Entrevista | Francisco Jorquera Portavoz do BNG no Concello da Coruña
Francisco Jorquera: "Teño vivido momentos moi desagradábeis neste Concello a porta pechada, aínda que non foi a tónica"
"O reto do BNG no 2027 é ser alternativa e para iso fai falta ter forzas"

Francisco Jorquera, portavoz do BNG na Coruña. / CARLOS PARDELLAS
Cando aínda falta máis dun ano para o remate do mandato municipal, Francisco Jorquera anuncia o abandono da portavocía do grupo municipal do BNG para deixar paso a outra persona. Tampouco será candidato á Alcaldía por vez terceira. A súa decisión porá fin a unha longa carreira como cargo institucional, aínda que advirte que seguirá participando na vida política como militante. Todo apunta a que Avia Veira tomará a remuda como punta de lanza do Bloque na cidade, como adiantou LA OPINIÓN A CORUÑA.
Cando empezou na política como un simple militante, chegou a pensar que traballaría toda a súa vida neste eido?
Nin de broma. Cando entrei a militar no nacionalismo, fíxeno nunha organización estudantil que aínda era ilegal. O único que me motivaba eran as ganas de facer cousas. Naqueles momentos estaba comezando a transición e había unha expectativa de cambio. Se daquela me chegan a dicir que ía ser senador, deputado no Congreso, deputado no Parlamento Galego e concelleiro, non o crería nin era esa a miña expectativa vital. O único que me moveu a organizarme en política era a vontade de compromiso e de intervir socialmente para intentar transformacións positivas.
Despois dunha carreira tan longa foi difícil tomar a decisión de poñer punto final?
Sinceramente non, é unha decisión que tiña tomada hai moito tempo, aínda que agardase a facela pública no momento que consideraba máis oportuno.Se chegadas as eleccións municipais anuncio que non volvo ser candidato seis meses despois, crearía un problema innecesario ao BNG con todo un mandato por diante, non sería moi intelixente pola miña parte. E vou seguir sendo militante nacionalista, vou seguir tendo compromiso político, pero hai facetas da miña vida ás que quero atender, prestar máis atención. Teño 64 anos, xa non me falta moito para 65 e no ano 2027 estarei ás portas dos 66, e o novo mandato vai rematar cando estea ás portas dos 70. Non digo que isto teña que ser extensíbel a todo o mundo, pero eu particularmente non me vexo con forzas suficientes para estar un mandato máis. E logo, creo que na vida e na política hai que saber cando hai que dar por pechada unha etapa e cando hai que iniciar outra. Creo que o que podía aportar ao BNG da Coruña e á vida política municipal, a vida política con toda humildade e sinceridade xa o aportei e agora o que toca é abrir paso a persoas novas, preparadas, con forza, con ilusión, con ganas, para darlle un novo impulso a esta cidade.
Puido influír tamén a fatiga? Queima a actividade política cotiá?
Por suposto que queima, aparte que eu non sei se é unha virtude ou un defecto, pero creo que son unha persoa moi responsábel, que quizais hai veces que me paso de hiperresponsábel. Aínda que no BNG as decisións se toman colectivamente, cando a organización confía en ti para ser o seu voceiro no Concello, iso leva moitas veces a ser quen fai as propostas. Sempre asumín iso con moita responsabilidade e iso acaba pesando, provocando un desgaste. Eu sempre fun unha persoa de ciclos curtos pero intensos. Estiven nas Cortes Españolas algo menos de 6 anos que foron moi intensos e o mesmo pasou no Parlamento galego. Hai que saber cando toca pechar unha etapa e cando abrir outra.
Afectou o seu desexo de que houbera unha renovación á fronte do grupo municipal.
Eu nunca me sentín cuestionado no BNG, pero saco as miñas propias conclusións e creo que é boa unha renovación. É bo que haxa unha cara nova á fronte que lle dea impulso ao BNG a nivel local e que ademais teña as forzas, a capacidade e as ganas suficientes porque o gran reto do BNG nas eleccións do ano 2027 é postularse como alternativa, non ser simplemente unha forza que condiciona a política local. Para iso fai falta ter forza, ganas, ilusión, estar preparado, e creo que afortunadamente no BNG hai persoas que poden aportar ese plus.
A persoa que lidere o grupo municipal a partir das vindeiras eleccións terá que ter necesariamente experiencia política?
