Consello da Xunta
A Xunta muda o nome a máis de 2.500 topónimos en Galicia e A Coruña: Lonzas pasa a ser Louzás e O Portiño poderá chamarse tamén A Seavella
Sete parroquias de concellos próximos á cidade tamén mudan, ademais de moitos outros lugares como A Penamoa, As Xuvias ou A Lama de Oza
O Concello de Oza Cesuras perde o guión

Cartel indicativo que leva a O Portiño ou O Monte de San Pedro / Google Maps
O Consello da Xunta deu esta mañá luz verde aos cambios propostos na revisión e actualización do Nomenclátor de Galicia que realizou a Real Academia Galega. "Este cambio supón a modificación de 2.530 denominacións de concellos, parroquias e lugares", explicou o presidente galego, Alfonso Rueda, na conferencia de prensa posterior á reunión gobernamental.
O máis destacado deste anuncio é o cambio no nome de doce concellos, que foron feitos en consenso con cada concello. Estes son A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz do Castrodouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós e Pastoriza. Tamén o de Oza-Cesuras, da comarca de Betanzos, que elimina o guión que contiña entre os dous concellos resultado da fusión do ano 2013 e agora pasará a ser Oza Cesuras.
Louzás, A Penamoa ou A Seavella
A parte máis extensa do informe é a referida aos lugares. Aquí si que hai cambios que afectan directamente ao concello da Coruña. Un dos que máis chamará a atención é o caso de Lonzas, topónimo moi usado ao ser onde están situadas unhas dependencias da Policía Nacional na cidade. Agora o cuartel pasará a estar en Louzás.
Aquí tamén se renovará Aguaceiros (en Elviña) por Os Augaceiros, a O Castro de Elviña eliminaráselle o O inicial e a Río de Quintas engadiráselle, polo que será O Río de Quintas. En Visma, Loureiro será O Loureiro, Monte de San Pedro tamén terá un O no seu inicio e Penamoa será A Penamoa.

Europa Press
Outro caso curioso será o do Portiño, que terá dobre nomenclatura, A Seavella ou O Portiño. "No Nomenclátor de Galicia aparecen Seavella, O Portiño e Porto de San Pedro como tres entidades de poboación distintas cando actualmente é unha única entidade. Eliminamos as entradas Seavella e Porto de San Pedro e queda unha única entidade co nome dobre A Seavella ou O Portiño na entrada correspondente ao nome O Portiño", explícase no informe.
Engádese O Monte Mero, Feáns ou A Lama de Oza
Ademais, tamén hai o caso de moitos lugares que si figuraban na base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística (NomenINE) e que non figuraban no Nomenclátor de 2003, polo que se engadiron. Na Coruña é o caso de Feáns, Mesoiro, Vío, Pedralonga, Santa Xema, Casabranca, O Monte Mero, A Moura, San Xosé ou A Silva, entre moitos. Nestas situacións tamén se corrixe a fórmula na que os nomea o INE, exemplo de Pasaje a El Burgo que aquí se propón A Ponte Pasaxe; A Madosa, que será A Lama de Oza ou Las Jubias, que será As Xuvias.
Nesta revisión tamén se engaden moitos outros lugares que non aparecían nin no anterior informe da RAG nin no do INE, casos de As Castiñeiras, O Currelo, O Foxo, Galán e Xuxán en Elviña; A Canteira, A Leira do Campo, Montes, O Montiño, A Pasaxe ou Pedra Furada en Oza; A Braña, O Carballo, Marzán, As Rañas e As Regas en San Cristovo ou O Campanario e A Gouxa en Visma.
Neste extenso informe tamén se fan máis de cen modificacións de lugares nos concellos próximos á Coruña.
De San Tirso a Santiso
En canto a parroquias, ningunha das modificadas está na cidade da Coruña, pero si hai trocos nos concellos próximos. É o caso de San Miguel de Figueroa, en Abegondo, que pasará a ser de Figueiroa. Por modificación da advocación, tamén San Tirso de Mabegondo, no mesmo concello, cambiará a Santiso de Mabegondo. Mesmo caso que en Bergondo, onde San Vicente de Moruxo pasa a ser San Vicenzo de Moruxo, e que en Coirós, onde San Vicente de Armea será San Vicenzo de Armea.
Outros tres casos parecidos hai en Miño, Oleiros e Paderne. No primeiro concello San Xulián de Carantoña será San Xián e no segundo San Xorxe de Iñás será San Xurxo de Iñás. No caso padernés San Pantaleón das Viñas será San Pantaión.
2.500 cambios e 1.600 incorporacións
Estes cambios prodúcense despois dun "exhaustivo traballo", destacou Rueda, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para revisar e actualizar o Nomenclátor de Galicia que se elaborara en 2003, con máis de 40.000 nomes de municipios, parroquias e lugares.
En total, a institución académica analizou en toda Galicia 4.398 topónimos, tras o que se decidiu modificar 2.335 lugares, 182 parroquias e 12 concellos. Ademais, incorporáronse 1.655 novos nomes con respecto ao documento de hai 23 anos, co que agora este suma 42.909 rexistros.
"A maior porcentaxe de incidencias que presentaba o Nomenclátor Galego de 2003 responde á ausencia de artigo no nome oficial", destaca a RAG no seu informe. Este pode consultarse na páxina dedicada ao Nomenclátor da Real Academia Galega.
- La parada de buses interurbanos en Entrejardines, en A Coruña, se trasladará a partir del 13 de abril a otra ubicación: junto a la sede central de Correos
- Las dos torres de cooperativas que se erguirán junto al Coliseum de A Coruña: casi 200 pisos y todos ya reservados
- El 'súper' fin de semana en el deporte de A Coruña: partido del Dépor, posible ascenso del Fabril y derbi del Leyma
- Panadería Toñito expande su emporio de empanadas en Piadela con la construcción de sus nuevas instalaciones
- Un incendio en una nave de la multinacional Trison en Bergondo moviliza a bomberos comarcales, de Oleiros y de A Coruña
- La Atalaya de los Jardines de Méndez Núñez de A Coruña acometerá trabajos de impermeabilización con la condición de acercarse a su estado original
- El Concello de A Coruña y la Xunta plantean que los taxis de la comarca puedan operar en todos los ayuntamientos del área sin limitaciones
- El Concello de A Coruña sanciona a la organizadora del poblado de Navidad en María Pita: 50.000 euros y tres años sin contratos