Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Episodio científico

A primeira observación científica dunha eclipse en Galicia tivo lugar en 1792

Retrato, ficticio,  de José Alonso López.

Retrato, ficticio, de José Alonso López. / LOC

Xosé A. Fraga

O 12 de agosto deste ano, cando contemplemos o singular e impresionante espectáculo dunha eclipse solar total, farán case 234 da que podemos considerar a primeira observación científica dese fenómeno en Galicia. Esa pioneira experiencia tivo lugar en Ferrol o 15 de setembro de 1792 no observatorio astronómico situado a carón do cuartel que albergaba aos gardas mariñas. Coidamos que o protagonista foi José Alonso López, profesor de Matemáticas na Academia deses cadetes, porque ese ano se fixo cargo do observatorio e porque foi el quen deixou rexistro escrito da eclipse na súa extensa obra de 1670 páxinas: Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos, y noticias particulares de esta clase, relativas al Ferrol y a su comarca (1820).

Quen foi o mariño e matemático Alonso López?

José Alonso López e Nobal (1763-1824) naceu na cidade departamental duns pais orixinarios de Sta. Marta de Ortigueira. O seu irmán Antonio seguiu a carreira militar na Armada e, a bordo da la fragata Magdalena, morreu na costa de Viveiro nun tráxico naufraxio en 1810. O outro, Juan, tivo como mestre de Matemáticas a José, quen lle pagou unha estadía de tres anos en París para que alí estudara Ciencias; posteriormente acadaría un notable destino en Madrid, no Laboratorio Físico-Químico establecido no Palacio Real.

Plano de Ferrol realizado por José Alonso. Na parte inferior dereita (marcado cun punto) aparece a localización do observatorio (En ‘Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos...’, 1820).

Plano de Ferrol realizado por José Alonso. Na parte inferior dereita (marcado cun punto) aparece a localización do observatorio (En ‘Consideraciones Generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos...’, 1820). / LOC

A actividade profesional dos irmáns Alonso estivo asociada aos transcendentes cambios que afectaron á súa cidade natal no século XVIII. Lembremos que este ano cumpriranse 300 da creación do Departamento Marítimo do Norte, primeiro localizado en A Graña e trasladado a Ferrol uns vinte anos despois. Ademais, en 1776 estableceuse nel unha Compañía e unha Academia de Gardas Mariñas, na que os futuros oficiais recibían unha formación completa e actualizada en diversas materias científico-técnicas. A cidade converteuse no principal núcleo de poboación de Galicia, constituíndo o Arsenal o complexo naval, científico-técnico e industrial máis relevante do país.

En 1786 José Alonso ingresara na Armada como piloto e seis anos despois foi destinado ao Observatorio Astronómico como profesor de Matemáticas da Academia de Gardas Mariñas. O mariño ferrolán gozou da estima dos seus superiores, como se desprende dun informe de 1796 no que se di:

«Tiene talento claro, matemático, infatigable en el trabajo, que hace con particular afición por su inclinación al estudio y amor a las ciencias matemáticas, que posee, con especialidad la Astronomía; está bien impuesto en los idiomas francés, inglés y latín, tiene buena conducta y fina educación y desempeña con exactitud la clase de navegación que está a su cargo a pesar del trabajo del observatorio que tiene a su cuidado».

O noso protagonista formou parte dunha das xeracións de científicos de maior proxección que operaron en Galicia. O matemático Xosé Rodríguez González xogou un papel fundamental nese grupo, do que formaron parte: o boticario Julián Suárez Freire (Colexio de Farmacia de Santiago); Francisco Esteban Yebra e Francisco Cónsul Jove (no Consulado coruñés); Gabriel Fernández Taboada (Colexio Militar e de Cirurxía de Santiago); José Francisco Vendrell de Pedralbes e Eusebio Bueno (do Colexio de Cirurxía) e Domingo Fontán (na Universidade de Santiago e no Colexio Militar).

«Se registró el cielo con algún aprovechamiento»: o Observatorio da Academia

José Alonso incluíu na súa enciclopédica obra de 1820, en concreto desde a páxina 231 do tomo cuarto, as que denominou Consideraciones generales sobre los cuerpos celestes y noticia de las observaciones astronómicas hechas en el Ferrol.

O texto comeza cun percorrido histórico sobre os avances na Astronomía e ofrece datos dos coñecementos sobre esa materia naquel tempo. O autor explicou as razóns de ser dos observatorios astronómicos e, sobre o labor do de Ferrol, indicou que «esta clase de tareas se practicaron en un observatorio provisional que hacia parte del cuartel de guardias marinas, situado en el extremo más meridional y oriental del pueblo (..) con un corto número de instrumentos que solo podían servir para dar una limitada idea de la Astronomía práctica a los oficiales de marina que se dedicaron a este ramo de sus estudios». Un dos planos que acompañaba a esa obra (e que reproducimos) sitúa o lugar, que —loxicamente— coincide coa descrición antedita. Resulta interesante a información sobre o carácter provisorio da instalación pois posteriormente se construiría outro observatorio que, para evitar limitacións no seu traballo, obrigou a que a igrexa de San Francisco non puidese dispoñer de torres elevadas.

