Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Avia Veira Candidata do BNG á Alcaldía da Coruña

Avia Veira, candidata do BNG na Coruña: "Quero chegar á Alcaldía para impulsar o parque de vivendas municipais"

"Regularizaría as concesións caducadas: non me parece unha promesa que poida quedar no baleiro"

"Nos peiraos interiores pode haber usos residenciais, por exemplo para investigadores, pero para resolver os problemas da cidade, sen a lousa da débeda"

"É hora de dicirlle ao Estado que, ou mantén o cárcere, ou temos que facer cumprir a norma: se non conservas o teu patrimonio, podes ser sancionado"

Avia Veira ante o Palacio Municipal de María Pita.

Avia Veira ante o Palacio Municipal de María Pita. / Iago Lopez / LCO

Avia Veira (A Coruña, 1986) é a concelleira máis veterana do BNG na Coruña, e leva na Corporación Municipal desde 2012. A Asemblea Local do Bloque vén de votala como candidata á Alcaldía en 2027, despois de que a súa fose a única proposta presentada para subsituír ao actual voceiro, o histórico Francisco Jorquera.

Preséntase con 14 anos de bagaxe como edil.

Hai experiencia. É importante, para unha responsabilidade tan grande como é a Alcaldía, que as persoas que nos presentamos teñamos coñecemento, e considero humildemente que teño coñecemento de como funciona o Concello. E tamén das necesidades que ten a cidadanía da Coruña e a cidade para ofrecerlle alternativas.

Entre 2015 e 2019 foi a única representante do BNG na Corporación Municipal, en 2019 o candidato foi Jorquera. Non quixo ser alcaldesa daquelas?

Non me sentía con esa preparación, nin con esa madurez. Non me sentía con esa forza, ilusión, convicción que si que teño agora. Creo que é unha cuestión de madurez persoal. Aprendin moito ao lado de Paco Jorquera. Non creo que cambiase nada en min, máis que, ao mellor, un pouco máis de confianza en min mesma. Ao final é unha responsabilidade grande pero ilusionante. Ser capaz de poder estar nesa situación de poder mellorarlle a vida á xente eu creo que é o máis bonito disto.

Tomaron a decisión de se pasará a ser voceira no que queda de mandato?

Non está decidido aínda. Non temos présa para decidir iso.

Pero terá opinión sobre o que queda por facer no resto de mandato, hai pactos para investir a Inés Rey como alcaldesa en 2023 con puntos por cumprirse... Como vai ser a relación co Goberno local?

Imos esixir que cumpran os pactos, como sempre facemos. Aínda queda por cumprirse o acordo orzamentario deste ano. Non adianto nada, nin dou por feito nada.

As eleccións locais de 2027 condicionan as negociacións dos orzamentos dese ano?

Para nós o fundamental foi que tivésemos un acordo orzamentario no 26, que rematase coas as bases de execución que lle quitaban competencias o pleno e que contemplase cuestións fundamentais para nós, como é o tema da vivenda, o transporte público, o impulso e investimentos para os barrios. Imos encargarnos de primeiras que cumpran con iso e logo xa iremos vendo.

Na presentación da súa candidatura dicía que non quere que nesta cidade as familias teñan que decidir entre pagar o alugueiro ou chegar a fin de mes.

Desde logo a vivenda é unha das principais preocupacións da cidadanía e do BNG. Temos centrado moito a nosa actuación política no Concello niso. E eu creo que hai varias cousas por facer, algunhas incluídas nos acordos. Hai que ampliar o banco de vivendas municipais: o Concello ten que ter máis vivendas da súa propiedade para ofrecer a cidadanía para alugar. Hai que mellorar a situación das vivendas que hai para o aluguer, e aí creo que é importante que os fondos de rehabilitación estean tamén condicionados a que o aluguer estea controlado. Manter a condición de zona tensionada, que ten as súas limitacións pero baixou o aluguer medio na cidade. E despois está a oficina de asesoramento ás persoas alugadas: a xente tamén ten que ter defensa diante dalgúns abusos que se producen todos os días. Recollémolo nos acordos e o Goberno local non o acabou de impulsar: queremos estar na Alcaldía, entre outras cousas, para impulsar todas estas medidas.

