Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dona Lola, a produtora sonora que nace en Galicia pero mira cara ao mundo

Veñen de publicar os primeiros capítulos do podcast 'Correntes do Atlántico', no que recuperan historias da diáspora galega | "Hai un baleiro no tema dos podcast documentais feitos en galego", conta o coruñés Fernando Mahía

Fernando Mahía, nunha conversa con Pepe Macía

Fernando Mahía, nunha conversa con Pepe Macía / LOC

A Coruña

Cando o coruñés Fernando Mahía marchou a Brasil en 2023, na súa cabeza tiña a idea de facer reportaxes de galegos en Latinoamérica. Pero as historias que atopou merecían algo máis. O proxecto converteuse en podcast e recibiu o nome de Correntes do Atlántico. Nesta aventura non está solo: a coruñesa Ainhoa V. Brandariz é a editora xunto a Carlos Silva, Saúl Iglesias encárgase da narración, Irene Martínez Menduíña do guión, Sergio Pereira do deseño de son e Jaime Serrano é o coordinador de produción. Xuntos traballaron para dar forma a este proxecto e así xurdiu Dona Lola Producións. A produtora sonora que nace en Galicia pero mira cara ao mundo. "Levamos con isto dous anos", relata Mahía, quen opina que "hai un baleiro no tema dos podcast documentais feitos en galego". "Nese nicho non hai nada. Nin na radio pública", engade.

Correntes do Atlántico chega para cubrir ese oco. O primeiro capítulo do podcast, para revista Luzes e que se pode escoitar en Spotify, traslada ao ointe a Santos, para seguir a viaxe de Pepe Macía. "Un fillo de galegos que foi futbolista e xogou con Pelé", desvela o coruñés, que quedou marcado por aquela conversación na que o home recordaba o seu paso pola Coruña "onde xogou no Teresa Herrera". "Foi moi bonito", manifesta.

Foto da visita de Pepe Macía a Marín

Foto da visita de Pepe Macía a Marín / LOC

Fernando Mahía chegou tamén a Itacaré para recuperar a historia de Laureano Graña. "Tiña familia en Marín coa que nunca volvera a contactar. Abandonou a súa muller con cuatro fillos. Amosamos esas dúas caras que son diferentes depende da parte do océano que mirase", expón.

O podcast recorre Salvador de Bahía, a cidade máis galega de todo Brasil, cos relatos de catro mulleres (Dona Lola --é a que dá nome á produtora--, Rosario Albán, Bette Blanco e Lourdes Valencia). Tamén haberá tempo para parar en São Paulo e Río de Xaneiro. "A idea é falar da emigración. Polo momento social que estamos vivindo parécenos moi importante", comenta Mahía, para quen é importante dicir "o que fixemos e do que nos sentimos orgullosos pero tamén que, como todos os pobos que emigran, houbo cousas nas que non fomos modélicos."

Esta, opina, "é unha parte crucial da nosa historia que non se contou de todos os xeitos que debería terse contado; non existe unha mitoloxía como a de Irlanda ou Italia". Este proxecto serve, ademais, como altofalante da "conexión entre Galicia e América". Unha non se pode entender sen a outra. "Compartimos formas de falar, de comer, de bailar ou de escoitar música; son cousas da nosa identidade", conclúe Mahía, que aínda ten folgos para "seguir tirando da diáspora" e contar moitas outras historias que non poden caer no olvido.

Tracking Pixel Contents