Por suposto. Hai que conxugar renovación con experiencia, pero a vida política non é única e exclusivamente o traballo institucional. Aínda que me fastidia poñerme como exemplo, antes de ter responsabilidades institucionais, tivera responsabilidades organizativas no BNG durante moitísimos anos, e antes fun un activista e dirixente no movemento estudantil. Temos un grupo municipal moi bo, que reúne esas características de persoas xoves, preparadas, capaces e con ilusión. Polo tanto, unha solución natural pode ser que a cabeza de lista sexa unha persoa do actual grupo municipal, pero iso ten que decidilo a organización democraticamente, e gústame ser moi respectuoso sempre cos procesos internos no BNG.
Aínda queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais, un período que acostuma ser duro, porque hai máis tensións.
Por desgraza no Concello da Coruña esa tensión xa vén de hai tempo. Na política é bo que haxa tensión, pero o problema é cando esa tensión se exterioriza en comportamentos que son criticábeis, cando a sobreactuación e o ruído acaba ocultando os debates reais, cando o Concello acaba sendo noticia por broncas, cando as descualificacións substitúen ás propostas e os argumentos. Lamento profundamente que nos últimos tempos na Corporación está habendo esa deriva.
O incidente do pleno de febreiro entre PSOE e PP foi o peor momento que viviu na política municipal?
Foi un momento moi desagradábel. Gústame ser prudente, pero ser prudente non está reñido con ser sincero e teño vivido momentos moi desagradábeis neste Concello a porta pechada. Aínda que non foi a tónica, teño que dicilo. Cando cheguei ao Concello no ano 2019 había un arco de forzas máis diverso do que hai agora e houbo situacións conflitivas, pero unha cousa que valoraba e que os debates podían ser duros, pero eran sosegados e había unha boa relación persoal. Últimamente iso estase perdendo e provócame desazo.
A política municipal era como a esperaba ou levou algunha sorpresa?
Non, creo que me formara unha idea bastante correcta do que era. É certo que os concellos son a institución máis cercana aos cidadáns, que te paran unha para queixarse de como está esta beirarrúa ou que hai un bache na calzada. Esa é a principal diferencia, que ten aspectos moi gratificantes porque hai unha relación máis de ti a ti, máis cercana co cidadán, pero tamén, e dígoo con todo o cariño e con todos os respectos aos cidadáns, no plano persoal hai veces que provoca fastidio porque todos necesitamos os nosos ámbitos de privacidade e momentos de desconexión e hai veces que a política municipal poncho moi difícil.
É posible saír da política con amigos, aínda que sexan do propio partido?
É unha boa apreciación. No meu caso, estou convencido de que si. Conservo moi boa relación con persoas coas que coincidín no Senado, no Congreso e no Parlamento galego e que eran adversarios políticos e iso non evitou que houbese unha boa relación persoal, nalgúns casos até unha relación case de amizade.E sendo total e absolutamente sincero, desde que fixen o o anuncio o mércores pasado, quedei totalmente sorprendido e nalgúns casos emocionado polas mensaxes que me fixo chegar moita xente, incluídas moitas persoas que non son nin afiliados do BNG, nin en moitos casos votantes do BNG. Polo tanto, vou marchar con esa tranquilidade, porque unha das cousas que que te levas en todos os ámbitos da vida e que hai persoas que che respectan e aprecian.
Suscríbete para seguir leyendo
- La parada de buses interurbanos en Entrejardines, en A Coruña, se trasladará a partir del 13 de abril a otra ubicación: junto a la sede central de Correos
- Las dos torres de cooperativas que se erguirán junto al Coliseum de A Coruña: casi 200 pisos y todos ya reservados
- El 'súper' fin de semana en el deporte de A Coruña: partido del Dépor, posible ascenso del Fabril y derbi del Leyma
- Panadería Toñito expande su emporio de empanadas en Piadela con la construcción de sus nuevas instalaciones
- Un incendio en una nave de la multinacional Trison en Bergondo moviliza a bomberos comarcales, de Oleiros y de A Coruña
- La Atalaya de los Jardines de Méndez Núñez de A Coruña acometerá trabajos de impermeabilización con la condición de acercarse a su estado original
- El Concello de A Coruña y la Xunta plantean que los taxis de la comarca puedan operar en todos los ayuntamientos del área sin limitaciones
- El Concello de A Coruña sanciona a la organizadora del poblado de Navidad en María Pita: 50.000 euros y tres años sin contratos