Medio século de loita veciñal no barrio de Monte Alto da Coruña: “Non había practicamente nada e foi fácil arrastrar á xente á asociación”
Antigos dirixentes do colectivo lembran conquistas dos seus primeiros anos, que comezaron na clandestinidade, como a mellora da subministración de auga, a gardería e o mercado do barrio

Exdirectivos da aIsabel García Corral, Ricardo Vales, Lois Concheiro, Carmen Pazos e Elena Seisdedos, con documentos da fundación da asociación e boletíns informativos dos primeiros anos. / CARLOS PARDELLAS
“Aquí había un problema moi grande no verán que era a falta de auga, que non chegaba aos pisos e todos os días había cortes. Uns cantos do barrio dixemos que habería que facer algo e montamos a asociación de veciños”, comenta Carmen Pazos, a que foi a primeira presidenta da asociación de veciños das Atochas-Monte Alto, que leva o nome de Torre de Hércules. Os asistentes á reunión fundacional asinaron a acta o 12 de abril de 1976, polo que acaba de cumprirse medio século daquel feito, aínda que de xeito clandestino, porque a Ditadura franquista estaba a piques de rematar e houbo que esperar ata o 13 de maio de 1977 para poder legalizar o colectivo.
“Cando faciamos unha reunión, se viña o delegado gobernativo, falabamos de festas e cando marchaba volvíamos falar do que nos interesaba”, lembra Lois Concheiro, outro dos primeiros presidentes, sobre as dificultades dos primeiros tempos, mentres que Ricardo Vales, tamén presidente naqueles anos, salienta que “daquela a maior parte que estaba nesta movida tiña militancia política”, polo que as asembleas que se facían na igrexa de Santo Tomás “eran unha escola de cultura política, xa que había xente do Partido Comunista, da UPG, do Partido Traballo de España, da Liga Comunista…”

Os exdirixentes da asociación, con fotografías e documentos, durante a conversa sobre a fundación do colectivo. / CARLOS PARDELLAS
Isabel García Corral, directiva naqueles anos, explica que as asociacións de veciños “xa estaban funcionando moito en Cataluña, Madrid e Vigo”, ao tempo que Vales lembra que a mediados dos anos setenta nas Atochas e Monte Alto “non había puntos de luz nas rúas, non había sumidoiros, non había prácticamente nada, polo que entón era moi fácil arrastrar á xente á asociación”, da que menciona que tiña comisións de traballo sobre cuestións como cultura, mocidade, terceira idade e urbanismo.
Na súa opinión, falar destes asuntos supuxo “un estoupido de liberdade despois de corenta anos de ditadura, polo que aparte de resolver os problemas do barrio, o que se quería era lograr unha solución democrática”.
Carmen Pazos pon de relevo que nos comezos da asociación había “tres problemas moi grandes” no barrio, que eran as dificultades na subministración de auga e a carencia dunha gardería e un mercado públicos. A insuficiencia do abastecemento de auga foi o motivo da primeira manifestación convocada pola asociación, que se fixo na praza de María Pita o día que os reis visitaban A Coruña, o 31 de agosto de 1976.
Cre que ata entón “no Concello nin se enteraran de que existía a asociación”, pero cando apareceu na praza a pancarta co lema “Auga para o noso barrio” achegouse aos veciños un xigantesco policía nacional e díxolles: “Os voy a dar hostias hasta en el carné de identidad”.
A creación da escola infantil no barrio supuxo outro fito neste colectivo veciñal, xa que tiña un sistema de xestión indirecto, no que o Concello pagaba unha parte e as familias “unha cantidad insignificante”. Elena Seisdedos, outra presidenta da asociación, lembra o papel desenvolvido polo pediatra Chus Ucieda, que traballou de xeito altruísta no centro e atendeu casos como “o dun rapaz que mordía a todos e non se integraba, xa que descubriu que tiña unas vexetacións terribles e estaba quedando xordo”.
