Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

15 anos recompoñendo o pasado para devolverlle o futuro a Galicia: "Na Coruña hai unha cantidade enorme de patrimonio que se perdeu"

Un equipo de "frikis" apasionados cumplen 15 anos de traballo. O Centro Infográfico Avanzado de Galicia recupera en 3D edificios desaparecidos e escenas históricas, con varios proxectos centrados na memoria arquitectónica coruñesa

Recreación Hotel Atlantic de A Coruña, 1923

Recreación Hotel Atlantic de A Coruña, 1923 / CIAG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

Hai edificios que xa non existen, rúas que mudaron para sempre e espazos que só sobreviven en fotografías antigas ou en planos esquecidos nos arquivos. Fronte a ese baleiro, o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) leva quince anos facendo algo pouco habitual: devolvelos á vida. Non con ladrillo, senón con tecnoloxía 3D.

O que comezou como unha intuición converteuse nun proxecto consolidado con arredor de 300 reconstrucións virtuais do patrimonio galego perdido, inacabado ou que nunca chegou a construírse. Detrás deste traballo hai un equipo de profesionais do modelado 3D que, xunto con investigadores, arquitectos e historiadores, reconstrúen o pasado cun rigor case arqueolóxico.

"O CIAG nace un pouco de forma casual", explica Anxo Miján, xefe de proxectos do centro. "Todo parte dunha visita do noso fundador, Carlos Paz de Lorenzo, ao arquivo histórico de Ourense. Alí viu a cantidade de proxectos, edificios e patrimonio que desapareceran ou que nunca se chegaran a facer. E decatouse de que todo iso se estaba perdendo sen que a xente fose consciente", indica.

Recreación do CIAG da antiga praza da Fariña, Cidade Vella de A Coruña, S. XVIII

Recreación do CIAG da antiga praza da Fariña, Cidade Vella de A Coruña, S. XVIII / CIAG

Esa idea foi a semente dun proxecto que buscaba algo máis ca recrear imaxes: recuperar a memoria colectiva. "Había unha cantidade inmensa de patrimonio desaparecido en Galicia do que practicamente o 90% da xente non tiña nin idea. A intención era volver traelo, que a xente soubese o que houbo e fose consciente dese pasado", resume.

Quince anos despois, o equipo medrou ata contar cunha decena de profesionais fixos e múltiples colaboracións externas. "Todos os que traballamos no CIAG somos uns auténticos frikis. Encántanos isto, se non non o poderiamos facer", asegura. Mais o obxectivo segue sendo o mesmo, aínda que con novas liñas de traballo. "Xa non pensamos só en reconstruír arquitectura. Tamén queremos recuperar a memoria histórica: personaxes, escenas, acontecementos. Meter a xente dentro deses espazos e entender o que pasou alí", sinala Miján.

A "simbiose" cos investigadores

O proceso non é sinxelo. Cada reconstrución comeza cunha fase de investigación na que se recompilan planos, fotografías, textos ou calquera documento dispoñible. A partir de aí, o equipo levanta o modelo en 3D, sempre en colaboración con expertos que validan cada decisión. "Non é facer un 3D bonito. Todo está supervisado para que sexa o máis fiel posible. Dende as ventás ata os materiais ou os elementos decorativos", explica.

Ese rigor fai que o traballo do CIAG sexa algo máis ca unha recreación visual. En moitos casos, as propias reconstrucións axudan aos investigadores a comprender mellor os espazos. "Cando pasas dun plano en papel a un volume en 3D, cambian moitas cousas. Vimos hipóteses que se modifican porque, ao velo reconstruído, os investigadores entenden que non podía ser así. Ao final é coma unha simbiose onde os investigadores nos axudan e nós axudamos aos investigadores", apunta.

"Non había a sensibilidade que hai agora"

A Coruña é un dos territorios onde este labor ten maior presenza. A cidade concentra varios dos proxectos máis recoñecibles do centro, con exemplos como o Hotel Atlantic, o Teatro-circo Emilia Pardo Bazán, o antigo mercado da praza de Lugo ou a Casa Gótica do Parrote. "Como en case todas as cidades galegas, na Coruña hai unha cantidade enorme de patrimonio que se perdeu co crecemento urbano", explica Miján. "En moitos casos non había a sensibilidade que hai agora, e iso fixo que desaparecesen edificios moi importantes".

A diferenza, neste caso, é que parte dese patrimonio conta con abondosa documentación. "En proxectos como o Hotel Atlantic ou o teatro había fotografías e planos, o que facilita moitísimo o traballo. Podes ser moito máis preciso porque sabes exactamente como era", sinala.

O resultado non é só unha imaxe. En moitos casos, as reconstrucións intégranse no entorno actual ou convértense en experiencias inmersivas. "Podemos facer dende imaxes ata percorridos en 360 graos ou experiencias de realidade virtual. É como camiñar por un espazo que desapareceu hai décadas ou séculos", explica.

Recreación do Pavillón Lino & Órgano Gavioli, Reforma de 1914 nos actuais Xardíns Méndez Núñez

Recreación do Pavillón Lino & Órgano Gavioli, na reforma de 1914 nos actuais Xardíns Méndez Núñez da Coruña / CIAG

Mais se hai algo que define o traballo do CIAG é a súa dimensión emocional. Porque non só reconstrúen edificios, tamén reconstrúen lembranzas. O caso da antiga vila de Portomarín, desaparecida baixo as augas dun encoro, é un dos exemplos máis claros. "Houbo xente que se puxo a chorar ao ver as súas casas en realidade virtual. Aí decátaste do que significa isto", lembra.

Esa conexión tamén se percibe en proxectos máis próximos. "Ás veces recibimos mensaxes de xente emocionada ao ver unha reconstrución. Mesmo pequenos detalles, como ver chuvia nunha escena, fan que a xente se identifique e conecte con ese pasado", conta.

Anxo Miján,

Anxo Miján, xefe de proxectos do CIAG / LOC

Quince anos despois, o reto segue sendo enorme. "Hai tanto patrimonio por recuperar que non nos vai dar a vida. Só en castelos desaparecidos hai máis de 200, e en castros falamos de miles", recoñece Miján.

Aínda así, o equipo non deixa de mirar cara ao futuro. Na Coruña xa hai novos proxectos en camiño, aínda pendentes de confirmación. E o obxectivo segue sendo o mesmo que no inicio: reconstruír o pasado para entender mellor o presente. "Ao final, o que facemos é devolver á vida algo que xa non existe", conclúe. "E cando ves o resultado, decátaste de que non é só tecnoloxía. É memoria".

Tracking Pixel Contents