Rosa Cedrón ameniza en cuarteto os XXV PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz na Coruña: "Cando non me podía expresar coa palabra, expreseime co violonchelo"
A cantante e violonchelista ten preparada "algunha que outra sorpresa" para a gala do 6 de maio no Teatro Rosalía da Coruña, e incorpora a María López á zanfona

A cantante Rosa Cedrón. / Carlos Pardellas
A voz mestúrase coas cordas do violonchelo para compoñer a esencia de Rosa Cedrón. Natural de Monforte de Lemos, dende nova sentiu fascinación por este instrumento, que a iría acompañando nas súas diferentes etapas musicais. Na súa carreira en solitario, despois de formar parte de Luar na Lubre durante nove anos, creou tres discos: Entre dous mares (2007), Nada que perder (2016) e Nómade (2020).
Colaborou con artistas coma Mike Oldfield e Cristina Pato, e foi nomeada en 2024 académica numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes. Tras gañar en dúas ocasións o galardón a Mellor Canción Orixinal nos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz —con Benditas feridas e Ti, miña flor—, Cedrón regresa ao escenario do Teatro Rosalía da Coruña para elevar a gala da XXV edición co seu broche persoal, o 6 de maio ás 20.30 horas. O dúo Caamaño&Ameixeiras tamén actuará no evento, nunha proposta que celebra ás cantereiras.
Gañou dúas veces o Premio a Mellor Canción Orixinal nos PREMIOS OPINIÓN de Música de Raíz. Que representa volver subir a ese escenario?
Nunca toquei en ningunha gala, subín dúas veces a ese escenario a recoller o premio. Entón esta é a primeira vez que imos estar a cargo da actuación musical final. Ademais é algo que preparamos especificamente para este día, para esta ocasión. Contamos, ademais, coa incorporación de María López, a cargo da zanfoña. Vai haber algunha que outra sorpresa, que non teño permitido desvelar ata o día da gala [ri]. Estarei acompañada do meu irmán, Xavier Cedrón, ao violín; Juanjo Fernández a cargo do piano e María López na zanfoña. Creo que lle vai gustar moito á xente, vai ser un percorrido por diferentes estilos musicais e diferentes momentos.
Ten unha ampla traxectoria musical. Como evolucionou a súa relación coa música de raíz?
Son unha mestura un pouco estrana, porque eu empecei na música clásica, despois entrei en Luar na Lubre, e foi cando tomei contacto coa música de raíz. É verdade que cando emprendín a miña carreira en solitario, estaba máis presente esa parte de raíz, pero co paso do tempo foi evolucionando cara a algo máis mesturado entre clásica, raíz, pop... Sempre fun unha persoa con moitas inquedanzas, escoitei moita música. Loxicamente, cando te poñes a compoñer temas, todo iso pesa. Xa non estou nesa música de raíz, pero segue estando ese pouso, ese cheiro atlántico. Iso non se perde, son galega e iso marca, o vivir nunha cidade aberta ao mar. Iso estará sempre.
Formou parte de Luar na Lubre durante nove anos. Que aprendizaxe se leva desa etapa?
Foi unha etapa incrible en moitos sentidos. Foi o meu primeiro contacto coa música galega, coa música tradicional, de raíz... Coa música en galego, que eu viña do Conservatorio e de tocar en formacións clásicas, de cámara, orquestra... Viña dese mundo, vestida de negro e de largo. Foi soltar o corsé, o xustillo, foi moi liberador nese sentido, porque de súpeto puiden subir ao escenario a facer algo diferente que non era tocar o chelo, con máis compañeiros. Iso deume a oportunidade de aprender moitísimo, eses anos foron unha escola impresionante. E despois todas as vivencias, a oportunidade de gravar con Mike Oldfield, a oportunidade de viaxar polo mundo enteiro, subirme a escenarios incribles, compartir con miles e miles de persoas... E experiencias con eles, a verdade é que foi unha etapa moi bonita.
Xa dende pequena sente fascinación polo violonchelo.
Non dende moi nena. Si é verdade que eu sempre estaba cantando, era o que máis me gustaba, canturrear por aí, e chamábanme moitísimo a atención os instrumentos. Cando os meus pais me deron a oportunidade de ir ao Conservatorio e, posteriormente, escoller un instrumento, nesa época estaban a poñer a televisión a serie de Fama, na que había unha violonchelista, a actriz era Lori Singer, e chamoume tanto a atención ese instrumento... Dixen: 'Non vou escoller o que colle todo o mundo: violín, piano, flauta...'. De feito, moi pouca xente había na Coruña estudando violonchelo neses momentos. Tiven a sorte de que sempre foi moi natural para min, moi doado.
Nas súas cancións harmoniza o chelo coa voz. Que lle permite esta combinación que por separado non poida conseguir?
Eu non son dese tipo de músicos que cantan e tocan o chelo ao mesmo tempo, é algo moi complicado. Si que hai xente que o fai, e a min paréceme algo incrible, eu podo facelo ata certo punto, quizais porque non entrenei niso. Eu fun fundamentalmente violonchelista ata que entrei en Luar na Lubre, e aí foi desprazar o chelo, porque entrou a voz. O chelo quedou relegado a temas instrumentais e un pouco de recheo, facendo a función de baixo, algunha melodía... Ata que empecei a miña carreira en solitario. Non investiguei moito no eido de cantar e tocar á vez, pero é moi lóxico: o violonchelo é un instrumento moi similar á voz humana a nivel sensorial, a nivel escoita, a nivel acústico e emocional. Entón é dúas partes do mesmo ser musical. Cando non me podía expresar coa palabra, expreseime co violonchelo, coma se fosen as dúas caras da mesma moeda.
