Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xoán Fórneas abre o Corufest co seu primeiro concerto na Coruña: "O máis poderoso dos artistas é a imaxinación"

O gañador do Premio á Mellor Interpretación Masculina Protagonista nos Mestre Mateo reinvéntase no mundo da música e presenta o seu primeiro disco en outono

O actor e músico Xoán Fórneas

O actor e músico Xoán Fórneas / Rafa El Puerro

A Coruña

Actor e, agora, músico. O que está claro é que a esencia de Xoán Fórneas é puramente artística. Tras arrasar en plataformas de streaming como garda civil en La línea invisible (2020) ou coas súas dotes de médico na serie Respira (2024), coroouse mellor actor nos Mestre Mateo pola súa reencarnación de Castelao en Antes de nós (2025). Agora, o lucense dá o salto ao universo musical coma O Xoán. "Non é tan novo, porque eu empecei antes na música que na interpretación", explica Fórneas.

Coa súa proposta, na que mestura tradición, pop e electrónica cun galego moi seu, da man dunha teatralidade sempiterna, O Xoán abre a programación do Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, no teatro Colón da Coruña, este mércores, 6 de maio, ás 20.30 horas. As entradas están á venda na web de Ataquilla.com.

Alén do actor e do músico, quen é Xoán Fórneas?

Sigo considerándome un rapaz que medrou en Lugo e tamén en Castro de Rei, de onde é a miña familia paterna, meus avós. Teño un vínculo moi grande con esa terra, de feito agora vivo alí. A verdade é que me considero unha persoa que está no mundo, no día a día, pero facendo as cousas que máis lle gusta, afortunadamente. Puiden conseguir adicarme ao que sempre quixen, de momento.

Que papel xoga a súa orixe no seu imaxinario artístico?

Bastante. Como actor sempre me baseo en persoas que coñezo, principalmente, persoas próximas a min como para crear os nosos personaxes. A nivel musical, sen dúbida o idioma, a lingua que aprendín e que falo, está coidada. Trato de empregar sons e expresións que eu coñezo e son habituais na miña zona, pero que seguen tendo vixencia hoxe en día. Non trato de usar a lingua con este punto enxebre de empregar palabras moi costumbristas nin nada polo estilo, senón traela aos nosos días. E á hora de crear videoclips e fotografías, tamén está moi presente o meu entorno. En Ferido, por exemplo, o videoclip graveino en Castro de Rei, e todo na miña cabeza pasaba nesas localizacións.

Este mércores actúa no teatro Colón, abrindo o Corufest. Que ten preparado?

Temos un pequeno concerto, en pequeno formato, porque aínda estamos traballando nas cancións do disco, pero imos presentar algúns dos temas novos e imos intentar facer que os asistentes o pasen o mellor posible, e desfrutalo. Pero non deixa de ser un traballo que está todavía medrando, e estamos moi agradecidos de poder vir á inauguración do Corufest, a empezar a sembrar o que vai ser o proxecto de cara a finais de ano. Animo a todo o mundo a que se veña e desfrute, porque temos cousiñas preparadas, sorpresas.

Esta primavera dá os seus primeiros concertos. De que lle vale a súa formación interpretativa nesta nova etapa?

Bueno, non é tan novo, porque eu empecei antes na música que na interpretación. Estudei música de pequeno, empecei cantando antes de actuar. Pero son dúas cousas que veñen moi da man porque, ao final, cada vez que interpretas un tema, tes que interpretar un guión. A interpretación trátase de contar historias, trátase de comunicar, transmitir unha historia, unha mensaxe, unha idea. E na miña música trato de facer o mesmo, quero que o que estou a falar en cada tema sexa ben claro. Para min é unha cousa ben concreta; aínda que trato de que calquera se poida sentir identificado ou que resoe con esa canción, para min está falando dun momento moi concreto cunha historia moi concreta, que é o que tratamos de facer en actuación, ao final. Moitas veces servimos aos personaxes de vivencias e de experiencias persoais.

Como actor, interpreta a diferentes personaxes. Como músico, no momento de subirse ao escenario, métese nun papel máis, ou é un exercicio de maior honestidade?

Claro, cando es actor, sempre está ese servir ao personaxe cousas túas, pero sempre tes esa máscara que te protexe, dalgunha forma, porque non es ti. Na música, si que podo ser máis persoal, e falar de cousas máis próximas a min, experiencias miñas. Penso que a min o que me gusta do artístico é a imaxinación. Para min é unha das cousas máis potentes, entón ti pasas de algo moi concreto e específico a abstraelo, e imaxinas cousas que igual poden acontecer, ou non, ou que aconteceron e lles das unha volta distinta... É dicir, para min o máis poderoso dos artistas é a imaxinación, porque se non estariamos facendo sempre un retrato moi fidedigno da realidade, e aínda que o realismo me gusta, tamén me gusta a fantasía. Sempre a imaxinación e a fantasía son fundamentais para calquera artista.

