Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Diana Varela regresa á poesía na Coruña: "Quíxenlle dar a volta para contar a historia dende o punto de vista feminino"

A poeta presenta na Coruña 'Serea e Ulises', facsímil dun conxunto de poemas que revisitan a historia entre Parténope e Ulises dende o punto de vista da serea

A poeta Diana Varela

A poeta Diana Varela / Amora

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

A alma de Diana Varela é unha alma de poeta. Tras navegar pola novela, o teatro e o ensaio, e despois de estar preto de 15 anos sen escribir poesía, a nacida en Corme regresa con Serea e Ulises, unha edición facsímil de poemas que toman o punto de vista de Parténope para contar unha historia de amor, de como o desexo se mestura co temor á perda da liberdade nas relacións convencionais.

A autora presenta o volume o xoves, 14 de maio, na Asociación de Veciños de Agra do Orzán, na Coruña, ás 20.00 horas. O poemario, que mantén de forma íntegra a caligrafía orixinal da autora, imprímese na editorial Medulia, da que Varela é codirectora dende o 2014.

Estivo preto de 15 anos sen escribir poesía. Que a impulsou a volver?

Supoño que vén de cuestións de tipo persoal. A poesía, no meu caso, polo menos, non é algo que se poida facer de maneira racional, non é dicir: 'quero escribir un poema' e poñerme a escribilo. É algo que nace por impulso. E así xurdiu este libro, dunha necesidade persoal de expresarme. Utilicei como fío condutor a historia da serea e de Ulises, porque é un mito que sempre me interesou moito e que me valeu para darlle forma ao libro.

O punto de partida é o mito de Parténope e Ulises, pero cal é a esencia dos poemas deste volume?

É un libro de amor, así de simple e de complexo [ri]. É un libro de amor, o que pasa é que dende un punto de vista que aborda as contradicións que unha relación amorosa pode ter. Tamén, a perda de liberdade que implica, case sempre. A idea era utilizar a figura da serea, do mito da serea, porque é a representación da muller libre. Á parte, as sereas cantaban, entón tamén é un pouco a vida da artista, que as sereas andan de aquí para alá, nadando en liberdade. E unha relación amorosa convencional, que neste caso está representada por Penélope, fai dubidar á protagonista do libro. E, de feito, nun dos poemas a serea dille expresamente a Ulises que ela a Ítaca non vai. Digamos que Ítaca representa o doméstico, pecharse nunha casa... Todo o que conleva unha relación convencional.

As sereas adoitan representar a tentación, pero no seu poemario personifica, como comenta, a muller libre.

Si. Teño que aclarar que este facsímil pertence a un libro máis extenso que ten o mesmo título, Serea e Ulises, pero neste facsímil, que fixen eu escrito á man, coa miña letra, soamente se recollen os poemas que falan de serea e Ulises. Pero é un libro máis extenso onde se abordan cuestións de crítica social, en relación ao papel da muller e da visión que se ten dela. No mito da serea e Ulises, sempre se contou a versión de Ulises, na que foi a serea quen o tentou co seu canto, cando a serea non é que o tentara, estaba cantando, simplemente, foi Ulises o que foi a xunto dela [ri]. Quíxenlle dar a volta para contar a historia dende o punto de vista feminino, que tantas veces falta.

Agora que o menciona, unha das cousas máis chamativas do volume é que está publicado coa súa caligrafía de forma íntegra.

Si, porque estamos nun momento no que hai este debate tan tremendo a nivel artístico co tema da mal chamada intelixencia artificial. Este é o número un dunha colección que iniciamos na editorial na que traballo, en Medulia Editorial. Vén a reivindicar o humanismo máis auténtico, desde o punto de vista de que a caligrafía é unha pegada dactilar, é un posicionamento a favor do humano, dos froitos da creación humana, non de ningún tipo de robot que fai produtos xerados desa maneira artificial. A caligrafía incluso se utiliza a nivel xudicial como proba, é unha representación da personalidade. Porque incluso, aínda que a través da intelixencia artificial se puidera reproducir, nunca vai ser capaz de reproducir, por exemplo, como afincamos o boli ou o lapis no papel, en función do que esteamos escribindo. As emocións tamén se plasman a través da caligrafía, por iso se usa a nivel pericial, porque se ve como se presiona o boli, e iso é único e inimitable.

Na contraportada aparece un dos poemas do facsímil, que empeza con 'esperta, galego, responde'. Por que esta peza, resume ben o contido do libro?