Que quere transmitir cando sobe ao escenario?
Primeiro, busco sentir, porque é o que me mantén pegada á música, se non sería imposible. Porque para alguén que fai a música do estilo que eu fago, é complicado dedicarse a isto ao cen por cen. Para min é fundamental sentir o que estou facendo, senón faría outra cousa, que sería máis tranquilo e máis rentable. Pero isto é unha enfermidade [ri], son unha xonqui da música. Busco esa sensación que me provoca facer música. Despois, a inmensa gratitude de ter a oportunidade de entregarme aos demais, unhas veces mellor e outras peor, porque os músicos somos seres humanos, e como seres humanos temos momentos baixos, de saúde ou de ánimo. Non todos os concertos estás ao cen por cen, pero o máis importante, sobre todo cando non estou moi ben, é o que estás a sentir e facer sentir á xente. O resto deixa de importar, deixa de importar a técnica ou a perfección, en prol do que queres transmitir. É dedicarlles ese momento de calma do espírito, de buscar un pouco de paz, de agarimo, de amor. Estamos moi necesitados diso, hai moitas músicas para festexar, para bailar, para tolear, para pervertirse, incluso [ri]; pero moi pouco espazo para a xente que nos dedicamos a estas músicas máis da alma.
Como ve ás novas xeracións que están reinterpretando a tradición na música?
Hai unha efervescencia incrible. É un proceso lóxico, derivado de todas as novas tecnoloxías e o acceso que teñen agora as novas xeracións á música de todo o mundo. Téñeno na palma da man, no teléfono. Nós antes tiñamos que esperar deus sabe cantos meses por un disco, non era tan doado o poder escoitar outros artistas, ter esas influencias ou o feito de poder aprender dalgún músico como se pode facer agora, con vídeos. Agora téñeno todo moi inmediato, e poden desenvolverse dunha forma moito máis fácil e rápida; poden beber de todas partes e innovar, botar man de todo o que trouxo a modernidade. Hai de todo, e moi bo.
Dende 2024, é numeraria académica da Real Academia Galega de Belas Artes, na sección de música. Como combina o seu labor artístico co institucional?
Non é difícil, porque alí somos todos artistas de música, da pintura, da arquitectura... Somos xente que comparte a vida artística máis activa coa vida artística máis académica. E vai todo da man. Volveume achegar outra vez á música clásica, a ese terreo que tiña un pouquiño abandonado, e está sendo unha etapa moi bonita. Nun lugar cheo de excelencia, estou aprendendo moitísimo. Cando un é músico, está moi pechado no seu mundo, todo é música, pero de súpeto, estar con xente que son eminencias en arquitectura, arqueoloxía, historia, conservación, pintura... É un mundo apaixonante, estou desfrutando moitísimo, estou aprendendo o que non está nos escritos.
Na súa traxectoria en solitario publicou tres álbums: Entre dous mares (2007), Nada que perder (2016) e Nómade (2020). Que historia conta cada un?
Entre dous mares é precisamente a miña historia na música dende que empecei de pequeniña ata que saín de Luar na Lubre, foi ese moverme entre eses dous mundos, entre a clásica e o folk. Tamén reflicte a dualidade na que nos movemos como seres humanos, que está presente en todo: o ben, o mal, o frío, calor, ledicia, tristeza, amor, desamor... Reflicte esas dúas partes do ser. Nada que perder pilloume nun momento no que chegas a ese punto que dis: 'Vou facer o que realmente me peta agora mesmo, e o que a xente espere de min dame igual'. Ás veces un séntese esclavo do que a xente espera de un, e eu sentín que o que a xente esperaba de min era que seguiría facendo o que facía en Luar na Lubre, e para iso non houbera marchado [rin]. O disco é ese tirarse a unha piscina, de aí saíu Benditas feridas. E Nómade foi ese seguir recuperando temas que tiña castigados, como Devolverme el Aire; ese reflexo da vida de nómada estilística, humana, de ir percorrendo camiños e non quedarse moito tempo nun lugar; esa idea de onde veño e cara onde vou, de deixar as portas abertas.
Está traballando en algo actualmente?
Non, a verdade é que non. Están correndo tempos rarísimos con isto da intelixencia artificial, con estéticas musicais que están arrasando que tampouco teñen que ver co que fago, e que saturan o mercado. Teño a sensación de que hai unha loita tremenda para recuperar o espazo para os que facemos unha música máis de alma, máis de terra. O que sinto é que son tempos moi raros nos que é complicado o feito de arruinarse gravando un disco [ri]. É verdade que hoxe, coa tecnoloxía que hai, podes parir discos coma churros, pero se queres que haxa unha calidade, requires de moita inversión económica. Son cousas coas que un queda un pouco desencantado, xa un non sabe moi ben se é que agora funcionan os discos, só temas, ou nas redes, ou en físico... Hai que esperar a ver por onde van os tiros.
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- Óscar Castro, administrador de la Cocina Económica de A Coruña: 'Vienen personas que cobran una prestación, pero no les alcanza para subsistir
- El zapatero de A Coruña que ha reparado más de 160.000 zapatos: 'Mi abuelo era el artesano de verdad, yo soy un sucedáneo
- Estos son los cortes de tráfico previstos para este martes 5 de mayo en A Coruña por la Vuelta Ciclista Femenina
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Eclipse solar en A Coruña: el centro comercial Cuatro Caminos reparte gafas homologadas
- A Coruña está hoy en aviso amarillo por lluvia y tormentas: este es el horario de la alerta
- Iago Cagiao baja la persiana de El Rincón de Alba tras una década en A Coruña y prepara su salto a Betanzos: 'Quería un final bonito