Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A nova obra de Chévere chega á Coruña: a conexión dun cadro de Castelao cun ictus nun acto da Xunta

A compañía representa 'Ictus' no Teatro Rosalía este venres e sábado ás 20.30 horas. A montaxe conta con novos medios para integrar no teatro a persoas con discapacidade auditiva e visual, como maquetas e audiodescrición

Instante de 'Ictus', obra da compañía Chévere, con integración visual e auditiva para persoas con discapacidade

Instante de 'Ictus', obra da compañía Chévere, con integración visual e auditiva para persoas con discapacidade / Sabela Eiriz

A Coruña

Durante dúas funcións seguidas na cidade, a compañía de teatro Chévere amosa o cadro 'A derradeira leición do mestre' de Castelao. É unha réplica e atópase sobre o escenario. A nova proposta do grupo, 'Ictus', trata sobre a concepción da obra e súa chegada a Galicia en 2018. Preséntase no Teatro Rosalía da Coruña este venres e sábado ás 20.30 horas con total adaptación para persoas con discapacidade auditiva e visual.

O punto de partida da historia céntrase nunha muller que sufre un ictus no día en que a Xunta recibe a pintura de Castelao nun acto oficial. Desde aquí, a ficción sucede como un repaso aos días previos e ao pasado para dar forma á memoria afectada por consecuencia da doenza.

"O ictus actúa como bisagra entre os dous planos que hai na obra. Por un lado, o plano documental onde seguimos a historia do cadro de Castelao. Por outro, o plano máis de ficción onde contamos a historia da muller con problemas de memoria. Partimos desde esa especie de conciencia en torno ao ictus. O ictus como un golpe que afecta a unha persoa e a unha sociedade con problemas de memoria", explica o dramaturgo e director da obra, Xesús Ron.

Unhas das innovacións máis destacadas de Chévere nesta nova montaxe é a inserción de varios sistemas para persoas con discapacidade visual e auditiva. Os actores empregan diferentes maquetas para describir e construir os espazos na imaxinación para todo o público, sen distinguir entre os seus sentidos hábiles. Tamén se integra a audiodescrición como un elemento narrativo máis. No caso da audición, os actores combinan interpretación e tradución a lingua de sinais.

"Cando empezamos a concebir a obra xa tiñamos esta intención. Utilizar a lingua de signos en escena. Tratamos de tomalo como unha posibilidade de expandir a nosa linguaxe escénica. Ver ata onde podemos chegar cun teatro para todo o mundo. Unha historia que poida ser seguida simultáneamente por persoas cegas, por persoas xordas e por persoas oíntes", sinala o dramaturgo.

Núñez Feijóo, dentro do texto

Durante recepción da obra en 2018, o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, declarou no seu discurso que a obra de Castelao era unha "homenaxe aos mestres". Aquela frase inspirou parte da obra, segundo manifesta Chévere.

"Imos ata este acto de recepción do cadro dunha maneira casi antropolóxica. Considerar aquel acto máis alá do que pudo significar no momento en que sucedeu. Sérvenos como detonante para poñer en marcha toda a historia. O expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estaba querendo contar unha historia, non? Tiramos dese fío. Cal é a historia que nos quería contar? Unha especie de alteración da memoria en relación a ese cadro e o golpe de Estado de 1936", indica Ron.

Castelao é outro protagonista da produción, segundo informa Ron. O cadro actúa como "testemuña duns sucesos e a represión contra a poboación". Chévere tamén centrou parte dos esforzos para a adaptación da obra ás persoas con discapacidade visual inspirándose na súa enfermidade visual.

"Castelao foi unha persoa con discapacidade visual. Estaba casi cego no momento en que se presenta este cadro. Gústanos a idea de que para ver esta obra, seguramente tamén precisaría deste tipo de descricións como as que propoñemos", resolve Xesús Ron.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents