Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro, triunfa nos XXX Premios María Casares con seis galardóns

Os premios a mellores actores protagonistas foron para Natalia Pajarito e Fran Lareu, quen tamén levou o de secundario

O equipo de 'Reconversión', co premio

O equipo de 'Reconversión', co premio / La Diapo

A Coruña

O teatro galego celebrou a súa gran festa no teatro Rosalía Castro da Coruña coa entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. Nunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, a obra Reconversión, da compañía Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.

A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e unha vibrante cumbia coa que o equipo artístico da gala —Arantza Villar, Carlos Mosquera 'Mos', María Barcala e Roberto Leal— entrou dende o patio de butacas.

Foi a noite do éxito de Reconversión, pero a 30ª edición dos premios tamén recoñeceu o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.

Fran Lareu, mellor actor protagonista e mellor actor secundario

Fran Lareu, mellor actor protagonista e mellor actor secundario / La Diapo

O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen asinou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión. Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

Unha mensaxe para as institucións públicas

A presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Eva Fórneas, fixo balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: "Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán".

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: "Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida". Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: "Non nos agasallan con nada".

Fórneas rematou o seu discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e os discursos de odio: "Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados", e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: "unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra".

Eva Fórneas, na súa intervención

Eva Fórneas, na súa intervención / La Diapo

Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego finado o pasado verán e Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997. O espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de Oxalá estiveras aquí acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.

Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha "chave decisiva" para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da "caricatura ao suxeito" e pechou a súa proclama cun unánime "Viva o Teatro Galego!".

A AAAG entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez.

Tracking Pixel Contents