A poesía de Dores Tembrás, fiestra para mudar o ollar: "Teño a fortuna de ser unha persoa que se fascina con calquera detalle"
A poetisa fundou en A Coruña a editorial Apiario con Antía Otero para difundir a poesía a través de publicacións e obradoiros en centros de ensino: "Hai que facer ese traballo de divulgación, de achega e de aproximación"

A poetisa e cofundadora da editorial Apiario, Dores Tembrás / Casteleiro
A poesía está presente en todos os recantos, para aquelas persoas dispostas a observar, osadas a ter un ollar diferente. Tras unha primeira capa mundana —ou precisamente nela—, agóchase un universo tenro e amábel para quen se deixa asolagar por el: unha planta entre o asfalto, unha árbore en plena floración, uns amorodos nun escaparate. Dores Tembrás, poeta e creadora da editorial Apirario xunto con Antía Otero, é quen de percibir a beleza nas pequenas cousas, para despois atopar palabras que lle fan xustiza no papel.
"Apiario ten unha parte adicada á edición, especializada en poesía en galego, e ten unha parte adicada á formación, que temos unha escola de escrita", relata Tembrás. Nada en Bergondiño, mudouse coa familia a A Coruña cando tiña 7 anos, trocando o rural pola urbe, "momento chave" da súa vida que recolle no seu último poemario, Enxertos (2023).
As súas orixes son fonte de influencia á hora de escribir?
Absolutamente. A min, eses anos no rural construíronme identitariamente. Non sei quen sería de non ter nacido alí, de non terme criado eses anos decisivos, porque creo que hai un imaxinario que teño moi pegado no ADN, un imaxinario que agora se converteu en poético, porque para min ese imaxinario é unha fonte diáfana de referentes, de símbolos dos que tiro para construír a miña obra poética.
Estivo en diferentes lugares ao longo do mundo por mor das súas estadías investigadoras. Con esta perspectiva plural, considera que A Coruña ten algo único que bote en falla noutras cidades?
Por suposto. A Coruña é un lugar magnífico para vivir, eu aquí son súper feliz. Creo que é unha cidade que, sendo pequena, ten moito que ofrecer. Ten moita vida, pero sendo aínda tranquila, segura. Cada bairro ten a súa impronta, e temos un sistema de bibliotecas marabilloso. Ademais, aquí crío aos meus fillos. Si é verdade que o de viaxar polo mundo dache unha perspectiva importante. Nós, por exemplo, cando viviamos en Suecia ao comezo dos 2000, era un lugar absolutamente incrible; a nivel de crianza ou de axudas estaba moi adiantado, nada que ver co que aínda viviamos aquí. Non vou negar que era tentador pensar en quedarnos aló, pero tamén é verdade que estamos moi apegados á terra, por iso sempre estaba na cabeza volver. Tiñamos moi claro que queriamos criar aquí aos nosos fillos.
Queda patente coas súas verbas que ten unha sensibilidade especial e ve poesía nas pequenas cousas. Cales son as súas inspiracións, ou esas pequenas cousas que lle chaman a atención?
É que creo que todo está na rúa, ou cando paseamos, ou cando imos de viaxe en bus. O outro día asistín ao club de lectura de Enxertos, e había unha pregunta tamén un pouco nesta liña, porque é verdade que teño a fortuna de ser unha persoa que se fascina con calquera detalle. Vou pola rúa, vexo unha pegatina e fágolle unha foto, ou de súpeto decátome de que hai unha árbore que está florecendo. Hai tantas cores... Pasas por diante dun colmado e ves unhas fresas marabillosas. Quero dicir, todo iso está, e está ao alcance de todos. O que pasa é que, quizais, é verdade que para min hai case un modo cotián, que é a procura da beleza. Eu levo como, non sei se un radar, pero estou atenta ao que me rodea, e creo que iso tamén me vén da miña crianza, porque a observación no campo e no rural é fundamental. Está incorporado en min, e agora que vivo na cidade, esa procura está completamente incorporada á miña vida.
Esta capacidade de fascinación non é algo que teña todo o mundo. Para iso ten que nutrir á súa nena interior, estar en contacto coa nena que foi?