A declaración de zona tensionada rematará en 2028, e inclúe obrigas, como impulsar a vivenda pública. O principal proxecto desta na Coruña é o de Monte Mero, na Xunta. Vostedes impulsarán outros se chegan á Alcaldía, con outras administracións?

Ten que haber máis vivenda do Concello dispoñible para alugar a xente. Pero hai un papel fundamental que é o da Xunta de Galiza. Se estamos na Alcaldía imos ser moi contundentes e moi esixentes coa Xunta para que impulse vivenda pública. Pero non a calquera prezo: teño que falar da veciñanza de Monte Mero, que xa vivía aló. Nós estamos de acordo conque se impulse vivenda pública pero desde logo a xente que vive nos sitios tamén ten uns dereitos e unha dignidade e creo que ten que ser respectada tamén.

Na cidade hai proxectos urbanísticos cos que o BNG non está de acordo ou tivo reservas. As Percebeiras, Parque da Agra, As Xubias... Como concibe a promoción inmobiliaria privada?

O urbanismo da cidade ten que estar o servizo da xente, e a cidade necesita espazos de convivencia, espazos públicos, zonas verdes. É fundamental pensar o urbanismo de cara aí, de cara a como queremos que a xente viva na nosa cidade. Necesitamos encher todo que hai baleiro de edificacións? Nós cremos que non, que fan falta máis zonas verdes, máis zonas de socialización. Vivimos nunha realidade que a do cambio climático, e iso en política municipal se ten que traducir en maiores zonas verdes. Iso implica estudar ben como está a planificación urbanística, pararse a pensar e facelo pensando no interese da cidadanía, non o interese particular de ninguén.

A cidade crece economicamente, pero hai desigualdade e diferenzas entre barrios.

O primeiro para darlle dignidade aos barrios é que estean limpos. Non hai máis que ir pola Agra do Orzán, por exemplo, para ver que fai falta realmente outra política. Para revitalizar os barrios é fundamental que estén coidados, e iso vai desde que os pasos de peóns estean ben pintados e sexan seguros a que as beirarrúas sexan accesibles e estean ben coidadas. As zonas verdes, mobiliario público, infraestruturas culturais, deportivas.... E por suposto o comercio local.

Parte destas cuestións dependen de concesións do Concello, de mantemento. Cre que non se están cumprindo as condicións?

Si. Considero que non se fai un seguimento como hai que facer e non se está enriba das empresas para que cumpran. Falta control, seguimento e creo que tamén un pouco escoitar a cidadanía. Isto da limpeza é un sentir maioritario da Coruña.

Tamén hai concesións caducadas. Comprometese a poñelo todo ao día?

Si, claro. Sen rubor ningún e sen que me pareza unha promesa que poida quedar no baleiro. Evidentemente non podemos chegar e facer en un mes todo o que non se fixo en todos estes anos, pero en canto cheguemos á Alcaldía vamos a poñer en orde todas estas concesións. Hai cousas que son unha auténtica barbaridade, como o tema de transporte público.

Inciden moito en normalización lingüística e memoria histórica.

A Coruña ten que deixar de ser esa cidade que é líder en non aplicar a lei de Memoria Democrática, e desde logo o imos facer. En normalización lingüística hai moitas pequenas cousas que se poden facer en positivo para animar á xente a falar a nosa lingua. Temos a sorte de ter nun instituto da Coruña un proxecto marabilloso que a verdade que dá gusto [en referencia ao Aquí tamén se fala do Rafael Dieste] e que pon no foco un montón de cousas e derruba un montón de prexuízos.

Está por definir o futuro dos peiraos interiores. Ten algún tipo de liñas vermellas?

