O expósito exiliado encontra no Instituto Zalaeta o seu fogar: "Debemos ser esa familia que nunca tivo"
Os alumnos do Menéndez Pidal da Coruña custodian a memoria de Clemente Juan de la Cruz, o mozo que creceu no antigo hospicio

Inés Vicente Garrido
Durante décadas, o nome de Clemente Juan de la Cruz García non significou nada para case ninguén. Non houbo familia que preguntase por el, nin historia que o sostivese na memoria colectiva. Só unha pegada dispersa en arquivos e, nalgún momento, un número, o 13.381. Ese foi o lugar ao que o reduciu o nazismo. E ese foi tamén o punto de partida dun acto que, este 24 de abril, quixo facer xusto o contrario. Devolverlle identidade, contexto e, sobre todo, darlle a familia que nunca tivo.
A homenaxe celebrada diante do IES Ramón Menéndez Pidal, en Monte Alto, foi máis alá do formato habitual dos actos conmemorativos. Non se limitou a lembrar. Propuxo reconstruír, dende o presente, a rede afectiva que Clemente non puido ter. "Debemos ser esa familia que Clemente nunca tivo", escoitouse na intervención do alumnado, convertido no verdadeiro eixo do acto.
A elección do lugar non foi casual. Nas portas do instituto encontrase unha das dezasete stolperstein que ten A Coruña. Neste espazo, cando aínda era a Casa da Caridade, Clemente ingresou con apenas sete anos. "Cunha camisa de algodón… envolto nun trapo", recollen os documentos da época. Dende aí, a súa vida avanzou marcada pola precariedade, o desarraigo e, finalmente, a deportación. O seu rastro reaparece en Francia, en campos de internamento, ata o seu traslado en agosto de 1940 no coñecido convoy dos 927, un tren que percorreu Europa con republicanos españois a bordo, sen destino claro e sen respaldo institucional que facilitase o seu regreso.

O acto homenaxe ó deportado Clemente Juan de la Cruz García / CARLOS PARDELLAS
A reconstrución desta historia non sería posible sen o traballo da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH), que investigou nos arquivos de Mauthausen e permitiu coñecer non só a traxectoria de Clemente, senón tamén a doutros coruñeses deportados. Grazas a ese labor, hoxe existe unha placa ás portas do instituto, colocada en abril de 2025, que actúa como punto de unión entre pasado e presente.
Mais que o interno 13.381
Durante o acto, a presidenta da asociación, Carmen Rodeja, puxo contexto a ese percorrido cunha imaxe contundente: a daquel tren que transportou a 927 persoas "sen saber a onde ir", á espera dunha autorización do Goberno español que "nunca chegou". Un traxecto que rematou nos campos de exterminio nazis e que deixou a milleiros de españois nunha situación de absoluto desamparo. Mais o acto non se construíu só dende os datos históricos. Foron os alumnos de 3º da ESO os que lle deron sentido á homenaxe cunha intervención coral que combinou relato, reflexión e posicionamento. "Non podemos ignorar ao diferente", "non podemos quitarlle importancia ao horror e á violencia", repetiron, marcando unha liña clara entre memoria e presente. Finalizando coa frase que dálle sentido a labor da ARMH: "Que a experiencia de Clemente sirva para que non se volva a repetir".
Nesa mesma liña, lembraron que o exiliado foi "unha persoa sen Estado", vítima tanto do nazismo como do franquismo, invisibilizado e privado de dereitos ata converterse nun número dentro dun sistema de exterminio. Un proceso que culminou coa súa morte en 1941, en Hartheim, tras un ano de traballos forzados.
A directora do centro, María Vilarinho, achegou unha lectura máis íntima do acto. Subliñou que non se trataba só de memoria histórica, senón dun "pequeno xesto de honra" que pon en valor "os xestos pequenos, os coidados e os afectos" como ferramentas para construír comunidade. Nun contexto global que definiu como "rápido e caótico", reivindicou a necesidade de deter o tempo e lembrar como unha forma de compromiso colectivo.
A homenaxe completouse con recitados poéticos, dun exalumno do centro, Xurxo Souto, Cidadán do (meu) mundo que lle dedicou a o expósito; unha peza musical e unha intervención coral final que condensou en palabras soltas o percorrido emocional do acto. Agora, Clemente Juan de la Cruz García xa non é unicamente o interno 13.381 nin un dos 927 daquel convoy. É unha historia asumida por unha comunidade educativa que decidiu non deixala caer no esquecemento.
- El Último de la Fila no actuará en el estadio de Riazor al interferir con el posible ‘play off’ de ascenso del Dépor
- Oleiros se niega a 'regalar dinero público' para que el 1A llegue a Santa Cristina
- Jevaso, proveedora de Inditex y Mango, reduce plantilla y refuerza su equipo directivo
- Las hermanas que hacen una de las mejores tortillas de A Coruña en Agra do Orzán: 'El secreto está en cómo pochas la patata
- Helton Leite: 'El Deportivo me dijo que no podía competir con lo que me ofrecían: mi familia, mi país, financieramente
- El histórico estanco de A Coruña que sobrevive desde hace más de un siglo: 'Por aquí pasaban hasta 500 personas al día
- Helton Leite: 'Cuando el Deportivo gana, en A Coruña sale el sol, aunque llueva
- Un San Bernardo de 90 kilos, Oso, estrella en la feria de mascotas Pata Pata 2026 de A Coruña