Entrevista | Antonio Tizón Escritor coruñés, presenta a súa novela 'Madriña'
Antonio Tizón, escritor: "Madriña' é unha novela moi arriscada"
O autor coruñés lanza a quinta obra sobre as investigacións do comisario Sánchez Pereiro, nas que mestura a narrativa sobre crimes coas enfermidades mentais

Antonio Tizón, na taberna coruñesa Os Belés, un dos escenarios da súa novela 'Madriña'. / GUS DE LA PAZ
O Fórum Metropolitano acollerá este luns, 20 de abril, ás 19.00 horas a presentación da novela Madriña, a quinta da serie do coruñés Antonio Tizón sobre o comisario Sánchez Pereiro. O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; o profesor de Filosofía Benito Arbaizar; o editor Xabier Romero e o propio Tizón participarán no acto, organizado pola Asociación de Veciños A Gaiteira- Os Castros.
Esta serie de novela negra estaba prevista para tres obras pero agora sae a quinta. Por que?
Crin que non dixera aínda todo o que tiña que dicir, e por iso se foi ampliando.Tiña claro que Madriña era máis perigosa porque sempre a última novela ten que deixar bo gusto nos lectores e tiña máis medo de escribila. Pero ao final quedei moi satisfeito e aliviado porque fun capaz de acabar a serie, que empezou a publicarse no 2014, pero xa estaba traballando nela moito antes.
Pero esta novela ademais é arriscada pola forma que ten.
Si, é moi arriscada. Quería facer unha novela que ligara coa primeira, A antesala luminosa, que tiña dous narradores, pero nesta hai catro narradores, aínda que de feito liga coas catro restantes da serie e con toda a miña obra publicada. Das catro voces narrativas, hai dúas en primeira persoa, o policía e a súa filla. Outra é en segunda persoa, a avoa que lle fala ao neto a través dun magnetófono que é moi difícil porque tiña que conseguir unha voz popular sen caer na vulgaridade nin no castelanismo para ser crible. Hai outra voz en terceira persoa, que é omnisciente e fala da árbore xeneolóxica familiar, o que lle dá un carácter de novela familiar. Creo que en realidade é iso, e quizais esa é a mellor parte da da novela.
Nesta novela retómase o tema da enfermidade mental a través do personaxe de Gustavo.
Non só a través de Gustavo Gallego, senón de toda a familia, porque a avoa tivo seis fillos e catro deles herdaron a enfermidade mental. Quixen facer fincapé na parte xenética da enfermidade mental, xa que hai xenetistas que din que na esquizofrenia o 70% son causas xenéticas e só o 20% son ambientais. Hai un capítulo no que Gustavo Gallego fai unha reflexión sobre a enfermidade mental, incluso relacionándoa coa creatividade, porque parece que hai indicios que demostran que a xente creativa comparte xenes coa que padece enfermidades mentais como esquizofrenia e trastorno bipolar.
O papel de María Dominga coas historias que conta e as coplas que canta é fundamental para a trama policíaca.
Si. Evidentemente, inspireime na miña propia avoa para facer ese personaxe, xa que desde pequeno me contaba historias e cantaba coplas. Para min era unha figura extraordinaria, xa que era unha muller analfabeta, pero dotada dunha sabedoría moi especial e ademais portadora dun inmenso repertorio de cantos populares. Dela non só vén a inspiración da novela, senón tamén a miña a miña vocación literaria.
O libro contén numeros códigos QR. Que obxectivo persegue con eles?
Todas as miñas novelas están levadas ao formato podcast, pero primeiro escribía a novela e despois facía o guión do podcast. Aquí foi ao revés por petición de Henrique Sanfiz, o director de Radio Fene, porque fixen ante o podcast que a novela. Ocorréuseme complementar a novela con todos eses códigos QR, porque aí tes unha banda sonora e unha radio novela onde hai máis de 40 actores e actrices que interpreta. Non é indispensable, pero hai xente que cre que enriquece moito a novela.
A presenza de Carlos Oroza no libro parte da súa admiración pola súa figura?
Iso foi unha pura casualidade. Cando empecei a escribir a novela non contaba para nada con Carlos Oroza, pero de repente convidáronme á Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol e descubrino, xa que non coñecía nada del. Alí todo o mundo empezou a falar de Oroza como o mellor poeta oral do século XX e empecei a investigar durante un ano sobre el. Quedaba alucinado coas cousas que descubría porque é un personaxe moi peculiar. Oroza supón un punto de xiro que cambia por completo a novela e condiciona incluso o resto da trama.
E ademais é unha forma de enlazar co seu amor pola poesía, non?
Claro, aínda que sexa unha poesía moi culta, porque a miña é máis popular, aínda que a paixón é a mesma. Oroza tamén lle dá un carácter vigués á novela, porque as miñas novelas anteriores son moi coruñesas e esta desenvólvese en parte en Vigo precisamente por este personaxe, que ten unha discusión sobre concepción poética con Gustavo Gallego. Creo que o personaxe de Oroza enriquece moito a novela e é unha das causas que explica que se publique en Elvira, unha editorial que se creou en homenaxe a Carlos Oroza.
A publicación de 'Madriña' coincide coa versión en castelán de 'A antesala luminosa'. Que supón ese feito?
Un recoñecemento de algo moi importante, porque publicar en galego ten unhas limitacións e é fundamental trascender este ámbito se aspiras a ter máis audiencia. A edición en castelán é na editorial Renacimiento, moi recoñecida e prestixiosa, e penso tamén publicar toda a pentaloxía en castelán. Para min supón un punto de inflexión.
Dou por feito que xa está a traballar noutras novelas.
Estou traballando noutro proxecto que non ten nada que ver con este, pero non convén falar moito dos proxectos futuros. Xa acabo co xénero negro, aínda que sempre vai estar aí como pano de fondo porque é un tema que me interesa e os escritores teñen que falar do que lles interesa e é un tema inesgotable. Non sei se facer primeiro a novela ou o podcast, porque xa me están chegando ofertas de facer primeiro o podcast.
- El hogar de las focas del Aquarium Finisterrae de A Coruña, en peligro de ser 'inviable' por las filtraciones: el Concello reparará el muro
- El crucero de Burdeos confinado por norovirus, que causa gastroenteritis, hará escala este sábado en A Coruña con 1.700 pasajeros
- Abre en A Coruña un 'takeaway' de comida antiinflamatoria: 'No vamos a poner pollo a la plancha
- Los feriantes de A Coruña, disconformes con la nueva intermodal de A Sardiñeira: 'Somos los más perjudicados de la reforma
- Fin a 60 años de banca en la calle Orillamar de A Coruña: el Santander cierra las oficinas que empezaron con el Pastor
- El crucero 'Mein Schiff Relax' hace su primera escala en A Coruña con más de 4.000 pasajeros y casi 1.400 tripulantes
- El veterano restaurante de A Coruña que conquista Riazor desde hace más de 25 años: 'El nombre significa albahaca en italiano y cuando llegamos no se vendía en los supermercados
- Un coche se mete en sentido contrario en Alfonso Molina escapando de la Policía Local de A Coruña