Cal é a esencia da súa proposta musical?

Boa pregunta. Algo está aparecendo ultimamente, penso que é a teatralidade. Estou xurdindo dunha música da teatralidade e do outro mundo do que veño, tamén, do drama, da comedia; ou sexa que trato de integralo na miña proposta musical, porque hai humor, hai drama, e empeza a haber teatralidade. Estou aínda nos inicios, definíndome como artista musical e probando con xéneros e con estética. O galego está na base das letras, as letras contan unha historia, e o demais é teatralidade, música, drama, comedia.... Hai aí un mix.

Co seu primeiro sinxelo, Ferido, espertou o interese do público. Cal é a historia detrás desta canción?

A historia detrás de Ferido nace dun desamor, dun momento de rabia de cando estás ferido, doído, preguntándote mil cousas, é un proceso de duelo. Para min son as cinco fases dun duelo: hai momentos de máis rabia, hai momentos de negociación, hai momentos de aceptación... Estaba en pleno duelo, e nace diso. Pero xa empezaba a ver a luz, e sabía que doía pero que ía pasar. Cando a compuxen foi un pulso que me levou a dicir: 'Veña, vou a dar este paso xa'. Cando tiven a canción, dixen: 'Creo que é o momento'. E o disco que vai vir este ano é basicamente amor, desamor, experiencias [ri], filosofía, existencialismo amoroso e afectivo... Pero a verdade é que para ser o primeiro sinxelo tivo moi boa acollida, e a vindeira semana lanzo o seguinte.

O álbum sae en outono deste ano. Ao ser o primeiro, como se está desenvolvendo o proceso de produción?

Pois a verdade é un proceso de aprendizaxe. Eu hai anos fixera unha serie musical, teño amigos músicos, e vía como todo ía cambiando a un paso moi rápido. Cheguei a formarme, porque estudei produción musical, estudei un pouco sobre o negocio da música, a industria, que vai a pasos de xigante. Non hai unha fórmula concreta, hai certas cousas que sabemos que hai que facer, pero despois cada un decide ata que punto entra en que cousas. Penso que estamos nun momento moi democrático a nivel musical, que dende a túa casa podes facer música e ensinala ao mundo, e hai moitos artistas que se descobren así. Pero bueno, é unha aprendizaxe constante, e a verdade é que é fermoso facer isto. Non sinto unha presión de 'teño que chegar a uns números', porque é un proxecto moi persoal, e supoño que será ata o día que me canse. Non pretendo facerme rico, a música para min é un lugar onde me sinto moi creativo, artístico, e querería que sempre fose así.

O público coñece moi ben ao Xoán actor. Que ten que coñecer do Xoán músico?

Penso que no Xoán músico váiseme ver máis a nivel persoal, a nivel de como son eu no meu día a día. Porque polo momento non teño un personaxe para estar enriba do escenario. Actoralmente só vén o que facemos a través dos personaxes que interpretamos. E está moi guai, porque ao final cando a xente o valora, a min cústame traballo compoñer personaxes, tomar decisións, facelo todo dun determinado xeito, ensaialos... Entón queres que ese resultado chegue á xente, e ultimamente estou moi satisfeito, porque noto que a xente me coñece máis, falan dos meus traballos... Iso é moi fermoso. Pero a nivel musical hai algo máis persoal, porque falo das miñas experiencias, falo das cousas que me preocupan, de quen son eu, das dúbidas que teño. Estou máis aberto en canal, máis transparente coas miñas cousas do meu día a día. A miña idea é trasladar iso ao escenario, coa música.

En vostede conviven esas dúas almas, ou é máis un único ente artístico?

Eu penso que é o mesmo ente artístico. O que pasa é que noutros países estamos máis acostumados a ver actores que cantan, que fan música ou músicos que interpretan e fan cine. É todo transversal. Aquí sempre houbo esa cousa do medo ao intrusismo laboral, que non digo que non o haxa, porque pode ser que en certos casos si, pero para min sempre foi algo que vai tan da man, que son a mesma cousa. Cando eu estou cantando unha canción, tamén teño que interpretala a nivel emocional. E cando teño un guión, non deixa de ser un pequeno guión en forma de poesía que tes que cantar. Moitas veces a música tamén me axuda nunha rodaxe, ao mellor antes dunha escena estou escoitando segundo que cancións. Penso que vai da man. Hai outras disciplinas, tamén: coñezo a actores que traballan dende a pintura, que pintan os seus personaxes, que pintan as escenas. Ás veces un, cando é artista, pode ter varias disciplinas nas que se sente cómodo. No meu caso a pintura non, para nada [ri]. Admíroa, pero debuxo fatal, horrible. Pero a música foi o primeiro impulso.

Tracking Pixel Contents