Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A cámara de José Suárez, agora tamén ilustracións na Coruña: "Unha cousa que lle dá un superpoder ás fotos é o paso do tempo"

A ilustradora Olaia Sendón presenta na Coruña 'Tras da mirada de José Suárez', un libro con debuxos baseados nas imaxes tomadas polo alaricán, homenaxeado este ano pola Real Academia Galega de Belas Artes

A ilustradora e docente Olaia Sendón

A ilustradora e docente Olaia Sendón / Cedida

A Coruña

Fotografía e ilustración son dúas disciplinas irmás, xemelgas coa simbiose Suárez-Sendón. A ilustradora Olaia Sendón toma coma referencia as fotografías de José Suárez, figura lembrada este ano pola Real Academia de Belas Artes, para presentar Tras da mirada de José Suárez, libro ilustrado para todas as idades que permite unha dobre lectura: unha primeira, simple pero con perfecto sentido, e aquela segunda capa máis profunda, que afonda en cuestións coma a diferenza entre ver e ollar. O libro presentarase este martes, 14 de abril, na sede da Real Academia Galega de Belas Artes, en A Coruña (praza do Pintor Sotomayor, 1), ás 19.30 horas.

Cal é a historia detrás de Tras da mirada de José Suárez?

Este é un álbum ilustrado que traballa en torno ás fotos de José Suárez, só que no canto de facelo dunha maneira moi biográfica, que eu quería fuxir diso, intenta ser, dalgunha maneira, unha reflexión sobre o acto fotográfico e sobre o espectador que mira. Entón, no canto de ordenalo polos feitos biográficos do autor, que están, o que fago é percorrer os diferentes aspectos que van asociados á fotografía. Tamén está a linguaxe fotográfica, explicar que significa. Dito isto, é unha cousa entretida de ler, porque así parece que é un tostón, pero é moi fluído [ri]. Intenta ter moi pouquiño texto, hai moita carga visual; son as imaxes as que mandan, e hai certas frases que podes pensar sobre elas ou lelas sen máis. É dicir, que che permite esa dobre lectura: unha máis relaxada de desfrutar as imaxes, e outra se lle queres dar un pouco máis de pensada a esas frases que hai. E logo ao final si que vén a parte das anécdotas e da vida de José Suárez: hai dúas páxinas onde se percorre a biografía do autor e certas curiosidades sobre as imaxes que acabamos de ver.

Como nace este proxecto?

Porque me dixo Xurxo Lobato que ían propoñer a Pepe Suárez para o Día das Artes Galegas, e cando confirmaron que ía ser así, a min apetecíame facer algo. Eu fixera un libro previo, este é con Galaxia e o anterior con Xerais, que era A fotógrafa Perpetua, onde traballaba un pouco a historia da fotografía. Pero isto era un álbum ilustrado para cativos, a través da ilustración. Quería facer algo semellante a iso. E estiven dándolle voltas, isto xa era outro público, podía ter outros recursos e falar doutra maneira, e así o fixen. Dediquei este tempo a traballalo e en Galaxia tiveron a ben publicalo.

Presenta a obra mañá na sede da Real Academia Galega de Belas Artes. Que ten preparado?

Unha das cousas que imos facer, e algo polo que merece moito a pena vir, xa non só para escoitarme falar, que tamén, ou para ver o libro que estará alí en primicia, son os fotoramas que facemos. Isto é algo que levamos facendo dende hai tres anos, pero poucas veces, e a verdade é que funciona súper ben e é súper divertido. Entón collemos, por exemplo, a foto de Gaivota, a mítica de José Suárez. Bueno, pois nós o que temos alí é unha escenografía onde cada quen que veña pode repetir esa foto. É dicir, nós facémoslle a foto de Gaivota, e vaise coa foto de Gaivota feita. Non metendo a cabeciña, senón que ti tes alí o barco, suxéitao, temos un fondo con ceo azul, están as redes... Todo iso teremos para que a xente que veña poida sacarse unha foto coma as de José Suárez. Iso é algo que triunfa coma a Coca-Cola. Quero dicir, a xente vai e pásao fenomenal.

Onde está a unión entre fotografía e ilustración?

Eu dou clase de foto na Escola de Imaxe e Son, e entón ando moito dándolle voltas a maneiras de presentar o feito fotográfico aos cativos. E pola banda da ilustración, eu son autoidacta; é dicir, non teño formación de ilustradora, pero sempre debuxei moito e sempre me gustou moito traballar coa ilustración coma ferramenta. E a ilustración permite unha cousa moi guapa, cando menos a ilustración que fago eu, que é moi sinxela: permíteche levar a imaxe real e fotográfica a liñas, e quedas con pura composición. En clase sempre estou cos alumnos: 'Bocetade, debuxade, dá igual que saibades debuxar ou non, bocetade, colocade as liñas'. Aí é onde ves a composición, onde ves a angulación, cando reduces e quitas todo o extra e quedas con liñas. José Suárez traballaba algo moi teatralizado, as súas fotos teñen moitísima posta en escena, non é coma outros fotógrafos que poden ser máis libres en canto a composición. Hai fotos del que parecen de película, entón é moi fácil traballar con elas dende a ilustración, porque se fan moi facilmente recoñecibles. A linguaxe de José Suárez é tan visual, que se fai moi doada a tradución.

Neste sentido, o proceso de traballo de ilustración muda ao versar sobre imaxes xa existentes?

Claro, sempre. Eu sempre compoño cun moodboard feito na cabeza; por exemplo, eu sempre traballo cunha paleta de cores que xa defino antes, traballo con algúns preconceptos, pero creo que iso é algo común a todos. Nos meus álbums ilustrados A crebeira marabillas e A fotógrafa Perpetua traballaba cunha cousa moi poligonal, moi xeométrica; mentres que o de Pepe Suárez é moito máis debuxado. Os outros fíxenos directamente co ordenador e para este usei cadernos. É dicir, eu comprei un caderno, que era do mesmo tamaño, máis ou menos, que ía ter ao final, e dediqueime a pintar alí as fotos. A gran diferenza que había era que tiña que facer unha especie de collage, porque a idea non era coller cada foto e facela de maneira independente, que tamén hai algunhas que están así, senón que quería que dialogasen con algo máis. Entón hai fotos que as continuei cara atrás, onde ves como a posta en escena. Noutra ocasión metín varias integradas coma se fose unha mesma realidade.

Hai unha frase na sinopse do libro que chama a atención: 'Cada ilustración recorda que mirar é descubrir o que non se ve á primeira vista'.

Si, está cheo de frases así [ri], déuseme por cagar sentenzas nesta obra. O libro así, na súa claridade, ten unha lectura moi sinxela, porque hai uns textiños, hai uns debuxos bonitos, entón estás vendo e dis: 'mira, que chulo', vas recoñecendo as fotos. Pero tamén é un libro que, se queres con máis atención, pode engadirche certa historia. É dicir, a idea que hai detrás disto é que unha foto podes mirala e xa está, podes pasar por diante dela: 'ah, mira, unha foto', ou podes quedar parado mirando un tempo, e empezar a pensar. Por exemplo, unha cousa que lle dá un superpoder ás fotos é o paso do tempo, as converte en documentos. Daquela ti ves unha foto dos anos 30, e dá igual que foto sexa, que tes para admirar: 'mira como van vestidos, mira o que pasaba, mira o que facían'. Entón disto é do que vai o libro, en realidade: ver é unha cousa e mirar é outra. Imos mirar, non?

Tracking Pixel Contents