Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Política municipal

Ana Pontón arroupa a Avia Veira como candidata do BNG á alcaldía da Coruña: "Exerce a política de verdade, a da proximidade, pegada á rúa"

"A cidade ten que ser da xente común, esa que fai que cada día siga viva", reivindicou a cabeza de lista dos nacionalistas nas próximas eleccións municipais, no acto público de presentación da súa candidatura, celebrado este xoves en Monte Alto

Avia Veira, no centro, arroupada por Ana Pontón e Francisco Jorquera, este xoves, en Monte Alto.

Avia Veira, no centro, arroupada por Ana Pontón e Francisco Jorquera, este xoves, en Monte Alto. / CASTELEIRO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

A candidata á Alcaldía da Coruña polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), Avia Veira, proclamou na súa presentación como cabeza de lista nas eleccións locais de maio de 2027 que quere ser alcaldesa para que "ningunha persoa sinta invisible" e converterse nunha rexedora "próxima, de despacho aberto, presente en cada barrio", que "escoita e que traballa".

Veira elixiu a praza de Indalecio Prieto, "no corazón de Monte Alto", o barrio no que naceu e do que é veciña, como escenario para presentarse como candidata ante a cidadanía coruñesa, arroupada pola líder do BNG, Ana Pontón, o portavoz dos nacionalistas no Concello, Francisco Jorquera. Na súa intervención, reivindicou que, "para ser xusta e avanzar", A Coruña "tense que facer desde abaixo" e, para isto, insistiu, é necesario que se teña en conta cada barrio. "A cidade ten que ser da xente común, esa que fai que cada día siga viva", salientou, antes de expoñer "por que" quere "ser alcaldesa da Coruña", cunha candidatura que implicou un paso que, para ela, "simplemente, era o correcto".

Veira salientou que quere converterse nunha rexedora "próxima, de despacho aberto, presente en cada barrio", que "escoita e que traballa".

"Non me asusta a responsabilidade, nin o traballo, nin a entrega que isto implica, porque creo que as cousas se poden facer mellor", relatou. "Serei alcaldesa próxima, de despacho aberto, presente en cada barrio, escoitando máis do que falo e traballando máis do que prometo. E conseguir que ningunha persoa sinta invisible", insistiu.

AVIA VEIRA PRESENTACION CANDIDATA ALCALDIA CORUNA

Acto público de presentación de Avia Veira como candidata do BNG á Alcaldía da Coruña, este xoves, en Monte Alto. / CASTELEIRO

Fronte a ela, a candidata do BNG á Alcaldía da Coruña ve "un Partido Popular que só representa o pasado, e cada día máis pasado e máis pasado", e que "cando gobernou na Coruña dedicouse a enterrar millóns de euros no túnel da Marina, que ignorou aos barrios (...) que pagou con diñeiro público costaleros de Semana Santa e que derrubou as casas de veciños de Elviña", destacou.

Pontón insistiu en que A Coruña precisa “un cambio de rumbo” porque, advertiu, “xa sabe o que dan de si os gobernos do bipartidismo estatal, cun PP e un PSOE que fan unha cousa cando están na oposición e outra cando están no goberno municipal”

Veira estivo arroupada no acto deste xoves en Monte Alto pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen dixo dela que "ten a forza, o proxecto e o liderado necesarios para facer que a Coruña dea un gran paso adiante”. unha muller loitadora e reivindicativa, unha política pegada á rúa que mira aos ollos da xente", salientou a líder dos nacionalistas galegos, quen reivindicou a “Coruña en grande” na que "pensa Avia Veira", unha cidade —explicou— con mellores servizos públicos e con calidade de vida, con máis cohesión social e un urbanismo de calidade que poña as persoas no centro. “Unha Coruña en grande significa sustentabilidade, inclusión e benestar social, e significa vitalidade económica, social e cultural”, subliñou. 

AVIA VEIRA PRESENTACION CANDIDATA ALCALDIA CORUNA

Acto público de presentación de Avia Veira como candidata do BNG á Alcaldía da Coruña, este xoves, en Monte Alto. / CASTELEIRO

A portavoz nacional do BNG insistiu en que A Coruña precisa “un cambio de rumbo” porque, advertiu, “xa sabe o que dan de si os gobernos do bipartidismo estatal, cun PP e un PSOE que fan unha cousa cando están na oposición e outra cando están no goberno municipal”, como sucedeu —exemplificou— coa débeda do Porto. “Segundo quen teña o bastón de mando en María Pita e na Moncloa, PP e PSOE defenden que esa débeda debe ser asumida polo goberno do Estado ou calan a boca para non molestar os seus respectivos xefes en Madrid”, advertiu. "No BNG só temos unha palabra e temos claro que sempre estamos do lado da Coruña e dos seus veciños e veciñas”, agregou.

"Avia Veira é unha persoa aínda nova, pero sobradamente preparada, que conxuga a enerxía e a ilusión dunha persoa nova coa experiencia de moitos anos de traballo na política local", apuntou Jorquera

Pontón tamén tivo palabras de agradecemento e recoñecemento a Francisco Jorquera, portavoz do BNG no Concello da Coruña e candidato dos nacionalistas á Alcadía nas dúas últimas convocatorias electorais, quen abriu o acto deste xoves en Monte Alto, escenificando o relevo e a continuidade do proxecto do BNG na cidade. "Avia Veira é unha persoa aínda nova, pero sobradamente preparada, que conxuga a enerxía e a ilusión dunha persoa nova coa experiencia de moitos anos de traballo na política local", apuntou Jorquera, quen dixo tamén da candidata do BNG á Alcaldía da Coruña que comparte con Ana Pontón a "solidez e solvencia" que achegan á política galega, xunto con "corazón e empatía".

Tracking Pixel Contents