A que sempre tivemos: a cidade non ten porque pagar unha decisión de Estado que foi construir o porto exterior. Esa débeda que ten o Porto da Coruña, é derivada desa construción, non pode ser unha lousa. Que o que se faga no porto só depende do que queiramos facer no porto, non de que haxa que compensar unha débeda. Queremos que haxa máis zonas verdes, queremos que haxa un intercambiador de transporte público, queremos que haxa un Museo de Emigración, queremos que haxa residencias para investigadores? Pois que todo o que queiramos facer sexa porque o queremos facer. E aí está o papel do Estado, que é fundamental.

Incluso se o Estado acepta perdoar a débeda, o BNG podería aceptar que o porto se converta en parte nunha zona residencial?

Hai que ver as propostas que se poñen enriba da mesa. Cremos que pode haber un uso residencial para solventar problemas que hai na cidade: fan falta residencias para investigadores e investigadoras. Necesitase residencia tamén para estudantado? Pois se pode facer aí, porque ademais estamos falando de terreo público. Pode haber uso residencial, porque coinciden moitos expertos e urbanistas en que debería haber algo de vida ao longo das diferentes horas do día. Utilicemos o porto como unha oportunidade para resolver os problemas que ten a cidade.

E respecto á creación dunha área metropolitana?

É un proxecto que hai que ter en mente. Tiñámolo no acordo de investidura con Inés Rey. É importante para resolverlle á xente problemas do seu día a día. A nivel de mobilidade os problemas na entrada e na saída da cidade. E de xestión dos recursos: existen moitas cousas que se comparten, tratamento do lixo, da auga, e xestionalo de xeito compartido sería máis eficiente.

Entendo que se é alcaldesa pedirá ao Estado que entregue ao Concello de xeito gratuíto a antiga cárcere provincial.

É unha oportunidade moi grande para a cidade ter iso rehabilitado, e para a xente de Monte Alto, dá dor de corazón ver como está e a cantidade de cousas que se poderían facer aí son infinitas.

E se o Estado non quere?

Xa é hora de dicirlle ao Estado que o, ou mantén o cárcere, ou temos que facer cumprir a normativa que di que se ti non conservas o teu patrimonio, podes ser sancionado. Preferimos o acordo, pero tampouco podemos consentir así como así que o deixen morrer.

Nas últimas dúas décadas, as forzas de esquerda que gobernaron na Coruña tiveron que ser respaldadas por outros partidos. Vostede, de ser alcaldesa, aceptaría gobernar en bipartito co PSOE?

É moito adiantar. Como BNG aspiramos á Alcaldía da cidade, queremos liderar o goberno e sempre nos entendemos coas forzas políticas de esquerdas. Aspiramos a liderar: cremos que así podemos cumprir con toda esa esperanza que hai na cidadanía de cambio e de cambio real.

Neste mandato, coa alcaldesa da Coruña do PSOE con pacto con BNG, e en Santiago con rexedora nacionalista con acordo cos socialistas, houbo momentos de desencontro, de recurso a cuestión de confianza para aprobar os orzamentos... Cal é o fallo para que non haxa unha conexión máis fluída?

Iso é a democracia. É normal que haxa organizacións políticas que cheguemos a acordos e que despois efectivamente haxa puntualmente desacordos. O que temos que ter claro as persoas que estamos en política é que o importante son as necesidades da xente e darlles solucións. Se a nosa acción política está centrada niso, os acordos son posibles. En toda Europa hai gobernos de coalición, con acordos...

Non o habería co PP.

Non. Todo o mundo que vota ao BNG ten claro que non vamos gobernar con el nin nos vamos apoiar nel para gobernar. Somos opcións políticas en posicións totalmente distintas.

O PPdeG está na Xunta, tería que tratar con el se fose alcaldesa.

Se son alcaldesa, son alcaldesa de todas as coruñesas e os coruñeses. O Partido Popular ten moitas débedas coa Coruña. En materia sanitaria, de vivenda, de ensino, porque como teñen os colexios é un insulto. Vou ser esixente coa Xunta de Galiza.

Tracking Pixel Contents