaquín. "A confianza entre nós é máis forte que nunca, pero, ao mesmo tempo, tamén hai un aparte, que é a relación laboral", puntualiza Xanma. "Hai que saber separar", completa Samuel.
Tras os bafles
Un compoñente clave que consegue o son tan característico do grupo é Iago Blanco, o encargado da produción musical en Drum&Roll Studios, en A Coruña, dende 2011. Co seu labor en La Máquina del Buen Rollo, anterior lanzamento da formación, gañou o premio a mellor implementación de son na primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia (2025). Contentos de traballar con el, Xanma engade que "é o único que non ronca, entón para durmir é a mellor persoa do mundo".
"É karateka, pódenos defender á hora de meternos en follóns, cinto negro", ri Samuel, quen destaca que a paciencia "non lle colle no peito". Xaquín valora que Blanco é a persoa que máis lles acompañou: "Ata veu a máis bolos que o noso mánager". Iago bromea dicindo que traballar con The Rapants é "unha sorpresa cada día, cada día é algo novo, non hai dous iguais". No 2022 gravou con eles en Drum&Roll Studios, e no 2023 comezaron a xirar xuntos. "El tamén dentro do matrimonio", apunta Xaquín.
A meirande parte das cancións dos catro amigos —e compañeiros de traballo— están no galego propio do bloque dialectal da zona de Fisterra, mantendo o seseo e a gheada. "Facémolo porque falamos en galego", resolve Matías, e porque teñen referentes coma Heredeiros da Crus e Terbutalina, que lles facilitaron o crear cancións na lingua propia. "E facelo sen complexos, co noso bloque dialectal, que cremos que mola e hai que enorgullecerse da maneira de falar de cada un, esperamos que no futuro máis xente se sinta orgullosa e cante tamén na súa lingua", sentencia Xanma.
- La parada de buses interurbanos en Entrejardines, en A Coruña, se trasladará a partir del 13 de abril a otra ubicación: junto a la sede central de Correos
- Las dos torres de cooperativas que se erguirán junto al Coliseum de A Coruña: casi 200 pisos y todos ya reservados
- El 'súper' fin de semana en el deporte de A Coruña: partido del Dépor, posible ascenso del Fabril y derbi del Leyma
- Panadería Toñito expande su emporio de empanadas en Piadela con la construcción de sus nuevas instalaciones
- Un incendio en una nave de la multinacional Trison en Bergondo moviliza a bomberos comarcales, de Oleiros y de A Coruña
- La Atalaya de los Jardines de Méndez Núñez de A Coruña acometerá trabajos de impermeabilización con la condición de acercarse a su estado original
- El Concello de A Coruña y la Xunta plantean que los taxis de la comarca puedan operar en todos los ayuntamientos del área sin limitaciones
- El Concello de A Coruña sanciona a la organizadora del poblado de Navidad en María Pita: 50.000 euros y tres años sin contratos