Cándido Pazó abre o festival 'Falando a Boca Chea' en A Coruña: "Un contador de historias ten que ser un gran escoitador"
O narrador oral, que reivindica a importancia da oralidade, actúa este mércores no Fórum Metropolitano cunha historia de historias: "Céntrome en como nos chegan e como as procesamos"

O narrador Cándido Pazó / Cedida
A oralidade pode ser unha boa ferramenta na defensa da lingua galega; pode ser, tamén, unha alternativa ás pantallas; un mero entretemento, un xeito de transmitir historias. O festival de narración oral Falando a Boca Chea regresa ao Fórum Metropolitano de A Coruña, un ano máis, contando coa presenza de narradores e narradoras galegas que farán ao público partícipe das súas vivencias. Dende este mércores, 15 de abril, até o sábado, 18, celebraranse espectáculos pensados para diferentes tipos de público, arrincando os encontros co actor Cándido Pazó. As entradas están á venda de forma presencial na praza de Ourense e no propio Fórum, ou na web de Ataquilla.com.
Abre a edición deste ano de Falando a Boca Chea. Que lle suxire que o festival arrinque con vostede?
Primeiramente, non sabía que arrincaba comigo. Segundo, teño que recoñecer, para ben e para mal, que son un dos veteranos da narración oral neste país, así que, bueno, supoño que pensarían que é unha boa idea que un que xa leva tempo arrinque ou remate. Teño obriga, entón, un compromiso de deixar alto o pavillón, de deixar bo ambiente para que a xente que queira vir ás outras propostas, que seguro que vai querer e, en todo caso, se non é así, a culpa será miña, non dos que veñen despois. Así que, por culpa miña que ninguén deixe de vir ao festival [ri].
Que ten preparado?
Titúlase Traficante de Historias, e céntrome en como nos chegan as historias e como as procesamos, e como as combinamos despois. Seleccionei basicamente aquelas que eu non contei, pero sobre todo, máis que que non contara, que iso é complicado, aquelas que hai moitos anos que non conto na Coruña. Pero sempre sobre esa base, de falar da miña condición de traficante de historias, de persoa que escoita moito. Eu creo que un contador de historias ten que ser un gran escoitador, que escoita moito, que recolle moito, que procesa moito o que está pasando ao seu redor. Home que, en certo modo, é a voz de moitísimos e moitísimas no presente e no pasado; que traficamos, que comerciamos, no mellor sentido da palabra, con historias. O ton variará en función do público que teña alí, porque unha vez miras que público tes, escolles ton e seleccionas vocabulario.
Menciona que leva bastantes anos dedicándose á oralidade en galego. Coa súa perspectiva, cre que o público segue escoitando como antes ou agora custa máis captar a atención?
Sempre se di aquilo de que hoxe en día a xente ten unha atención máis curta, porque todo é como moito máis rápido, e os contidos, sobre todo pola influencia do audiovisual e do virtual, son como máis espontáneos. Eu creo que a palabra é tan definitivamente humana, que sempre capta a atención e interesa, se sabes utilizar os recursos necesarios. Evidentemente, pois é como todo, non calquera que pinta un cadro vai captar a atención sobre ese cadro, e non calquera que conte un conto vai captar a atención sobre ese conto, pero a palabra segue interesando porque certamente é o que nos define, o que nos distingue dos, non sei, dos simios. Nós tamén somos simios, pero somos simios que falamos.
Diría que contar historias hoxe é un acto de resistencia contra as pantallas?
Eu non diría de resistencia, sabes? Porque senón parece pantallas versus palabra ou virtual versus vivo. Eu creo que debemos ir cara á idea de que hai tempo para todo, hai momentos para todo, hai enerxías para todo, e hai necesidades distintas en distintos momentos. Aí é onde temos que posicionarnos, porque iso é posicionarse en positivo. E eu estou notando, se me permites facer un pouco o salto ao ámbito do teatro, que hoxe en día hai moitísimo máis público. Mira que levo anos disto, máis público que nunca. Miro Santiago, os teatros cheos, e imos por aí adiante e os teatros están cheos. É algo que falabamos hai tempo, que era que o virtual acabaría por producir unha certa saturación e faría que a xente regresase ao presencial, ao vivo ou ao matérico. Iso está empezando a suceder, pero non quere dicir que entón deixe de funcionar o virtual, non; quere dicir que a xente aprenderá a repartir os seus momentos.
Que ten a narración oral cando un está só frente ao público que non teñan outros xéneros?
Que é moi modulable, que ti podes mirar o público que tes diante, de que tipo de xente está composta, que ambiente hai, como é o momento, que pasou nese día... E, aínda que teñas un plan inicial, de que vas contar estas historias e estes contos, podes operar moito sobre o teu material. Entón o que podes é ser espontáneo, o público ten a sensación de que o que está a pasar alí é vivo, é espontáneo, sucede exclusivamente nese momento e que che están a falar a ti persoalmente.
O galego está a vivir un momento complicado. Considera que a oralidade en galego pode ser unha maneira de defender a lingua?
É unha axuda, si, o problema está en que o mal é tan grande, a doenza é certamente tan grave, que a oralidade é unha medicina máis, pero ten que ser unha medicina que se combine con outros tratamentos máis xerais e incluso masivos. Quero dicir que a doenza é tan grande que o esforzo terapéutico ten que ser tamén moi moi moi grande. A oralidade algo fai, claro, pero evidentemente a oralidade non é a pedra filosofal.
Suscríbete para seguir leyendo
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- Óscar Castro, administrador de la Cocina Económica de A Coruña: 'Vienen personas que cobran una prestación, pero no les alcanza para subsistir
- Estos son los cortes de tráfico previstos para este martes 5 de mayo en A Coruña por la Vuelta Ciclista Femenina
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Eclipse solar en A Coruña: el centro comercial Cuatro Caminos reparte gafas homologadas
- A Coruña está hoy en aviso amarillo por lluvia y tormentas: este es el horario de la alerta
- Iago Cagiao baja la persiana de El Rincón de Alba tras una década en A Coruña y prepara su salto a Betanzos: 'Quería un final bonito
- Sin miradas ni presión: el entrenamiento que buscan cada vez más mujeres en A Coruña