Porque eu creo que tamén é un canto a iso, a espertar, a moverse, a nadar. É un poema e un poemario de amor, pero tamén de esperanza. Entón por iso digo así, 'móvete'. Por iso o escollín para a contraportada do libro, porque me parece representativo tanto do libro como de min mesma, que son finalmente positiva, a pesar de todo [ri].

Para crear este poemario, viaxou por lugares emblemáticos do mito. A posterior escritura e publicación foi, en contraposición, unha viaxe interior?

Si, logo de atravesar momentos de crise persoal, un amigo que me coñece ben e que sabía que tiña entre mans este proxecto, comentaba: 'Diana, fai o que mellor sabes facer'. Que bueno, non sei se é o que mellor sei facer, pero vai comigo dende que teño uso de razón, que é escribir, e a maneira na que me expreso a través da poesía. Entón por iso foi un empuxón para eu acabar de facer este libro, e estimuloume tamén a animarme a facer esta viaxe, que había moito tempo que quería facer. A min gústame moitísimo viaxar, fixen esta viaxe eu soa, ademais. Estiven en Taormina, que é un sitio emblemático a nivel literario, aí estivo Oscar Wilde, e está moi vencellado ao teatro, tamén, ten un dos teatros máis referenciais a nivel mundial. Estiven en Isola Bella, que supostamente é onde vivía a serea, e pasei horas nesa praia [ri]. Fixen unha viaxe preciosa, percorrín a costa toda en tren e en moto, gustoume moitísimo e tamén axudou moito a rematar o libro. De feito, tanto me gustou, que este ano vou volver.

A de Parténope e Ulises é unha historia da mitoloxía grega. Segue tendo vixencia nos nosos días?

Eu penso que é revisitada, de feito agora está de moda pola película de Sorrentino. Penso que é un mito, como todo, como os contos clásicos, que hai que darlles unha volta, e tamén falalo dende o punto de vista da muller, que sempre nos tiveron aí sen poder dar a nosa versión, a nosa opinión dos feitos. Entón eu penso que si, que son formas de contar cousas. O que pasa é que claro, tense que contar dende un punto de vista actual, non podemos dar por feita a visión da realidade de hai 50 anos, ou de hai 100 anos. Eu considero que está ben usar estas metáforas, estas parábolas, estes mitos, pero dándolles unha volta actual.

En 2014 pasou a coñecer a outra cara do universo literario, converténdose en codirectora da editorial Medulia. Que perspectiva lle aportou iso á hora de seguir escribindo?

Lonxe do que poida pensar moita xente, o traballar nunha editorial, de feito, foi unha das razóns polas que tardei tanto en retomar a escrita da poesía. Porque traballo tan metida no mundo do libro, que é o que teño que facer, é o meu traballo, traballar para os demais. Entón, o meu deixeino un pouco de lado, ata que, coma comentaba, por circunstancias volvín, porque o necesito, porque para min é unha forma de vida e sentirme eu. Eu, se non escribise poesía, non sería eu. Porque desde que son pequeniña, a miña nai ten gardadas as libretas de cando eu era pequena, xa escribía desta maneira. Supoño que vai coa miña personalidade. A poesía sempre está aí cando máis a necesito, nunca me falla. Volver é moi importante para min, porque nunca estiven tanto tempo sen escribir.

Escribiu tanto poesía, coma novelas e tamén teatro. Con que xénero se sente máis cómoda?

Coa poesía, sen dúbida. Logo teño outras vías de expresión, coma o teatro, no seu momento, que tamén me permite utilizar varias voces, o emprego de personaxes tamén me interesa moito como forma de análise da natureza humana. E logo algunha noveliña, tamén, pero o que máis sinto como propio é a poesía, indubidablemente. É o que máis me toca a nivel íntimo, o que máis me arrastra, o que máis me absorbe. De feito, cando estou no proceso da escrita, son case unha zombi, pensando nos textos. Ás veces estou facendo outra cousa, pero na cabeza sempre teño o poema no que estea traballando nese momento, sempre o levo comigo nun papeliño, e dándolle un millón de voltas.

Presenta o poemario o xoves, 14 de maio, na Asociación de Veciños de Agra do Orzán, ás 20.00 horas. Que ten preparado?

Estou nerviosa, porque hai moitos anos que non escribo poesía, hai 15 anos. O libro que escribín hai 15 anos publiqueino máis tarde. Pero quero dicir que, aínda así, hai moitos anos que non presento nada. Entón, un libro de poesía, que me toca tan fondo... Estou nerviosa, pero ao mesmo tempo tamén con ilusión, porque é un encontro con amigos, con amigas, e gústame moito esta sensación de sentirme arroupada pola xente á que quero e que me quere. É un momento moi bonito na vida.

Tracking Pixel Contents