O mercado construiuse nuna antiga canteira do barrio que era propiedade da familia Cervigón e o seu funcionamento foi unha satisfacción para os veciños, o mesmo que a primeira biblioteca da asociación, que abriu nun baixo da rúa Justicia cedido por un veciño e coa que os habitantes do barrio colaboraron levando libros.
Posteriormente a asociación promoveu a construción da actual biblioteca e local social grazas ao crédito solicitado por un veciño para financiar a obra, que puido ser rematada, segundo lembra Concheiro, pola axuda proporcionada por Xosé Luís Barreiro Rivas cando estaba na Xunta.
Este expresidente salienta tamén o papel que xogou para os avances do barrio Juan Manuel Iglesias Mato, coñecido por todos como Palau, ao que califica de “gran mecenas” da asociación, malia que non pertencía a ela.
“Cando chego á cidade deportiva da Torre síntome como se volverá ter trinta anos polo que loitamos para que fora para todos os nenos da Coruña, xa que daquela querían que fora só para o Deportivo”, comenta Elena Seisdedos, quen engade: “Un día estabamos en plena reunión e chegou o que naquel momento era presidente do Deportivo, Antonio Álvarez Rodríguez, que dixo que quería facerse socio porque dicía que vivía na calle Cartuchos, que era mentira, e díxenlle: “Sen ningún problema, con voz pero sen voto”.
Seisdedos menciona tamén a oposición da asociación a que se construira na zona de Durmideiras, iniciativa que tamén defendía Costas, e afirma que os promotores prometéronlle un piso a bo prezo para que calara.
A cabalgata de Reis organizada pola asociación foi a primeira realizada na Coruña, onde non existía outro desfile deste tipo. A condesa de Fenosa deu 25.000 pesetas ao colectivo para montala e Lois Concheiro recorda que tamén se pediu colaboración á parroquia. “Fomos falar con don José, o párroco de San Xosé, que nos chamaba comunistas, para que a cabalgata saira da igrexa, e chegou a saír a toque das campás”, salienta.
Na súa opinión, o barrio “segue tendo problemas como o do cárcere, que é unha vergoña para este Concello, ou o da Agra de San Amaro con esas naves derruídas e cheas de escombros que ninguén dá solucionado”.
Os antigos dirixentes son críticos co movemento veciñal actual. “Na mellor época desta asociación tiñamos 1.800 socios, e creo que se agora sumas os de todas as da Coruña non chegas aos 1.800”, di Vales, mentres que Concheiro pensa que entre as asociación actuais “a da Agra do Orzán está funcionando ben, e tamén as da Gaiteira-Os Castros e do Castrillón-Urbanización Soto.
Para Vales, o papel da Federación veciñal coruñesa é agora “prácticamente inexistente nos grandes proxectos da cidade cando se trata de defender o patrimonio público: parcelas da Maestranza, remodelación portuaria, As Xubias, as Percebeiras en Labañou ou os espazos da Agra”, cando considera que noutrora “sempre estivo presente defendendo as reivindicacións das asociacións nos seus ámbitos de influenza: cidade deportiva da Torre ou a canteira de Santa Margarida onde hoxe está o Pazo da Ópera”.
- El eclipse de Sol llega a los mercados de A Coruña: el Concello distribuirá 20.000 bolsas con el diseño de la Torre
- El Concello de A Coruña da licencia para que Metrovacesa construya 100 viviendas en Visma: los precios arrancan en 293.000 euros
- Las playas de A Coruña estrenan normas este verano: hasta 750 euros de multa por el uso de altavoces o la presencia de animales
- Marineda City abre nueva tienda dedicada al universo femenino
- Medio siglo de la inundación que da de beber a A Coruña: cuando Cecebre anegó casas, fincas y hasta un secadero de algas
- Esta es la inversión millonaria de una empresa japonesa para revivir las «catedrales de la industria» de A Coruña, entre la refinería y Marineda
- José Luis Méndez Romeu: “A Coruña necesita una nueva instalación para la ópera y la ubicación perfecta es el muelle de Calvo Sotelo”
- El plan alternativo para As Percebeiras propone trasladar a Os Rosales parte de la edificabilidad