O dúo Caamaño&Ameixeiras abre a gala dos XXV PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz na Coruña: "A lingua nunca nos pareceu unha barreira, todo o contrario"
Na súa actuación, o próximo mércores, 6 de maio, o dúo levará unha sorpresa ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para celebrar ás cantareiras: "Imos facer un pequeno guiño"

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño, do dúo Caamaño&Ameixeiras / LOC
A XXV edición dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz chegará ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña o vindeiro xoves, 6 de maio, ás 20.30 horas. A gala será amenizada con dúas actuacións musicais da man de tres das maiores expoñentes do panorama musical galego: o dúo Caamaño&Ameixeiras e Rosa Cedrón.
Con Sabela Caamaño ao acordeón e a voz e violín de Antía Ameixeiras, as melodías da agrupación vencéllanse á música e ao baile de raíz. Natural de Oza dos Ríos, Caamaño iniciouse na música con sete anos, e iría probando varios instrumentos antes de descubrir o acordeón. "Namoroume completamente", admite. A súa compañeira vén da Costa da Morte, e tamén está vencellada á música "dende ben pequeniña". Compartirán co público da Coruña o seu repertorio con algunha sorpresa na cita do 6 de maio.
O dúo racha as fronteiras xeográficas e, dende o seu nacemento en 2018, expandiu a súa traxectoria fóra do territorio galego e español. Coa tradición coma semente, xermolan composicións únicas engadindo o seu toque persoal. Publicaron o seu primeiro disco, Aire!, en 2021, coroándose gañadoras do PREMIO OPINIÓN da Música de Raíz dese mesmo ano, ademais de obter o Premio Martin Códax da Música 2021, na categoría de folk, e o primeiro Premio Folkez Blai 2021.
Tras ese éxito inicial, a carreira das músicas seguiría medrando co seu segundo traballo, Quitar o aire (2023), que volveu recibir o Premio Martín Códax da Música 2024 na categoría de Folk. Nos últimos anos, colaboraron con artistas coma Rodrigo Cuevas, Fillas de Cassandra e Tanxugueiras. Actualmente están a crear o seu próximo disco, previsto para comezos de 2027.
A súa música parte da tradición galega, pero cun toque contemporáneo. Como atopan ese equilibrio entre raíz e modernidade?
Antía Ameixeiras: É un equilibrio natural, porque as raíces, a música tradicional, están no noso imaxinario musical dende que somos pequenas, e a música contemporánea está na nosa vida. Con música contemporánea referímonos á música que se está facendo, e que nos foi acompañando no noso desenvolvemento como persoas e como músicas. Entón creo que é inevitable esa simbiose, porque esas dúas realidades conviven. Ademais nós cremos firmemente que a música tradicional tamén é actual e que pode ser unha música que no 2026 interese.
Sabela Caamaño: O noso imaxinario musical bebe de todas as nosas vivencias e de toda a música que escoitamos e que nos gusta. Ademais de todo ese substrato da música tradicional, que mamamos dende ben pequeniñas, tamén están as músicas actuais, que somos fillas do noso tempo. Esa mistura é algo natural para nós.
Reinterpretan a tradición ou están a crear algo completamente novo?
S. C.: Nunca se crea nada completamente novo cando traballas con música tradicional. Nós si que compoñemos música, pero, como di Antía, no noso imaxinario está esa tradición, eses ritmos, esas melodías, eses xiros, esas ornamentacións tradicionais... Realmente creo que nunca se crea algo completamente novo, porque é imposible obviar o que se fixo antes e as túas influencias e os que viñeron antes.
A. A.: Non hai unha resposta branca ou negra, a resposta estaría no medio.
Hai xente que clasifica a música galega nun mesmo xénero polo mero feito de estar en galego. Cal é a súa visión sobre o tema?
A. A.: Ese é un debate que xa non ten discusión. Hoxe en día a música en galego está por todos os xéneros: faise jazz en galego, hai pop en galego, faise música urbana en galego, que ademais ultimamente está arrasando con artistas coma 9Louro, que están tendo uns niveis de audiencia e de fans que é histórico. É indiscutible que a nosa industria musical está medrando e abarcando todo tipo de xéneros. Para min é un debate que se queda moi atrás. Moitas veces, a nivel estatal poñen "mellor disco de música galega", e é imposible. Como vas escoller cal é o mellor disco de entre tantos xéneros e de entre tantas disciplinas distintas?
S. C.: Hai esa vontade de separar a cultura principal, entendéndoa estatalmente; de separar a música en castelán daquelas músicas procedentes da periferia. Esta cousa de encasillar, pero en realidade iso parécenos simplista e reduccionista, porque o galego é unha canle máis, unha lingua máis, a través da cal se pode explorar calquera xénero.
Cren que a música en galego, nas súas múltiples representacións e xéneros, está vivindo un momento de renovación?
