XXV edición dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz: unha gala con impronta das cantareiras
A Real Academia Galega e Uxía son os gañadores da XXV edición dos premios. Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que fará unha homenaxe ás cantareiras, conducirán a gala, na que tamén actuará Rosa Cedrón

O Teatro Rosalía de Castro, na gala dos Premios OPINIÓN de Música de Raíz 2025. / Casteleiro
A gala da vixésimo quinta edición dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz preséntase coma unha velada de melodías e homenaxes, de actuacións e lembranzas. O teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a cita musical este mércores, 6 de maio, ás 20.30 horas. O evento será amenizado con dúas actuacións, de arredor de media hora cada unha, da man de tres das maiores expoñentes do panorama musical galego: Caamaño&Ameixeiras e Rosa Cedrón.
Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras tamén conducirán a gala, e no seu concerto incluirán algunha que outra sorpresa, facendo un guiño ás cantareiras. "Fainos moita ilusión. Ademais estámolo preparando con moito cariño, porque este ano vai dedicado ás cantareiras como fenómeno do ano. Imos facer un pequeno guiño, algunha cousa totalmente inédita e que nos ilusiona por iso. Vai ser un concertiño especial", adianta Ameixeiras.
Subirá ao escenario o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, para recoller o Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano 2025. A decisión de outorgar o galardón á institución foi unánime, tras dedicar o pasado Día das Letras Galegas ás cantareiras, figuras esenciais no panorama musical galego.
A cantante Uxía recollerá o XIX Premio Opinión Andaina Senlleira, que celebra a súa traxectoria artística. A mosense deuse a coñecer no grupo porriñés Na Lúa, gañador do Andaina Senlleira en 2010. Corenta anos de profesión, tanto na agrupación coma en solitario, permitiron a Uxía crear discos esenciais para a música de raíz. O álbum Uxía-O acadou o Premio Opinión en 2017, así coma o recoñecemento do xurado como mellor artista do ano en dúas ocasións.
Sorpresas nas actuacións musicais
O dúo de Caamaño e Ameixeiras combina a tradición coa modernidade, conformando o selo único co que naceu o seu primeiro disco, Aire!, en 2021. Ese mesmo ano coroáronse gañadoras do PREMIO OPINIÓN da Música de Raíz, ademais de obter o Premio Martín Códax da Música 2021, na categoría de folk, e o primeiro Premio Folkez Blai 2021. O seu segundo álbum, Quitar o aire (2023), volveu recibir o Premio Martín Códax da Música 2024 na categoría de Folk. Actualmente están a crear o seu próximo disco, previsto para comezos de 2027.
A cantante e violonchelista Rosa Cedrón tomará o escenario do Rosalía, relevando ao dúo. Ela tamén trae propostas inesperadas, que non ten permitido desvelar "ata o día da gala": "É algo que preparamos especificamente para este día, para esta ocasión", di. Conta, ademais, coa incorporación de María López a cargo da zanfoña, que se unirá á formación habitual: o irmán da violonchelista, Xavier Cedrón, ao violín, e Juanjo Fernández no piano. "Creo que lle vai gustar moito á xente, vai ser un percorrido por diferentes estilos musicais e diferentes momentos", engade Cedrón.
Cunha ampla traxectoria musical —tanto en Luar na Lubre coma en solitario— e colaboracións con artistas do talle de Mike Oldfield e Cristina Pato, foi nomeada en 2024 académica numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de música. Gañou, así mesmo, o galardón á Mellor Canción Orixinal nos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz en dúas ocasións, con Benditas Feridas e Ti, miña flor.
- El mesón con uno de los mejores calamares de A Coruña: 'Aquí la freidora nunca está parada
- Óscar Castro, administrador de la Cocina Económica de A Coruña: 'Vienen personas que cobran una prestación, pero no les alcanza para subsistir
- El zapatero de A Coruña que ha reparado más de 160.000 zapatos: 'Mi abuelo era el artesano de verdad, yo soy un sucedáneo
- Estos son los cortes de tráfico previstos para este martes 5 de mayo en A Coruña por la Vuelta Ciclista Femenina
- La confitería de A Coruña que lleva más de 40 años triunfando con sus sándwiches de miga: 'Todo el mundo dice que saben como los de Buenos Aires
- Eclipse solar en A Coruña: el centro comercial Cuatro Caminos reparte gafas homologadas
- A Coruña está hoy en aviso amarillo por lluvia y tormentas: este es el horario de la alerta
- Iago Cagiao baja la persiana de El Rincón de Alba tras una década en A Coruña y prepara su salto a Betanzos: 'Quería un final bonito