Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

Alberto Lema, exconcelleiro da Coruña, premio Xerais de Novela 2026 con 'A boca do río'

Ivana Gómez Abuín e Santiago Lopo fixéronse co Premio Merlín de Literatura Infantil e o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Alberto Lema

Alberto Lema / VICTOR ECHAVE

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Coruña

O escritor e exconcelleiro de Emprego, Turismo e Promoción Económica na Coruña, Alberto Lema, vén de ser galardoado co premio literario máis importante de literatura en lingua galega, o Xerais de Novela que neste 2026 celebra a súa XLIII edición. Fíxoo co libro A boca do río.

Canda el, tamén foron galardoados Ivana Gómez Abuín co XLI Premio Merlín de Literatura Infantil por A banda da Albóndega e Santiago Lopo co XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por A lingua dos grifóns. Ivana Gómez Abuín é lucense, pero é residente en Sada. Os tres galardóns teñen unha dotación de 10.000 euros.

Na Galicia da posguerra

Tal e como indica a editorial Xerais na sinopse do libro, A boca do río trata sobre a Galicia da posguerra, onde a burguesía franquista non se conforma co poder político e económico, senón que tamén se quere facer dona da terra, da auga e da memoria do país. "A boca do río é unha novela que afonda nas prácticas abusivas dos acólitos da ditadura, e amosa que o discurso de 'reconstruír e modernizar' non era máis que unha coartada para levar a cabo inmensos negocios privados", explican.

“Esta é unha historia sobre as alianzas entre o poder político e o económico e as resistencias populares que se lle opoñen nun período marcado polo terror e polo ascenso dunha nova elite dirixente no estado franquista, os chamados tecnócratas”, conta Alberto Lema.

Segundo explica o autor, “o libro ten un período de escrita duns catro anos, entre o 2022 e o 2026 e nace do meu contacto directo coa zona de Belesar e San Fiz, en Chantada, do interese pola figura do Piloto e polos procesos de desposuimento e extrativismo, como é o caso”.

Entrega en outubro

Alberto Lema é licenciado en Filoloxía Inglesa e traballador da Real Academia Galega. É autor tamén de outros libros como Pazo de Inverno, publicado en 2021 e que trataba sobre a súa etapa como concelleiro; Da Máquina (2012), Sidecar, que foi premio Ánxel Casal en 2009 ou Unha puta percorre Europa (2008) e os poemarios Plan de fuga (2008), Crónica do chan (2014) e Río Grande (2026).

O acto de entrega dos premios literarios de Xerais de 2026 celebrarase o 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Tracking Pixel Contents