É que eu creo que nunca me abandonou, creo que está tremendamente viva en min. Claro, agora son unha adulta de 47 anos, pero creo que hai moitas cousas que se manteñen na ollada, que non mudan. Non sei se hai unha maneira de alimentala, pero para min é crucial manter esa posibilidade permanente de fascinación. É unha parte fundamental da miña vida, paréceme que é algo marabilloso, que é un rastro de alegría, que é un rastro de felicidade. Enseguida incorporo todo o que esperta ese detonante, e xa estás no día doutra maneira. É exactamente iso, vives o día doutra maneira. E creo que hai millóns de detonantes pola rúa, ao mellor é verdade que non todo o mundo ten esa capacidade para fascinarse, pero eu creo que hai tantísimas cousas que poden fascinar... E, dende logo, a nena está completamente viva en min.
Como é o seu proceso de creación cando se empapa destes fenómenos, para trasladalos despois ao papel?
Depende do poema. Hai poemas que nacen dun concepto que está moi claro e que me acompaña, normalmente, durante moito tempo. Hai poemas que nacen dunha imaxe, dun detonante visual. Outros nacen dunha emoción ou dun evento, algo que acontece un día, unha anécdota que quero capturar. A orixe dos textos é de moi diferente índole, pero é realmente o poema o que se impón. Aparece a palabra, ou aparece a imaxe, ou hai unha emoción, que pode ser de alegría, de medo, de perda... Entón, intento penetrar nela, excavar dalgunha maneira e ver ata onde me leva.
Leva Apiario con Antía Otero. Que máis proxectos ten para a difusión da poesía, ou que estean enfocados nela?
Apiario digamos que cobre toda a nosa vida, porque ten esa parte editorial que é fundamental, pero tamén temos unha parte de formación. A nosa sede física está en A Coruña, na rúa Pondal. Agora estamos facendo unha campaña en centros de ensino, que antes era máis ben na primavera, pero agora xa empezamos en outono, e ata xuño. Imos a moitos centros de ensino con obradoiros que queren aproximar a poesía, a escrita poética ou a escrita creativa con proxectos, ás veces moi concretos: achegar a obra de Filomena Dato, por exemplo. Pero tamén temos unha oferta grande de obradoiros, hai moitísimos na nosa web: Penélope, Poesía+Graffiti, Versos en pegatina, Poesía de muller... Todos poñen o foco na palabra, que é o que a nós nos interesa. Antía e mais eu tiñamos moi claro cando arrancamos o proxecto que para nós iso era fundamental, que a palabra estivera no centro, que neste caso é a palabra poética.
Cre que actualmente a poesía é algo accesíbel para todo o mundo?
Creo que debería selo. A poesía é un xénero que ten a capacidade de iluminar, de atravesar, de afectar en moi poucas palabras. Que ocorre? Que, quizais, a maneira na que se ensina nas escolas non é a máis propicia para que os nenos e os adolescentes sintan que é un xénero próximo a eles. E ese é o traballo que nós facemos, que intentamos facer: achegar a poesía. Dende logo, somos conscientes de que non é un xénero de masas, pero nós temos clubs de lectura de poesía específicos, e as persoas que se achegan e ás que vas dotando desas ferramentas para entrar nese código son lectoras súper leais. Ao mellor comezan dicindo: 'É que eu non sei ler poesía. Son moi lectora, gústame moito ler, pero a poesía non'. Bueno, a poesía non, porque ao mellor non tiveches a fortuna de que unha profesora no instituto che levara da man. Entón eu creo que hai que facer ese traballo de divulgación, de achega e de aproximación. Ademais vivimos nun país que ten tantas poetas extraordinarias, tan magníficas, que como non imos achegar esas obras? Ás veces hai como certo medo, ás veces prexuízos, ás veces respecto, e por iso son tan importantes todos os obradoiros, talleres, clubs... Todo o que signifique gañar e atraer lectoras, porque é un xénero extraordinario.
- El Puerto de A Coruña tiende la mano al de Ferrol: pone 'a su disposición' sus muelles para apoyar el desembarco de la fábrica de coches de SAIC
- El eclipse de Sol llega a los mercados de A Coruña: el Concello distribuirá 20.000 bolsas con el diseño de la Torre
- El Concello de A Coruña da licencia para que Metrovacesa construya 100 viviendas en Visma: los precios arrancan en 293.000 euros
- Marineda City abre nueva tienda dedicada al universo femenino
- Medio siglo de la inundación que da de beber a A Coruña: cuando Cecebre anegó casas, fincas y hasta un secadero de algas
- Esta es la inversión millonaria de una empresa japonesa para revivir las «catedrales de la industria» de A Coruña, entre la refinería y Marineda
- José Luis Méndez Romeu: “A Coruña necesita una nueva instalación para la ópera y la ubicación perfecta es el muelle de Calvo Sotelo”
- El plan alternativo para As Percebeiras propone trasladar a Os Rosales parte de la edificabilidad