José Alonso explicou os medios con que contaba no observatorio, que cualifica de «cortos recursos»: tres cuartos de círculo de dous pés e medio de radio fabricados por Bird, tres pequenos telescopios da casa Short, tres anteollos acromáticos de Dollond e dous péndulos (un de Ellicot e o outro de Thiout), «que no se usaba por defectuoso». Con eses materiais, «se emprendieron las tareas prácticas astronómicas en abril de año 1788, las que cesaron a fines de diciembre de 1794». A continuación, recolleu as principais observacións e sinalou como balance do traballo desenvolto que, aínda que houbo interrupcións na actividade, «se registró el cielo con algún aprovechamiento». Finalmente ofreceu diversos datos e rematou cun acertado consello: cando se retomaran as observacións deberían ser publicadas.

A eclipse de 1792 no observatorio ferrolán

Unha eclipse é un fenómeno que se produce cando a Lúa agacha ao Sol. Dicimos que é total na zona onde cubre totalmente, e polo tanto se produce a singular experiencia dunha escuridade en horas de luz, e parcial se a Lúa non se aliña perfectamente co Sol e só cubre unha parte do seu disco. O de 1792, do que hoxe falamos, foi parcial, en concreto anular, que ten lugar cando o diámetro aparente da Lúa é menor que o do Sol, bloqueando a maior parte da súa luz e facendo que este pareza un anel.

Alonso recolleu no seu libro os traballos realizados no observatorio astronómico ferrolán nas eclipses parciais de Sol do 15 de setembro de 1792, do 4 de setembro de 1793 e do 30 de xaneiro de 1794. Da primeira desas eclipses, a protagonista deste episodio, sinalou a hora da conxunción, momento exacto no que o Sol e a Lúa acadan a mesma lonxitude eclíptica (cando ambos astros están mellor aliñados no ceo), o comezo (18 h 25 min. 59 s (por método Lalande ou 18 h 25 min 1 s, polo de Sejour) e final (19 h 47 min 15 s ou 19 h 45 min 14,5 s), maior fase e a distancia mínima entre centros do Sol e da Lúa. Engadiu tamén os datos do comezo e final desa eclipse en Cádiz e cos datos procedentes de alí deduciu a diferencia entre os observatorios de Ferrol e Cádiz.

Alonso foi pioneiro en múltiples temas

O primeiro rexistro científico dunha eclipse en Galicia non obedeceu a unha casualidade. A Ciencia precisa recursos e esa observación foi posible porque existía unha institución que realizou unha importante contribución á formación matemática naquel tempo, a Academia de Gardas Mariñas. Ademais, na Ciencia, como en toda actividade, tamén incide o factor humano, a competencia e o esforzo persoal. Neste caso, José Alonso, quen sería pioneiro en diferentes ámbitos do coñecemento no país. Un excelente labor que segue a ser pouco recoñecido.

Xa no resumo biográfico que publicamos hai anos Alfonso Mato e máis eu sobre José Alonso dicíamos que foi o político liberal galego máis destacado das dúas primeiras décadas do século XIX. E engadíamos que «non obstante, e por diversas causas —a escasa calidade da erudición histórica que se practica desde hai décadas en Galicia é unha delas—, a súa traxectoria biográfica e o seu pensamento político, económico e científico permanecen, na actualidade, en boa parte inéditos»*.

O mariño ferrolán defendía

o fomento das ciencias e das institucións científicas, criticaba aos escritores que no XIX citaban aos antigos e non consultaban aos naturalistas e observadores modernos, combatía as supersticións e os erros do vulgo «sostidos por sacristáns», e salientaba continuamente a diferenza entre a razón natural e a Ciencia, entre o práctico rutineiro e o xeómetra, entre o ver e o ver con coñecemento.

Nas Consideraciones generales abondan as cifras, exemplos numéricos e táboas estatísticas, xunto a confección da primeira táboa de vida realizada en España. Ademais, salienta por recoller o rexistro dos primeiros datos meteorolóxicos de que se ten noticia en Galicia e pola utilización do cálculo infinitesimal na análise fiscal, na busca da solución óptima do cálculo da cota do contribuínte.

En medio do esquecemento que xa daquela rodeaba a Alonso, o naturalista Vítor López Seoane reivindicou no século XIX a importancia do seu paisano. Consideraba o seu libro, con razón, como referencia bibliográfica necesaria para o estudo da Historia Natural galega. Grazas a Seoane varios botánicos prestaron atención á contribución de Alonso nese eido, quen presentou un listado de 324 especies consideradas espontáneas, clasificadas segundo o sistema de Linneo. Ademais, incorporou comentarios sobre algunhas delas, indicando as súas condicións ambientais en determinados lugares, como no lago de Doniños e nas praias de Doniños e San Xurxo.

Se cadra, o 12 de agosto —cando gocemos do espectáculo da eclipse— non estaría de máis lembrarnos do esforzo pioneiro de José Alonso aquel 15 de setembro de 1792.

Tracking Pixel Contents