A. A.: Si, totalmente. Como dicía antes, para min a industria musical galega está rompendo todo tipo de teitos en cantidade de xéneros. Ademais, cada vez máis xente de fóra de Galicia escoita música en galego. Iso paréceme marabilloso. Así coma eu tamén escoito moita música catalá, gústame saber que xente de fóra escoita música en galego. De feito, nós temos un montón de concertos fóra, fóra de España, tamén, nos que a lingua nunca nos pareceu unha barreira, todo o contrario.
S. C.: Valórana como un síntoma ou unha sinal de identidade propia, que incluso xera envexa, moitas veces. O feito de ter unha cultura propia tan forte, tan rica e tan viva.
Que papel ten Galicia na súa música, máis aló do idioma ou das melodías?
A. A.: É onde vives, e onde te criaches fala moito tamén de quen es. No noso caso, a nosa música fala moito de nós. Máis aló das melodías e as letras en galego, ten un pouso que fala de onde somos.
S. C.: Si, claro, a música que facemos fala de nós, e nós estamos endoculturadas [rin as dúas], que é unha palabra que nos gusta moito, na cultura galega. Entón é inevitable que sexa así.
Como nace unha canción de Caamaño&Ameixeiras?
A. A.: Nace de moitas maneiras distintas. Moitas veces creamos a partir de arquivo. A nós gústanos moito ir ao Apoi [Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade] a escoitar o arquivo que teñen alí, que é moi extenso e marabilloso. En concreto, para nós é moi importante este arquivo do Museo do Pobo Galego. Por exemplo, agora que estamos traballando no noso próximo disco, estivemos un montón de tempo alí, escoitando arquivos, escoitando sobre todo o de Mini [Mini Rivas, de Fuxan os Ventos], que a verdade é que é unha auténtica marabilla. El deixouno súper preparado con todas as anotacións perfectamente feitas.
S. C.: Queremos aproveitar, tamén, para reivindicar este traballo de todas estas persoas que recolleron dende o amor a esta música e ao patrimonio inmaterial, e que o puxeron a disposición de toda a xente. Ás veces traballamos co arquivo e, a partir de aí, facemos composicións novas. Moitas veces hai unha melodía que nos gusta e nós compoñemos outra melodía para acompañala, ou outras veces facemos composicións totalmente de cero, moi eclecticamente. Ás veces unha de nós di: 'Mira, ocorréuseme esta idea', poñémola en común e acabamos desenvolvéndoa. Ás veces é a música o que vai primeiro, e ás veces é a letra. A idea é conceptual, a que nos leva a buscar ou a compoñer unha música en concreto. Depende, a verdade é que non temos un proceso moi metódico.
A. A.: O método é que non hai método [rin]. Hai fluír e ir escoitándonos. O que si que facemos sempre é facer todo xuntas dende o primeiro paso. Porque tamén nos gusta que fale de cada unha de nós e que nos represente a cada unha de nós. Temos moita sorte de que estamos moi conectadas musicalmente.
Veñen aos XXV PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz. Que supón formar parte deste evento?
A. A.: Fainos moita ilusión. Ademais estámolo preparando con moito cariño, porque este ano vai dedicado ás cantareiras como fenómeno do ano, imos facer un pequeno guiño, imos facer algunha cousa totalmente inédita e que nos ilusiona por iso. Vai ser un concertiño especial.
S. C.: A pista é que o concerto vai estar centrado nas nosas cantareiras. Igual escóitase a algunha [rin].
Cren que este tipo de galardóns axuda a dar visibilidade á música de raíz?
S. C.: Si, totalmente. Nós cremos que, de feito, os premios, máis que calificar un proxecto, serven para dar visibilidade e para poñer no mapa. Para que, a nivel social, se perciba como algo valioso, que se aprecie o valor que realmente ten. E para que a xente que non está tan metida neste mundo sexa consciente de que existe, de que ten un valor, e de que hai proxectos de moitísima calidade agora mesmo en Galicia, que realmente ten que ser un orgullo para todas.
- El hogar de las focas del Aquarium Finisterrae de A Coruña, en peligro de ser 'inviable' por las filtraciones: el Concello reparará el muro
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- Abre en A Coruña un 'takeaway' de comida antiinflamatoria: 'No vamos a poner pollo a la plancha
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Eclipse solar en A Coruña: el centro comercial Cuatro Caminos reparte gafas homologadas
- Los feriantes de A Coruña, disconformes con la nueva intermodal de A Sardiñeira: 'Somos los más perjudicados de la reforma
- El crucero 'Mein Schiff Relax' hace su primera escala en A Coruña con más de 4.000 pasajeros y casi 1.400 tripulantes
- El veterano restaurante de A Coruña que conquista Riazor desde hace más de 25 años: 'El nombre significa albahaca en italiano y cuando llegamos no se vendía en los supermercados