Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Rap en galego e música como nos anos 90, Lumedoloop presenta o seu debut na Coruña: "Se non acordamos en algo, xogámolo ao futbolín"

Jamas e Møu, membros da banda Dios ke te crew, únense a DJ Mil para presentar o seu disco (Re)existencia na sala Filomatic o día 1 de abril, ás 22.30 horas. A noite contará tamén co concerto de Saibran

De esquerda a dereita, DJ Mil, Jamas e Møu, integrantes de Lumedoloop.

De esquerda a dereita, DJ Mil, Jamas e Møu, integrantes de Lumedoloop. / Bastian Rodríguez

A Coruña

A música urbana en galego demostra o seu pulso nunha noite de doble concerto na sala Filomatic da Coruña. Lumedoloop presenta en directo o seu debut (Re)existencia, o primeiro traballo do novo proxecto de Jamas e Møu, integrantes de Dios ke te crew, con DJ Mil. O evento comeza ás 22.30 horas. Contará tamén coa actuación de Saibran, a última banda de Cibrán, de Boyanka Kostova.

Lumedoloop propón un "retorno ás raíces" da cultura hip hop, segundo explica Møu. Os rapeiros procuran volver ao directo dos anos 90 para "fuxir das músicas enlatadas". Para iso unen forzas con DJ Mil, o encargado de xerar as mesturas das bases ao vivo.

"Levamos un par de anos con este proxecto. Jamas tiña un montón de letras e eu iba facendo os instrumentais. Chegou un momento no que tiñamos que facer un traballo xuntos. Materializámolo agora con Lumedoloop. Quixemos contar con DJ Mil. É a persoa idónea para levar o peso dos directos", explica Møu.

O seu álbum, (Re)existencia, conecta tres conceptos fundamentais para navegar nun contexto convulso. "Enfocamos o concepto nun triángulo imposible. Na portada aparece un triángulo de Penrose. É unha ilusión óptica. Son eses tres vértices que entroncan o disco: a Rexistencia do lume que resiste, a existencia e a resistencia. Eses tres vértices unen todo o concepto", detalla o rapeiro.

Neste proxecto, cada integrante ocupa un posto diferente e de responsabilidade. Jamas é o escritor principal da letras, mentres que Møu se encarga do deseño sonoro das pistas e servir como apoio nos directos. "Somos unha formación típica de hip hop. Apetecíanos moitísimo volver a que exista marxe ao erro. Construímos os beats en directo en varios intres. DJ Mil fai as mesturas a dous pratos como antes", aclara o músico.

Innovación e experiencia

Møu recoñece que "se mantén vivo o espírito de Dios ke te crew" e "evidentemente vai evocar paralelismos", pero Lumedoloop recolle a visión de Jamas. As temáticas das cancións pasan por ser tanto intimistas como de temas sociolóxicos, políticos, e incluso máis de retranca ou festivos, "pero sempre contando con este matiz de mensaxe".

"Fixémolo totalmente natural. Conseguimos dar un paso atrás, en vez de dar un paso adiante. Coñezo a forma de escribir de Jamas, de rapear, das cadencias que ten. É un dos mellores escritores de temas de rap de Galicia, de Europa, realmente. Moita calidade, moita profundidade á hora de escribir, moito nivel de poética e de introspección", expón o músico.

Sobre a referencia a Dios ke te crew, os dous membros pensaron en "relaxar un pouco no sentido de experimentación", porque a banda matriz avanza cara a un son máis electrónico. Agradecen contar cun oco para a improvisación tamén fóra da agrupación clásica.

"A conexión é 100% en ambas direccións. Son moitos anos, somos amigos desde a infancia. Tiven moi claro como tiña que ser o disco, como tiña que soar para que nos gustara a todos. E se non acordamos en algo, xogámolo ao futbolín. Hai que botar unha pachanga e fóra", bromea Møu sobre o método de traballo.

Lumedoloop celebra atoparse con Saibran en concerto por ser bandas novas do mesmo xénero. A sesión doble nace debido ao lanzamento á vez de ambos discos, polo que pensaron en realizar as presentacións en directo conxuntas. "Son dous estilos diferentes e que teñen unha comuñón interesante para unir forzas", resolve o rapeiro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents